O antecedente máis inmediato produciuse en febreiro de 1854 cando militares adeptos ao Partido Democrático trataron de levar a termo unha sublevación en Zaragoza, co apoio de elementos civís, pero fracasaron.
A violación dos usos parlamentarios por parte da Coroa ao final da década moderada provocou o achegamento entre os moderados do xeneral Ramón María Narváez e os moderados "puritanos" de Joaquín Francisco Pacheco e Ríos Rosas cos progresistas encabezados polo xeneral Baldomero Espartero e Salustiano de Olózaga, que chegaron a formar un comité electoral para presentar candidaturas conxuntas nas eleccións cuxo obxectivo era a conservación do réxime representativo que vían en perigo. Así mesmo os "puritanos" Ríos Rosas e Pacheco entraron en contacto con varios militares adictos, como o Leopoldo O'Donnell, e progresistas, como os xenerais Domingo Dulce e Ros de Olano, para organizar un pronunciamento cuxo obxectivo era obrigar á raíña Isabel II a substituír o goberno do Conde de San Luis, que carecía de apoio nas Cortes e que só se sustentaba pola confianza da Coroa, por outro de "conciliación liberal" que recuperase a letra e o "espírito" da Constitución de 1845.[1]
O pronunciamento iniciouno o xeneral O'Donell o 28 de xuño de 1854, pero o enfrontamento dous días despois coa tropas fieis ao goberno na localidade próxima a Madrid de Vicálvaro -o que dará nome á rebelión: A Vicalvarada- resultou indeciso -ambos bandos proclamáronse vencedores-, polo que as forzas de O'Donnell retiráronse cara ao sur vagando pola Mancha e encamiñándose a Portugal, agardando que outras unidades militares se sumasen ao movemento.[2] Na súa persecución saíron as tropas do goberno, deixando desguarnecida a capital, un feito que resultaría decisivo nos acontecementos posteriores.[3]
Ante o fracaso do pronunciamento, os militares que o encabezaron buscaron o apoio popular. O xeneral O'Donnell reuniuse co xeneral Serrano en Manzanares que o convenceu de que era necesario dar un xiro ao movemento ofrecendo cambios políticos "que non figuraban nas súas intencións iniciais". Así xurdiu o Manifesto de Manzanares redactado por un mozo Antonio Cánovas del Castillo, onde se suscitaba a «conservación do trono, pero sen camarilla que o deshonre» e prometíase a rebaixa dos impostos e o restablecemento da Milicia Nacional, dúas vellas aspiracións de progresistas e demócratas.[4] Desta xeito, segundo Jorge Vilches, os conxurados pretendían "agrupar á oposición ao Goberno [do conde de San Luis] e conseguir máis elementos de presión sobre a raíña". O Manifesto fíxose público o 7 de xullo e nel prometíase a "rexeneración liberal" mediante a aprobación de novas leis de imprenta e electoral, a convocatoria de Cortes, a descentralización administrativa e o restablecemento da Milicia nacional, todas elas propostas clásicas do Partido Progresista.[2]
Foi entón cando empezou a segunda fase da que se chamaría despois a "revolución de 1854" cuxo protagonismo correspondeu aos progresistas e aos demócratas que iniciaron a insurrección o 14 de xullo en Barcelona -onde revestiu especial gravidade pola participación dos obreiros- e o 17 de xullo en Madrid -onde a difusión dende mediados de xullo do Manifesto de Manzanares mobilizou ás clases populares azoutadas polo paro e onde foron asaltados os pazos do marqués de Salamanca, e do propio presidente do goberno, o Conde de San Luis, entre outros, así como o da raíña nai María Cristina de Borbón, que tivo que refuxiarse cos seus fillos no Palacio de Oriente; así mesmo foi asaltado o cárcere do Saladero para liberar os demócratas Nicolás María Rivero e Sixto Cámara-.
A sublevación de Barcelona e de Madrid foi secundada noutros lugares onde tamén se formaron xuntas, como en Valencia ou en Valladolid -nesta última cidade a insurrección tomou o carácter de motín antifiscal ao berro de «máis pan e menos consumos», o mesmo que aconteceu noutras cidades castelán-leonesas e asturianas-.[5][6] Segundo algunhas fontes non contrastadas, os sublevados pretendían ademais do restablecimiento da Milicia Nacional, a supresión da Constitución moderada de 1845 e unha ampla amnistía para os presos políticos. Tamén houbo alzamentos en Zaragoza e Logroño. Segundo esas mesmas fontes o pronunciamento foi financiado por distintos sectores económicos e, sobre todo, polo banqueiro Juan Bruil.
Ante o empeoramiento da situación, a raíña destituíu o día 17 de xullo ao conde de San Luís substituíndoo polo xeneral Fernando Fernández de Córdova que formou un goberno no que había moderados "puritanos" e progresistas pero aos dous días cedeu a presidencia ao duque de Rivas, que este só durou dous días máis xa que a revolta popular -Madrid o 18 de xullo estaba cheo de barricadas- fixo imposible que os militares pronunciados O'Donnell e Serrano puidesen aceptar o arranxo de compromiso que lle ofreceu o goberno. O duque de Rivas intentou reprimir a sublevación popular -polo que o seu goberno foi coñecido como «ministerio metralla»- esperando a volta das tropas que saíran de Madrid.[7]
Finalmente a raíña, talvez aconsellada pola súa nai, decidiuse a chamar ao xeneral Baldomero Espartero, retirado en Logroño, para que formase goberno, á vez que pedía a O'Donnell que regresase á corte. Para aceptar o cargo, Espartero esixiu a convocatoria de Cortes Constituíntes, que a raíña nai María Cristina respondese das acusacións de corrupción e que Isabel publicase un manifesto recoñecendo os erros cometidos. A raíña aceptou todas as condicións e o 26 de xullo publicou o manifesto dirixido ao país no que dicía:[8]
El nombramiento del esforzado duque de la Victoria [Espartero] para presidente del consejo de ministros y mi completa adhesión a sus ideas, dirigidas a la felicidad común, serán la prenda más segura del cumplimiento de vuestras aspiraciones
O 28 de xullo o xeneral Espartero facía a súa entrada triunfal en Madrid aclamado pola multitude, abrazándose co seu antigo inimigo o xeneral O'Donnnell. Así deu comezo o bienio progresista.[9]
Fontana, Josep (2007). La época del liberalismo. Vol. 6 de la Historia de España, dirigida por Josep Fontana y Ramón Villares. Barcelona: Crítica/Marcial Pons. ISBN978-84-8432-876-6.
Pérez Garzón, Juan Sisinio. Milicia nacional y revolución burguesa. Madrid de 1978.
Vilches, Jorge (2001). Progreso y Libertad. El Partido Progresista en la Revolución Liberal Española. Madrid: Alianza Editorial. ISBN84-206-6768-4.