Real Expedición Filantrópica da Vacina

Busto de Francisco Xavier Balmis na Facultade de Medicina da Universidde de Alacant.

A Real Expedición Filantrópica da Vacina, coñecida como Expedición Balmis-Salvany ou Expedición Balmis en referencia ao médico alacantino Francisco Xavier Balmis, foi unha expedición de carácter filantrópico que deu a volta ao mundo e que durou desde o 30 de novembro de 1803 até 1806. O seu obxectivo era nun principio que a vacina da varíola chegase a cada recuncho do Imperio Español (América, Filipinas e outras illas do Pacífico), xa que a alta mortaldade do virus estaba ocasionando a morte de miles de nenos.

O rei Carlos IV apoiou e sufragou con fondos públicos ao médico da corte, o doutor Balmis, na súa idea dunha vacinación masiva de nenos ao longo de todo o imperio, xa que a súa propia filla a Infanta María Luísa sufrira tamén a enfermidade. Até entón, a varíola mataba, desfiguraba ou incapacitaba unha parte moi importante da poboación. O nome de Balmis quedou para sempre unido a esta expedición.

Para a elección do barco desta viaxe, a última das grandes expedicións científicas españolas da época da Ilustración, primaba a velocidade e a economía por riba da comodidade e, aínda que nun principio se pensou no uso dun buque correo da Armada (que eran lixeiros e rápidos, e que viaxaban frecuentemente ao outro lado do Atlántico), finalmente decidiuse contratar un buque mercante. De entre todas as opcións presentes, escolleuse a corveta María Pita, barco de duascentas toneladas propiedade do armador coruñés Manuel Díez Tabanares e Sobrino, con tres paus e velas cadradas.[1]

A expedición partiu do porto da Coruña o 30 de novembro de 1803. A María Pita, ao mando de Balmis, cunha pasaxe formada por un fato de rapaces do hospicio da cidade, que foron inmunizados durante a viaxe e serviron de receptáculos viventes dos anticorpos antivariólicos, rematando en Lisboa o 14 de agosto de 1806. Está considerada como a primeira expedición sanitaria internacional na historia, e conseguiu vacinar centos de miles de persoas para protexelas da varíola.

Antecedentes

Os territorios da coroa española en América contra 1800.
Estatua de Carlos IV de Manuel Tolsá, Cidade de México.

No último cuarto do século XVIII, durante o momento de maior extensión do virus da varíola en Europa, un médico rural inglés, Edward Jenner, observou que as mulleres que recollían o leite adquirían ocasionalmente unha enfermidade dos ubres das vacas coñecida como varíola das vacas ou varíola vacúa (en inglés, cowpox) polo contacto continuado con estes animais; esta enfermidade, benigna, caracterizábase pola aparición dunhas pústulas nas mans, semellantes ás da mortífera varíola humana. Pero o máis importante é que estas mulleres non enfermaban da varíola humana.

Jenner pensou que quizais a varíola vacúa e a humana fosen enfermidades semellantes, e que quizais a infección da primeira producira nos homes defensas capaces de evitar a varíola humana, e comezou a investigar nesta dirección e, no ano 1796 arriscouse a realizar a proba definitiva. Inoculou pus procedente de pústulas da varíola vacúa a James Phipps, un neno de 8 anos. O pequeno amosou síntomas leves da infección. E seis semanas máis despois inoculou deliberadamente ao rapaz coa propia varíola humana. O arriscado ensaio foi un completo éxito: o mociño presentou unha leve reacción, pero non enfermou da temida varíola. Outros nenos inoculados responderon igualmente ben.

Estes resultados publicounos Jenner en 1798, e xa en decembro de 1800 chegara a vacina a España, concretamente a Puigcerdà, da man do doutor Francesc Piguillem.[2] Tanta celeridade, nun tempo en que as novas viaxaban a cabalo ou en barco de vela dá unha idea da gravidade dos feitos, e do entusiasmo co que algúns médicos acolleron un posíbel remedio contra a terrible doenza.

A decisión do rei

En 1803, cinco anos despois da publicación do descubrimento de Jennner, o rei de España, Carlos IV, aconsellado polo seu médico da corte, o doutor Balmis, mandou organizar esta Expedición Filantrópica, para estender a vacina a todos os dominios de Ultramar. Ademais, en 1805 promulgou unha Real Cédula mandando que en todos os hospitais se destinase unha sala para conservar o fluído vacún.

Un dos principais problemas que se presentaron á hora de idear a expedición foi como facer para que a vacina resistise todo o traxecto en perfecto estado. A solución ocorréuselle ao mesmo Balmis, levar na viaxe un número de nenos, dos que dous deles eran inoculados co material obtido das pústulas dos vacinados a semana anterior.

Desenvolvemento

Monumento na rúa do Parrote, no porto da Coruña, en homenaxe aos nenos orfos que partiron na expedición.

Os protagonistas

A operación comezou coa fretaxe da corveta María Pita, que levaba 22 nenos orfos (de entre 3 e 9 anos, e que aínda non padeceran a enfermidade) que serían inoculados durante a viaxe co obxectivo de manter a vacina viva no seu corpo; o propio Balmis, que ía ao mando; un prestixioso cirurxián, José Salvany, o seu segundo; dous axudantes, dous practicantes, tres enfermeiros e a reitora do orfanato, Casa de Expósitos da Coruña, dona Isabel Zendal Gómez[3]

Pódese entender globalmente como "unha caravana infantil con rumbo ao Novo Mundo para transportar a vacina e prever as epidemias de varíolas. Dando como resultado unha das viaxes máis estrañas que tivo como protagonista á medicina e á ciencia no século XIX».[4] Dos 22 nenos, seis eran nenos vindos da Casa de Desamparados de Madrid, 11 do Hospital de Caridade da Coruña, e os outros 5 de Santiago.

As normas da expedición indicaban claramente o coidado que os nenos debían recibir. Ningún deles volveu a Galiza.

"...serán ben tratados, mantidos e educados, até que teñan ocupación ou destino co que vivir, conforme á súa clase e devoltos aos lugares da súa natureza os que se sacaran con esa condición".
"...serán bien tratados, mantenidos y educados, hasta que tengan ocupación o destino con que vivir, conforme a su clase y devueltos a los pueblos de su naturaleza, los que se hubiesen sacado con esa condición".
Normas que regulaban cuestións da Real Expedición

Cada neno recibiu un feixe que contiña: dous pares de zapatos, seis camisas, un sombreiro, tres pantalóns coas súas respectivas chaquetas de lenzo e outro pantalón máis de pano para os días máis fríos. Para o aseo persoal, tres panos de pescozo, outros tres de nariz e un peite; e para comer, un vaso, un prato e un xogo completo de cubertos[5].

Lista dos membros da expedición

Nenos da Casa de Expósitos: Vicente Ferrer (7 anos), Pascual Aniceto (3 anos), Martín (3 anos), Juan Francisco (9 anos), Tomás Melitón (3 anos), Juan Antonio (5 anos), José Jorge Nicolás de los Dolores (3 anos), Antonio Veredia (7 anos), Francisco Antonio (9 anos), Clemente (6 anos), Manuel María (3 anos), José Manuel María (6 anos), Domingo Naya (6 anos), Andrés Naya (8 anos), José (3 anos), Vicente María Sale y Bellido (3 anos), Cándido (7 anos), Francisco Florencio (5 anos), Gerónimo María (7 anos), Jacinto (6 anos) e Benito Vélez (fillo porfillado de Isabel Zendal Gómez, 6 anos) e un neno con nome descoñecido que morreu na expedición[6].

Homenaxe aos membros da expedición Balmis na Casa do Home da Coruña

Vicente Ferrer, 7 anos

Juan Antonio, 5 anos

Antonio Veredia, 7 anos

Pascual Aniceto, 3 anos

José Manuel María, 6 anos

Gerónimo María 7 anos

Francisco Antonio, 9 anos

Francisco Florencio, 5 anos

Nome descoñecido

Cándido, 7 anos

Tomás Melitón, 3 anos

Balcón Balmis na Domus da Coruña, homenaxe ás persoas da expedición.

Juan Francisco, 9 anos

Clemente, 6 anos

José, 3 anos

Andrés Naya, 8 anos

Domingo Naya, 6 anos

Manuel María, 3 anos

Martín, 3 anos

Benito Vélez, 9 anos

Jacinto, 3 anos

Vicente María Sale
y Bellido, 3 anos

José Jorge Nicolás
de los Dolores, 3 anos

Isabel Zendal Gómez

Membros da expedición
Percorrido da expedición.

Canarias e Venezuela

Como quedou dito, a expedición partiu do porto da Coruña o 30 de novembro de 1803.[7] A misión conseguiu levar a vacina até as illas Canarias, Colombia, Ecuador, o Perú, México, Filipinas e a China.[8] O barco levaba instrumental cirúrxico e instrumentos científicos, así como 500 exemplares da tradución que Balmis fixera do Tratado práctico e histórico da vacina, de Moreau de Sarthe, para ser distribuído polas comisións de vacinación que se fundaran.

Balmis e os seus rapaces fixeron escalas nas Illas Canarias, en Porto Rico (onde chegaron o 9 de febreiro[9] e foi unha gran decepción pois non foi preciso vacinar á poboación, xa que a vacina fora levada á illa desde a colonia danesa de San Tomé, e o doutor Francisco Oller xa vacinara a 1.557 persoas[10]), percorreron toda a illa de Cuba e chegaron á Guaira, no norte da actual Venezuela, preto de Caracas. Alí a expedición dividiuse, por mor das graves epidemias que asolaban América do Sur: Balmis dirixiríase cara a Cuba e Nova España e Josep Salvany o seu segundo cirurxián, iría a Cartaxena de Indias, Bogotá e América do sur.[11]

Así, Salvany, o segundo cirurxián, penetrou no Vicerreinado de Nova Granada (actuais Panamá, Colombia, Ecuador e Venezuela), e no Vicerreinado do Perú (que comprendía o Perú, o Alto Perú —a actual Bolivia— e a Capitanía Xeneral de Chile). Levoulle sete anos percorrer o territorio e os esforzos da viaxe leváronse a vida do propio Salvany, que morreu en Cochabamba en 1810 cando intentaba levar a vacina até Buenos Aires (capital do Vicerreinado da Prata).

Nova España

Balmis, pola súa banda, volveu a Caracas, e despois á Habana, onde chegou o 27 de maio de 1804.[12] O poeta local venezolano Andrés Bello escribiu unha Oda a Balmis. Zarpou da Habana con destino a Nova España o 18 de xuño, mercando antes 4 escravos (tres nenas e un neno) por 250 pesos, que despois volveu vender en México.[13] No territorio do actual México, Balmis colleu 25 orfos para que mantivesen a vacina viva durante a travesía do océano Pacífico, a bordo do navío Magallanes. Partiron do porto de Acapulco rumbo a Manila o 8 de febreiro de 1805.

Capitanía Xeneral de Filipinas

Percorrido da expedición en Filipinas.

Chegou ao porto de Manila o 15 de abril de 1805.[14] En Filipinas, a expedición recibiu unha importante axuda da Igrexa para organizar as vacinacións de indíxenas. Finalmente, Balmis descartou volver a terras mexicanas co groso da expedición e seguiu avanzando cara á China.

China

Placa situada no edificio dos Prácticos do Porto da Coruña na que os médicos mexicanos da xeración 1919-1924 homenaxean a Francisco Javier de Balmis e á Real Expedición Filantrópica da Vacina.

Coñecendo que a vacina non acadara a China, Balmis solicitou e foille concedido o permiso para marchar cara a Macau, partindo de Manila o 3 de setembro de 1805. Balmis arribou finalmente tras unha accidentada viaxe á colonia portuguesa de Macau, e o 5 de outubro dese mesmo ano entrou en territorio chinés vacinando até chegar á provincia de Cantón.[15]

Regreso á metrópole

No seu camiño de volta a España, Balmis conseguiu convencer as autoridades británicas da illa de Santa Helena, no Atlántico sur 1806 para que collesen a vacina. Finalmente, desembarcou do barco Bom Jesus de Além en Lisboa, o 14 de agosto de 1806. Aínda tivo tempo o doutor, antes da súa morte en Madrid o 12 de febreiro de 1819, de facer outra expedición científica á China.

O propio descubridor da vacina da varíola Edward Jenner escribiu en 1806 sobre a expedición:

Non podo imaxinar que nos anais da Historia se proporcione un exemplo de filantropía máis nobre e máis amplo que este.[16]

E o grande Humboldt escribiu en 1825:

Esta viaxe permanecerá como a máis memorable nos anais da historia.[16]

A expedición na ficción

Notas

  1. Juan A. Oliveira (24-09-2016): La corbeta María Pita y la Real Expedición Filantrópica de la Vacuna.
  2. Balaguer Perigüell, E.; Ballester Añon, R. (2003). "En el nombre de los Niños. