Rodrigo Beruete Alejandre,[1] coñecido como Gitano, nado en Vilagarcía de Arousa cara a 1902 e finado no mesmo concello o 16 de febreiro de 1937, foi un sindicalista e guerrilleiro galego.
Traxectoria
Xornaleiro. Pertencía á Federación Local da CNT de Vilagarcía de Arousa. Foi procesado na Audiencia provincial por atentado con Juan Caamaño Tobío en xullo de 1933, acusados de agresión a un axente de vixilancia cando entraron no café American bar de Vilagracía o 24 de xullo de 1932.[2]
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu ao monte e organizou un grupo guerrilleiro no monte Xiabre con outros fuxidos: Ángel Buceta Loroño, Ramón Rodríguez Carregal, Francisco Baamonde García, Manuel Martínez Freire, José Torres Eiras, e Serafín Brea Otero, ao que se foron incorporando Urbano Tarrío Montero, Manuel Limeres Ordóñez, Juan Gil Quintela, Antonio Basilio Sayanes González, Pilar Fernández Seijo e Manuel Díaz Hermo. Foi reclamado en agosto polo xuíz militar de Vilagarcía mediante requisitoria xunto con Félix Fernández Prieto, acusados de secuestro.[3] Perseguidos pola Garda Civil, o exército, os carabineiros e as milicias de Falanxe e a Garda Cívica de Vilagarcía, o 13 de febreiro de 1937 cercan a casa de Pilar Fernández en Trabanca Badiña onde estaban refuxiados, pero lograron fuxir. Na persecución morreu Manuel Díaz Hermo e Ángel Buceta entregouse ao día seguinte. O 16 de febreiro foron cercados nunha casa de Loenzo, os franquistas prendéronlle lume ao edificio e morreron carbonizados Rodrigo Beruete, Pilar Fernández, Manuel Limeres e Antonio Sayanes. Os cadáveres foron trasladados ao cemiterio de Vilagarcía e soterrados nunha fosa común sen nome.[4]
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas