Santiago Carro García, nado en Santiago de Compostela en 1889 e finado en Madrid o 24 de novembro de 1966[1], foi un médico galego.
Traxectoria
Estudou bacharelato no Instituto de Santiago, graduándose en 1905, e despois fixo Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, licenciándose en 1912 con premio extraordinario. Na súa época de estudante colaborou na revista Galicia, con artigos sobre a repoboación forestal, a pesca en Galicia, a Exposición Rexional de 1909 ou as festas do Apóstolo Santiago. Ademais, pertenceu ao Grupo Esperantista de Santiago, formando parte da xunta directiva xa en 1906[2], meses despois foi nomeado "cónsul esperantista" na cidade[3] e en 1908 publicou El idioma internacional y el esperanto (El Eco de Santiago).
Exerceu de axudante de Fisioloxía e Hixiene na súa facultade. Despois Especializouse en gastroenteroloxía no Instituto Rubio, onde foi profesor da Consulta de Vías Dixestivas, e doutorouse na Universidade de Madrid en 1914 coa tese Contribución al estudio de la atonía y dilatación atónica del estómago. Especializouse nos cancros gástricos e intestinais, as hernias diafragmáticas e na alimentación humana en xeral.
En 1917 publicou Regímenes alimenticios de las enfermedades del aparato digestivo y de la nutrición, obra premiada pola Real Academia Nacional de Medicina. En 1934 ingresou en dita academia, coa lectura do discurso El dolor gástrico en las enfermedades extragástricas. En 1929 participou nas I Xornadas Médicas Galegas, celebradas na Coruña, onde presentou o traballo “La úlcera duodenal latente” e a comunicación “Ptosis intestinal”. Foi socio do Seminario de Estudos Galegos.
Colaborou na Revista Ibero-Americana de Ciencias Médicas, en España Médica e na Revista Médica Gallega, publicación da cal pertenceu á dirección científica. Foi fundador e codirector da Revista de Higiene y Sanidad Pública, membro do comité directivo da Gaceta Médica Española e da Revista Española de Enfermedades del Aparato Digestivo y de la Nutrición, e redactor da revista Medicina.
Foi secretario xeral do Colegio Oficial de Médicos de Madrid e mais da Academia Médico-Quirúrgica Española, e presidiu a Sociedad Española de Patología Digestiva y de la Nutrición dende 1940. En 1945 ingresou na Orde Civil de Afonso X[4], e en 1952 foi nomeado procurador en Cortes polas Reais Academias[5].
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas