A Real Sociedad de Fútbol, S.A.D. é un club de fútbol fincado en Donostia, capital de Guipúscoa (País Vasco, España). Con máis de 35.000 socios, ten unha longuísima traxectoria na historia do balompé español.
O Athletic Club é o rival histórico da Real Sociedad por excelencia. Os dous equipos manteñen unha rivalidade desde os seus comezos, entre outras cousas porque son os dous principais equipos do País Vasco.
Historia
Orixes
A Real Sociedad de San Sebastián foi fundada en 1909, baixo o nome de Sociedad de Foot-ball de San Sebastián, adquirindo o título de "Real" en 1910 a mans do rei Afonso XIII. A Sociedad de Foot-ball xurdiu froito dunha escisión do San Sebastián Recreation Club, primeiro club do que se ten constancia en Guipúscoa, nado en 1903 e escindido seis anos despois. Entre 1903 e 1908, as cores do San Sebastián Recreation Club eran o verde e o amarelo pero xa en marzo de 1908 estreouse un novo uniforme: camisa branca, iniciais SS en azul e pantalón azul.
Durante estes primeiros anos os donostiarras obtiveron moi bos resultados pero non podían participar nos campionatos oficiais ao non estar inscrita a Sociedad de Foot-ball no Rexistro Civil. Para poder participar no Campionato de España de 1909, recorreuse a xogar baixo o nome do Club Ciclista de San Sebastián, entidade que si cumpría cos requisitos legais, e coa denominación de Club Ciclista chegou o primeiro título da súa historia ao derrotar na final ao Club Español de Madrid por 3 goles a 1.
Na tempada 1927-28 prodúcese unha das finais máis épicas que se recordan, a triplo final de Copa de Santander contra o FC Barcelona, que desencadeou unha batalla poética entre Rafael Alberti e o txuriurdin Gabriel Celaya, Alberti que estaba presenciando o partido escribiu "Oda a Plattko" en honor á memorable actuación do porteiro húngaro, e Celaya respondeulle con "Contraoda do poeta da Real Sociedad" onde lle respondía dicindo que máis que Plattko era ao arbitro a quen tiña que dar as grazas ao FC Barcelona.
No ano 1928 a Real Sociedad xunto con outros nove clubs participan na Primeira edición da Primeira División de España, quedando en 4ª lugar e sendo o seu xogador Bienzobas o máximo goleador do Campionato.
A partir de entón iníciase unhas tempadas de altibaixos, no que a incapacidade de manter aos seus mellores xogadores impide que se consolide o equipo, no entanto conséguese un subcampionato de Liga 1930-31. Durante esta época Ignacio Eizaguirre e Epifanio Fernández, "Epi", vanse ao Valencia CF na tempada 40-41, mentres que Silvestre Igoa faio na 42-43 conseguindo alí diversos títulos de Liga e de Copa. Trala volta destes tres internacionais, na tempada 1950-51, conséguese o subcampionato de Copa, outra vez fronte ao FC Barcelona, eliminando en semifinais ao Real Madrid cun 0-2 en Nuevo Chamartín co gran Benito Díaz de adestrador.
Época gloriosa
En 1957 créase o Sanse, equipo filial, que será o gran sementeiro de xogadores para o Primeiro Equipo.
No ano 1967 iníciase a época máis gloriosa do club, ese ano acaba cunha década de ascensos e descensos co definitivo ascenso de Puertollano, a partir dese momento empézase a construír o equipo que unha década despois converteríase en Campión de Liga, no ano 1974 participa por primeira vez nun competición europea, a Copa da UEFA, das que se faría asiduo.
A tempada 1979-80 será unha das máis recordadas pese a non conseguir o título e é que estableceu un récord de imbatibilidade, que aínda perdura, ao estar 32 xornadas consecutivas sen coñecer a derrota, que sumadas ás 6 últimas da tempada 1978-79 deixarían o récord en 38, e foi precisamente no penúltimo partido contra o Sevilla onde a perdeu e ao cabo significo que a Liga levásella o Real Madrid, pero ao ano seguinte 1980-81 conseguiu o que tanto merecera o ano anterior, ser Campión, e conseguiuno de xeito épico, no último minuto do partido Zamora conseguiu, nun embarrado El Molinón, marcar o gol que ía dar á Real o primeiro título de Liga.
Na tempada 1981-82 volveu gañar a Liga e na Copa de Europa fixo un extraordinario campionato chegando ás semifinais onde foi eliminado polo Hamburgo, ao cabo campión de Europa.
Na tempada 1987 logra o título de Copa do Rei ao impoñerse na quenda de penaltis ao Atlético de Madrid, sendo Luís Arconada o heroe da noite ao parar o penalti decisivo.
Na tempada 1989-90 a Real, ante a fuga de tres dos seus xogadores máis importantes o ano anterior, onde se consegue o subcampionato de Liga e de Copa, Bakero, Begiristain e Rekarte ao FC Barcelona, e Loren ao Athletic de Bilbao comeza a contratar a futbolistas estranxeiros sendo John Aldridge o primeiro procedente de Liverpool FC inglés.
Subcampionato
Na tempada 2002-03 a Real volve loitar polo título de Liga e do mesmo xeito que na tempada 79-80 o Real Madrid no penúltimo partido arrebátalle o liderado que tanto defendera; unha tempada espectacular na que sobresaíron a parella de dianteiros Kovacevic e Nihat, e no centro do campo Xabi Alonso, De Pedro, Aramburu e Valery Karpin.
Uniforme
Uniforme titular: Camiseta a franxas verticais azuis e brancas, pantalón branco e medias azuis.
Uniforme alternativo: Camiseta negra e gris, pantalón negro e medias negras.
Os xogadores con dorsais superiores ao 25 son, para todos os efectos, xogadores do Real Sociedad B e como talles, poderán compaxinar partidos co primeiro e segundo equipo. Como esixen as normas da LFP, os xogadores do primeiro persoal deberán levar os dorsais do 1 ao 25. Do 26 en diante serán xogadores do equipo filial.
↑Real Federación Española de Fútbol (Marzo de 2011). "Historial"(PDF). Revista Oficial de la R.F.E.F. p. 70. Arquivado dende o orixinal(pdf) o 18 de xullo de 2012. Consultado o 21 de maio de 2023.