Rosa María Miguélez Ramos, nada en Ferrol o 27 de agosto de 1953, é unha política galega do PSdeG-PSOE.
Traxectoria
Licenciada en filoloxía románica, cursou estudos de Bioloxía en Francia. Milita no PSdeG-PSOE, do que foi membro da comisión executiva como secretaria de participación cidadá e movementos sociais de 1988 a 1993.
Nas eleccións municipais de 1983 encabezou a candidatura do PSdeG-PSOE á alcaldía de Ares e foi elixida alcaldesa, de 1991 a 1995 foi tenente de alcalde. Entre 1987 e 1989 foi Directora Xeral da Comisión Interdepartamental da Muller e xefa de Gabinete do Conselleiro de Traballo e Benestar Social da Xunta de Galicia. Foi elixida deputada nas eleccións ao Parlamento de Galicia 1989 e ata 1993 foi vicepresidenta da comisión de sanidade do Parlamento de Galicia.
De 1994 a 1999 foi asesora técnica da delegación do PSOE no Parlamento Europeo, ata que foi elixida deputada nas eleccións ao Parlamento Europeo de 1999 e 2004. De 1999 a 2009 foi vicepresidenta da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo e entre 2002-2003 vicepresidenta da Comisión Temporal sobre o Reforzamento da Seguridade Marítima. Ademais, de 1999 a 2004 foi vicepresidenta primeira da Comisión Temporal MARE pola catástrofe do Prestige.
Dende o 24 de xullo de 2009 é a presidenta da Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria (SAECA).
Popularmente é coñecida por ter sido albo dunha agresión física na cafetaría do Parlamento de Galicia en 1993, por parte da daquela militante do PPdeG Karina Falagan.[1]
Notas
- ↑ Latorre, Xavier (1993-07-21). "Una militante del PP golpea a una diputada del PSOE en el Parlamento gallego". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2021-10-21.
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas