Para outras páxinas con títulos homónimos véxase:
Sabela.
Sabela Arias Castro, nada en Lugo o 24 de xullo de 1969, é unha pintora e historietista galega.
Traxectoria
Estudos
Estudou na Escola de Artes Aplicadas Ramón Falcón de Lugo, obtivo a licenciatura na facultade de Belas Artes de Salamanca e proseguiu os estudos de posgrao na Universidade do País Vasco.[1][2]
Cómic
Sabela Arias é a creadora das viñetas de "Historias de Icía e Avoa". Comezou a crealas en 2003 e foron publicadas despois de 2006 en Terras de Santiago, e máis tarde apareceron en El Correo Gallego até hoxe. Esta tira é unha conversa entre avoa e neta na que falan da vida con retranca.
Pintura
A súa primeira exposición foi no ano 1988 na súa cidade natal.
A busca desta artista plástica é sen ningunha dúbida a cor, o espazo e a textura, na que o tema muda case que anecdótico, caendo nun mundo de ríos de pigmentos case sempre na gama cálida. Nesta bagaxe descobre distintas técnicas e sensacións que van pouco a pouco fundíndose co seu eterno encarnado nos lenzos.
Cuncas, torques, persoas, galerías, unha descrición dunha sociedade que pasea diante de nós para que descubramos formas e cores. Vemos a través dos anos cambios nas temáticas, aínda que a súa investigación sempre vai ó redor da experiencia da cor e dos ritmos que xorden dentro do seu espazo.
Obra
Pintura
- Cuncas (1989). Nesta serie, os protagonistas son, por unha banda, a cor vermella e, por outra, os obxectos de barro chamados "cuncas".
- Medo (1993). É unha serie curta, realizada no Salvador na que se aprecia un debuxo expresionista así coma o emprego de materiais pouco habituais como mercurocromo, terra, café etc. O formato deste traballo é moi pequeno, axeitado á falta de materiais e á dureza retratada.
- Torques (1996). Trátase de obras que describen as pezas de ouro prerromanas: torques dourados e azuis que fan relaxa-la retina do ommipresente vermello na obra de Arias Castro.
- Choivas (1998).[3] Posiblemente, esta serie titulada "Chuvias, brétemas e outras veladuras atmosféricas", sexa a que presenta unha paleta máis galega. os grises e verdes amosan a paisaxe cando non se pode ver.
- Xentes (dende 1987). Aínda que a serie comeza en 1987, vai ser unha constante na súa obra: mulleres e homes que se enchen de cor e ofrecen unha danza no espazo.
- Galerías (2003–2006). Unha paisaxe urbana, chea das galerías que se ven nas cidades galegas e chea de cor, fundamentalemente vermello, aínda que tamén aparecens verdes e azuis.
- Paisaxe cotiá (2006)[1] Nesta obra destácase a beleza do cotiá, o retrato das pequenas cousas, de xestos normais; non de grandes acontecementos. Como noutras ocasións, a cor é o protagonista, xunto coa luz e a sombra. Esta obra foi exposta en Nova York, O Salvador, A Haia, Santiago de Compostela,[4] e A Coruña, entre oustros lugares.
- Conversas (dende 2015)[5][6]
Ilustración
Banda Deseñada
- Píntome de cores (1999). Lugo: Ed. Citania.
- Historias de Icia e Avoa (Condensadas) (2013). Betanzos: Eiravella.[7]
Recoñecementos
- XIVª edición do Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán[8]
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Martínez Crespo, José (2000). Corpus Christi en Redondela. Pontevedra: Ir Indo. ISBN 9788476806081.
- Iglesias, Baldomero (2000). O papel que mudo escoita. Lugo: Xermolos.
- García Cerrada, Juan (2018). El futuro lo dibujan las niñas. Alcalá de Henares,Madrid: Gráficas Solana. ISBN 978-84-88754-75-2.
Ligazóns externas