Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.
A ribulosa 5-fosfato (tamén escrita ribulosa-5-fosfato[1]) é un monosacárido de 5 carbonos (pentosa) cun grupo cetona no carbono 2 (polo que é unha cetosa) e un fosfato esterificado no carbono 5. É unha molécula de ribulosa fosforilada no carbono 5 [2].
A misión desta ruta é a de obter NADPH e ribosa 5-fosfato, que se utilizarán na síntese de ácidos graxos e de ácidos nucleicos. Nesta ruta intervén a ribulosa 5-fosfato.
Na ruta da pentosa fosfato a ribulosa 5-fosfato orixínase a partir da deshidroxenación e descarboxilación do 6-fosfogliconato, catalizada pola fosfogliconato deshidroxenase [3]. Na reacción prodúcese NADPH e CO2, e con ela remata a fase oxidativa da ruta.
Posteriormente, na fase non oxidativa da ruta, a ribulosa 5-fosfato isomerízase pola acción da fosfopentosa isomerase a ribosa 5-fosfato, polo que unha cetosa se converteu nunha aldosa.
Neste ciclo a ribulosa 5-fosfato pode obterse a partir de dous azucres de 5 carbonos, a ribosa 5-fosfato e a xilulosa 5-fosfato por medio de reaccións de isomerización catalizadas pola fosfopentosa isomerase e a fosfopentosa epimerase, que son similares ás da ruta da pentosa fosfato.
ribosa 5-fosfato → ribulosa 5-fosfato
xilulosa 5-fosfato → ribulosa 5-fosfato
Despois, a ribulosa 5-fosfato formada utilízase na rexeneración da ribulosa 1,5-bifosfato do ciclo de Calvin. Para iso vai ser fosforilada pola fosforribulosaquinase con gasto de ATP.