Resident Evil é o primeiro capítulo dunha serie de videoxogos do mesmo nome, pertencente ao xénero dos survival horror. Foi lanzado en 1996 para PlayStation, Sega Saturn e PC. Posteriormente sería lanzado para Game Cube no ano 2002, con importantes cambios a nivel técnico e de xogabilidade. Tamén foi posta a venda unha versión para a Nintendo DS (Resident Evil: Deadly Silence). En 2009 a versión de Game Cube foi relanzada para Wii, mentres que a versión orixinal púxose á venda en PlayStation Network en formato descargable.
Sinopse
O xogo orixinal transcorre a noite do 24 de xullo de 1998 nas aforas de Raccoon City, unha cidade estadounidense. Ao longo do verán apareceran unha serie de cadáveres cheos de dentadas. Ante a alarma social xerada, o corpo de policía desta cidade envía ás forzas especiais, primeiro ao equipo Bravo e tras a desaparición deste, ao equipo Alfa. O equipo alfa atopa restos de cadáveres e inmediatamente son atacados por cans, que matan a varios membros do pelotón. Os superviventes refúxianse nunha mansión aparentemente abandonada.
No inicio do xogo dáse a escoller a personaxe coa que xogar, Jill Valentine ou Chris Redfield. En función da que seleccionemos, a historia variará. Se escollemos a Jill, reunirémonos na entrada da mansión con Albert Wesker e Barry Burton. Polo contrario, ao seleccionar a Chris, reunirémonos con Wesker e Jill.
Sexa como sexa, na mansión áchanse unha serie de criaturas caníbales, que pretenden alimentarse dos membros dos STARS. Neste mesmo edificio tamén están Rebbecca Chambers e Kenneth Sullivan (integrantes do equipo Bravo desaparecido). Ao longo do xogo podemos salvar a Rebbecca ou non, alterando a secuencia final. Kenneth morre devorado polos zombies.
A medida que avanzamos, descubrimos que a mansión é un laboratorio da compañía farmacéutica Umbrella, que traballaba na creación de armas biolóxicas (BOW). O virus co que se estaba a investigar, o virus T, foi liberado e creou estas bestas. Tras eliminar decenas destas criaturas, Jill e Chris chegan a un heliporto dende o cal escaparán en helicóptero. En función das decisións que tomemos, o final será distinto: pode ocorrer ou non a autodestrución da mansión, ou a morte dalgunha personaxe secundaria...
Características
O obxectivo fundamental do xogo é sobrevivir. Ademais de eliminar zombies, serpes anómalas, morcegos, cans.... todos infectados polo Virus T, deben resolver varios puzzles para seguir avanzando. A atmosfera é inquietante, con ruídos estraños, corredores estreitos e trampas. A cámara fixa e os efectos de luz tamén están orientados co mesmo fin.
Para eliminar estas armas biolóxicas empregarán armas convencionais, coma pistolas, escopetas, coitelos... O nivel de vida é distinto ao doutros xogos. En vez de barra de vida, aparece un electrocardiograma, que varía de cor e forma segundo a saúde do xogador. Para curarse empréganse herbas (verde, vermella e azul) e as súas combinacións.
Versións
Ademais da versión orixinal foron lanzadas ao mercado unha versión do director e unha versión do director compatible co mando DualShock.
Unha das diferenzas máis evidentes entre a primeira versión e a de GameCube dáse no apartado técnico. Melloráronse todos os modelados, incorporouse expresividade facial, unha nova dobraxe e novos escenarios. Tamén foi mellorado o son. Como extras engadíronse novos traxes e novas armas. A nivel argumental, houbo certas variacións. Ademais, empregáronse dous GOD (GameCube Optical Disc). A versión orixinal fora distribuída nun só CD.
Crítica
Cando saíu ao mercado en 1996 converteuse nun dos grandes survival horror. A súa nota en Metacritic para a versión de PlayStation foi dun 91,[1] a mesma que a versión de Game Cube.[2] As vendas foron as seguintes:
- A versión de PlayStation: 5,05 millóns de copias en todo o mundo.[3]
- A versión de Sega Saturn: vendeu unhas 170.000 copias no Xapón.[4]
- A versión de PlayStation Director's Cut: vendeu en torno a 470.000 copias no Xapón.[5]
- A versión de PlayStation Director's Cut DualShock vendeu 160.000 copias no Xapón.[6]
- A versión de GameCube: foron da orde de 1,74 millóns en todo o mundo.[7]
Notas