Ricardo Martín Esperanza, coñecido como Caíto, nado en Ourense o 29 de setembro de 1911 e finado en Madrid o 17 de outubro de 1983, foi un político galego.
Traxectoria
Vencellado ao tradicionalismo, formou parte, xunto con Eduardo Valencia e Francisco Rodríguez, do Triunvirato Provincial de Falange Española de las JONS, constituído en Canedo en 1934[1]. Logo do triunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936, foi detido pola súa filiación falanxista. Foi desterrado a Asturias e despois a Verín.
Pasou a guerra civil española na zona republicana e ao rematar estivo un tempo nun campo de concentración e pasou despois á Coruña. Foi o primeiro Director Xeral da Caixa de Aforros Provincial de Ourense (1948-1974), alcalde de Ourense (1970-1974) e procurador nas Cortes Españolas.
En 1981 viuse implicado nun escándalo financeiro pola súa xestión en Caixa Ourense[2]. Logo de sucesivos aprazamentos pola doenza cardíaca que padecía, viuse a causa na Sala II do Tribunal Supremo. Condenado, foi indultado de parte da condena no mesmo xuízo e tampouco chegou a cumprir a pena de reclusión menor pola súa enfermidade. Logo de permanecer internado dous meses no verán de 1981, concedéronlle a liberdade condicional. Logo déronlle un indulto especial, sendo ministro de Xustiza Pío Cabanillas.
Finou en Madrid o 17 de outubro de 1983.[3][4]
Vida persoal
Casou con Vicenta Pérez López e foi pai de Ricardo, Victoria e Isabel Martín-Esperanza Pérez.
Notas