SERCA son as siglas coas que se coñece certo encima ATPase tomadas do seu nome inglés, sarco/endoplasmic reticulum Ca2+-ATPase (ATPase de Ca2+ do retículo sarco/endoplásmico), tamén chamada SR Ca2+-ATPase. Trátase dunha P-ATPase do tipo das ATPases de calcio, que bombea calcio.
Función
A SERCA está localizada no retículo sarcoplásmico dos miocitos. É unha ATPase de Ca2+ que transfire Ca2+ desde o citosol da célula ao lume do retículo sarcoplásmico a expensas da hidrólise do ATP durante a relaxación muscular.
Na cara citoplasmática da SERCA hai 3 grandes dominios: os dominios de fosforilación e de unión a nucleótido, que forman o sitio catalítico, e o dominio actuador, que intervén na transmisión de cambios conformacionais importantes.
Parece ser que, ademais das súas propiedades de transporte de calcio, a SERCA1 xera calor nalgúns adipocitos [1][2] e pode mellorar a tolerancia ao frío nalgunhas ras.[3]
Regulación
A taxa á que a SERCA move o Ca2+ a través da membrana do retículo sarcoplásmico pode ser controlada pola proteína reguladora fosfolamban (PLB/PLN). A SERCA é normalmente inhibida pola PLB, coa cal está estreitamente asociada. O incremento da estimulación β-adrenérxica reduce a asociación entre a SERCA e a PLB por fosforilación da PLB pola PKA.[4] Cando a PLB está asociada coa SERCA, redúcese a taxa de movemento de Ca2+; despois da disociación da PLB, o movemento de Ca2+ increméntase.
Outra proteína, a calsecuestrina, únese ao calcio dentro do retículo sarcoplásmico e axuda a reducir a concentración de calcio libre dentro do retículo sarcoplásmico, o cal axuda á SERCA para que esta non teña que bombear en contra dese alto gradiente de concentración. O retículo sarcoplásmico ten unha concentración de Ca2+ moito maior (10.000x) no seu interior en comparación co citoplasma. A SERCA2 pode ser regulada por microARNs, por exemplo miR-25 suprime a SERCA2 na insuficiencia cardíaca.
Por razóns experimentais, a SERCA pode ser inhibida pola thapsigarxina (unha sesquiterpeno lactona extraída da planta Thapsia garganica) e inducida pola istaroxime (un fármaco experimental).
Parálogos
Hai tres parálogos deste encima, que se expresan a varios niveis en distintos tipos de células, que son os seguintes:
Hai ademais isoformas postraducionais de SERCA2 e SERCA3, que serven para introducir a posibilidade de respostas de recaptación de Ca2+ específicas do tipo celular e incrementa a complexidade global dos mecanismos de sinalización por Ca2+.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas