Rimas (Bécquer)

Rimas (Bécquer)
Edición das Rimas de 1871, o primeiro volume dos dous que compuñan as Obras de Bécquer
Título orixinalObras (rimas)
Autor/aGustavo Adolfo Bécquer
OrixeEspaña
Lingualingua castelá
Xénero(s)poesía
Data de pub.1870
Na rede
BNE: XX2303607
editar datos en Wikidata ]

As Rimas de Bécquer é o conxunto de poemas deste escritor sevillano do ‘tardorromanticismo español’. Foron publicadas trala súa morte con ese título.[1] A obra é universalmente recoñecida como «a máis fonda e fina poesía do século XIX, en ton menor»,[2] malia que as opinións sobre ela foron moi variadas. Foi ridiculizada por Núñez de Arce, máis tamén eloxiada por Antonio Machado, Rafael Alberti e Federico García Lorca,[3] e homenaxeada por Rubén Darío e Juan Ramón Jiménez.[a] A primeira edición reunía 76 poemas breves, mentres que algunhas edicións posteriores inclúen até 96 pezas poéticas. Entre os estudos clásicos realizados sobre a obra destacan os de Rafael Montesinos, José Luís Cano ou Luis Cernuda.[4] Nos aspectos formais, resulta innovadora a abundancia da rima asonante e os versos libres.[5]

Libro de los gorriones

Bécquer deixou composto o manuscrito titulado Libro de los gorriones: colección de argumentos, ideas y planes de cosas diferentes que se concluirán o no según sople el viento, asinado en 1868 como «Gustavo Adolfo Claudio D. Bécquer», conforme o antedito documento, que se conserva na Colección de Obras Maestras de la Literatura da Biblioteca Nacional de España, en Madrid.[6][7]

Trala morte do poeta, ao parecer, sen coñecemento do manuscrito, os seus amigos Narciso Campillo e Augusto Ferrán recompilaron a obra de Bécquer –que ordenaron e revisaron con diversa, discutible e discutida fortuna–,[8] e publicáronna nunha primeira edición titulada Obras en 1870.[b][4] En 1871, fíxose unha nova edición (cun prólogo de Rodríguez Correa) en dous volumes. Incluían, baixo o título de Rimas, os 76 poemas recompilados, xuntamente coas súas Leyendas, co fin de axudar á viúva e mais á súa descendencia.[9]

En 1914, o hispanista Franz Schneider,[c] tralas súas pescudas na Biblioteca Nacional de Madrid, deu a coñecer o manuscrito do Libro de los Gorriones. Tratouse dun achado documental que implicaría unha nova revisión das Rimas. Isto débese á «aparición de poemas non publicados na edición de 1871, a súa distinta ordenación e a autoría das numerosas correccións do texto».[d] Descoñécese o paradoiro do manuscrito entre 1868 e 1896, ano no que a Biblioteca Nacional llo comprou a Consuelo B. de Ortiz por vinte e cinco pesetas.[7]

Detalles técnicos

A rima XXVII, autografiada por Bécquer no manuscrito titulado Libro de los gorriones.

O Libro de los gorriones foi escrito nun caderno de pauta, datado o 17 de xuño de 1868.[4] No interior aparece a Introducción sinfónica e o ensaio incompleto sobre La mujer de piedra. Despois de cincocentas páxinas en branco, a partir da 529, Bécquer reescribe de cor as Rimas. O motivo foi que o libro orixinal, confiado ao seu protector, o ministro da Unión Liberal, Luís González Bravo, perdeuse no saqueo á súa casa durante os disturbios revolucionarios de 1868. O manuscrito inclúe nos rexistros 529 a 531 o índice das Rimas, e no rexistro número 537, setenta e nove rimas precedidas do título: «Poesías que recuerdo del libro perdido».[4][10]

Rafael Montesinos, na súa edición revisada de 1995,[e] presentou o corpo "definitivo" das Rimas e incluíu a Introducción Sinfónica escrita por Bécquer, seguida de 76 rimas. Como apéndices, achega «Las tres rimas rechazadas por Bécquer»,[f] amais de «Cuatro poesías publicadas por Ramón Rodríguez Correa, fuera del contexto de las Rimas, en la cuarta edición de las Obras (1885)»,[g] e unha «Poesía que no figura en las ediciones de Fernando Fé» (a titulada La gota de rocío). Montesinos engade outros dous apéndices, un co poema Lejos, y entre los árboles, e outro cos «Versos apócrifos de Ferrán y Campillo para la 1ª ed. (1871)».

Contexto e estilo

Manuel Altolaguirre considerou a poesía de Bécquer como a máis humana do Romanticismo español.[h][11] Situado no nacemento da poesía moderna en termos cronolóxicos e estilísticos,[2] semella que Bécquer intuíu dalgún xeito a gran repercusión popular que ían adquirir os seus versos co paso do tempo cando escribiu: «a poesía popular é a síntese da poesía».[12]

O 20 de xaneiro de 1861, nunha análise publicada en El Contemporáneo, sobre a obra La Soledad, de Augusto Ferrán, poeta e amigo do sevillano, Bécquer escribe:[13]

Hai unha poesía magnífica e sonora; unha poesía filla da meditación e a arte, que se engalana con toda a pompa da lingua, que se move cunha cadenciosa maxestade, fálalle á imaxinación, completa os seus cadros e condúcea ao seu antollo por un sendeiro descoñecido, seducíndoa coa súa harmonía e a súa fermosura. Hai outra natural, breve, seca, que agroma da alma como unha chispa eléctrica, que fere o sentimento cunha palabra e foxe, e ispe de artificio, desembarazada dentro dunha forma libre, esperta, cunha que as toca, as mil ideas que dormen no océano sen fondo da fantasía (...) A primeira ten un valor dado: é a poesía de todo o mundo. A segunda carece de medida absoluta, adquire as proporcións da imaxinación que impresiona: pode ser chamada a poesía dos poetas (...) Unha é o froito divino da unión da arte e a fantasía. A outra é a faísca inflamada que agroma ao choque do sentimento e a paixón.


Gustavo Adolfo Bécquer (186).

Max Aub preséntao como herdeiro de san Xoán da Cruz na loita contra «a imposibilidade de expresar os sentimentos». Lembra, amais, a influencia do «elemento feminino de Heinrich Heine» (que xa fora descuberto por Emilia Pardo Bazán e explicado por Díez-Canedo), que o sevillano talvez coñeceu a través das traducións que Eulogio Florentino Sanz realizara sobre a poesía de Heine.[2] Aub tamén o enfronta ao seu contemporáneo Arthur Rimbaud. En efecto, responde as preguntas que o francés deixou sen contestar na súa carreira por ir alén na innovación poética «no nacemento da poesía moderna».[14] Finalmente, Max Aub relaciónao tamén con Lord Byron, e percibe na poesía de Luis Cernuda[14] a suma deste e mais do de Sevilla.

Así mesmo, os diferentes estudos críticos destacan a depuración do Romanticismo feita por Bécquer, e desposúen a expresión do ampuloso ou histriónico. Deste xeito, ábrese un novo estilo poético, evocado por poetas posteriores como Antonio Machado, José Martí ou Pablo Neruda.[15]

De entre os numerosos estudos e investigacións, cómpre mencionar, ademais, os de Dionisio Gamallo Fierros (1948), de Jesús Domínguez Bordona e dos hispanistas norteamericanos Russell P. Sebold (1994) e W. S. Hendrix.[16]

Temática

Malia supoñer unha notábel simplificación do conxunto de motivos poéticos incluídos nas Rimas, poderían destacar, en trazos xerais, catro temas ou bloques:

  • a poesía como inspiración innata
  • o amor esperanzado e gozoso
  • o fracaso amoroso
  • a soidade que leva ao pesimismo

Tamén se sinala a insistencia no binomio «amor/traizón» e a súa «aparente sinxeleza expresiva». Como indicaba Aub, foxe da rima rica e consegue unha musicalidade interna nova no verso.[14][17]

Principais edicións

A partir da selecta bibliografía reunida por Montesinos en 1995, poden seleccionarse como edicións capitais das Rimas –ou dos conxuntos de poemas de Bécquer así titulados–, os seguintes libros:[18]

  • Libro de los gorriones, edición facsímile con nota preliminar e transcrición de Guillermo Guastavino Gallent. Un estudo e transcrición das Rimas por Rafael de Balbín e Antonio Roldán. Madrid: Ministerio de Educación y Ciencia / Dirección General de Archivos y Bibliotecas, 1971.
  • Libro de los gorriones, edición facsímile que reproduce a encadernación do manuscrito orixinal.
  • Edición dentro do estudo La semana pasada murió Bécquer, de Rafael Montesinos.
  • Rimas, edición de José Luis Cano. Madrid: Ediciones Anaya, 1965.
  • Rimas, edición de Russel P. Sebold. Madrid: Espasa Calpe, 1994.
  • Rimas, edición de Rafael Montesinos. Madrid: Cátedra, 1995.

