Para outras páxinas con títulos homónimos véxase:
Sanguñedo.
Sanguñedo é un lugar da parroquia de Sanguñedo, no concello ourensán de Verea na comarca da Terra de Celanova. Nel atópase a igrexa parroquial. Tiña vinte e nove habitantes no ano 2020, dos cales quince eran homes e catorce eran mulleres.[1]
Xeografía
Este lugar dista da capital do concello 4,1 quilómetros pola estrada OU-0206.
A aldea é atravesada polo regato do Sobradiño e o Regato de Sanguñedo.
Toponimia
Sanguñedo é un fitotopónimo[2], ven do arbusto sangomiño, sanguino, sanguvino ou sanguineto (Rhamnus sanguineus)[3] (Cornus sanguinea).[4] Este arbusto require solos frescos e lixeiros. Gosta dos lugares húmidos e sombrizos. Atópase en terreos baixos ou de media montaña. A madeira é de excelente calidade, de cor branca rosada, moi dura e resistente. Utilizábase para facer mangos de ferramentas e pequenas pezas torneadas. As pólas magras empregábanse en cestaría, e as máis grosas para titores ou espeques na xardinaxe. Tamén foron utilizadas para facer setas, de feito o arqueiro prehistórico Ötzi levaba setas de sangomiño. En canto ao seu uso medicinal, a cortiza desecada é un potente laxante; mentres que os froitos, cocidos en leite, empregábanse para combater a sarna.[4]
Patrimonio
A igrexa de San Salvador foi construída a principios do século XVIII, conta con algúns elementos complementados no século XIX. Segundo a inscrición do canteiro que se atopa na fachada posterior, a obra foi rematada no ano 1707. A fachada ten unha porta de lintel sinxela e remata cunha cornixa curva.[5] Nos extremos da cornixa érguense dous pináculos puntiagudos rematados en esfera. O campanario está conformado por dous arcos romanos, nos cales se atopan dúas campás, unha por arco. Por riba deste corpo hai outros dous pináculos, similares aos situados na cornixa, e máis unha estrutura triangular sobre a cal está un pararaios ornamental con forma de cruz grega. A igrexa conta con tres altares; o altar maior ten un retablo construído en 1713 polo escultor Gregorio Álvarez, veciño de Quintela de Leirado e dourado por Agustín Vázquez; nel atópanse as imaxes da Inmaculada, San Francisco, Santo Antón e San Xosé. Os altares colaterais do Evanxeo da Nosa Señora do Carme e da Epístola da Nosa Señora das Dores, albergan as tallas da Virxe do Carme, Santa Tereixa, Santo Antón e San Bieito.[6]
O cruceiro de Sanguñedo está situado no Campo do Outeiro, diante da igrexa de San Salvador de Sanguñedo a medio camiño entre o lugar de Sanguñedo e Outeiro. Data do mesmo século que a igrexa (s. XVIII). O pedestan consta de tres chanzos, sobre el atópase un varal, primeiro cuadrangular e logo octogonal, que engarza cun capitel dórico e remata nunha cruz florenzada ocupada, no anverso, por un Cristo de expresividade dramática con pano de pureza e, no reverso, por unha Virxe orante sobre anxo.[7]
Galería de imaxes
Lugares e parroquias
Lugares de Sanguñedo
Parroquias de Verea
Notas
Véxase tamén
Outros artigos