Notas

  1. Ambos poetas, Rubén e Juan Ramón, titularon un dos seus primeiros poemarios Rimas; o americano en 1887 e o Nobel español en 1902.
  2. Conservábanse as rimas que apareceran entre 1859 e 1871 en El Contemporáneo, El Museo Universal, La Ilustración de Madrid e os poemas soltos que González Bravo iría recompilando coa axuda doutros amigos do poeta.
  3. O libro de Schneider, Leben und Schaffen (1914), é considerado o primeiro estudo académico importante sobre a obra de Bécquer.
  4. Porén, a minuciosa análise das investigacións sobre as riscadas ou correccións, así como sobre as tintas usadas no orixinal, ditaminaron que a maioría son debidas a Narciso Campillo, e que son mínimas as autógrafas de Bécquer. Por outra banda, o longo subtítulo que Bécquer lle deu ao manuscrito levou a pensar que el o considerase máis un borrador ca un libro fechado.
  5. A edición de Montesinos para Letras Hispánicas da Editorial Cátedra, recoñecida de forma xeral como a máis completa e documentada, inclúe o capítulo "Criterio de esta edición y algunas advertencias", que fecha o seu estudo preliminar.
  6. Dices que tienes corazón, y sólo; Fingiendo realidades; e Una mujer me ha envenenado el alma.
  7. Poesía inédita, Amor eterno, La Casta e A todos los santos.
  8. Así o expresou no libro Antología de la Poesía Romántica. Poetas Españoles, no ensaio titulado “Bécquer en la poesía romántica”.
Referencias
  1. Montesinos 1977.
  2. 2,0 2,1 2,2 Aub 1974, p. 439.
  3. Porras del Campo 2003, p. 188
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Ceballos Viro, Ignacio (10 de xaneiro de 2012). "Los misterios de Bécquer (2). El manuscrito perdido". "Rinconete" en cvc.cervantes.es. Consultado o 3 de xaneiro de 2018. 
  5. Bécquer/Montesinos 1995, pp. 11 a 96.
  6. Bécquer, Gustavo Adolfo. "Libro de los gorriones : colección de argumentos, ideas y planes de cosas diferentes que se concluirán o no según sople el viento de Gustavo Adolfo Claudio D. Bécquer". beta.worldcat.org/archivegrid (en español/inglés/alemán). Consultado o 3 de xaneiro de 2018. 
  7. 7,0 7,1 Bécquer, Gustavo Adolfo. "Libro de los gorriones". Biblioteca Nacional de España (documento "biam0000009634" en el Catálogo de la BNE). Consultado o 3 de xaneiro de 2018. 
  8. Montesinos 1997, p. 70 e ss.
  9. Ceballos Viro, Ignacio (10 de xaneiro de 2012). "Los misterios de Bécquer (2). El manuscrito perdido". Cervantes Virtual (en castelán). Consultado o 8 de outubro de 2021. 
  10. Roldán, Antonio (1982). "La edición de las rimas de Bécquer". Actas del cuarto Congreso Internacional de Hispanistas / coord. por Eugenio de Bustos, Vol. 2. pp. 509–532. ISBN 84-7481-215-1. Consultado o 3 de xaneiro de 2018. 
  11. Pino Acosta, Barbarita (2003). "Altolaguirre: poeta malagueño con voz de pueblo". Espéculo. Revista de estudios literarios. Universidad Complutense de Madrid (webs.ucm.es) (en español). Arquivado dende o orixinal o 04 de xaneiro de 2018. Consultado o 3 de xaneiro de 2018. 
  12. Penna, Mario (1969). "Las Rimas de Bécquer y la poesía popular". Revista de filología española, Tomo 52, Fasc. 1-4. pp. 187–215. ISSN 0210-9174. Consultado o 3 de xaneiro de 2018. 
  13. "Reseña de "La Soledad", por Bécquer". cvc.cervantes. Consultado o 2 de xaneiro de 2018. 
  14. 14,0 14,1 14,2 Aub 1974, p. 438.
  15. Porras 2003, p. 153.
  16. Hendrix, W.S. (1936). Gustavo Adolfo Bécquer, 1836–1936 (en inglés). Consultado o 3 de xaneiro de 2018. 
  17. Bécquer, Gustavo Adolfo. López Estrada, Francisco; López García-Berdoy, María Teresa, eds. Rimas y Leyendas. Colección Austral. 
  18. Montesinos 1995, pp. 97-101.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Aub, Max (1974 [1ª edición en 1966]). Manual de historia de la literatura española (en castelán). Madrid: Akal Editor. ISBN 847339030-X. 
  • Montesinos, Rafael (1977). Bécquer, biografía e imagen (en castelán). «Premio Nacional de Literatura 1977 e Premio Fastenrath 1979 da Real Academia Española». Barcelona: Editorial RM. 
  • Porras del Campo, Ángel Esteban (2003). Bécquer en Martí y en otros poetas hispanoamericanos finiseculares (en castelán). Madrid: Verbum. ISBN 9788479622664. 

Outros artigos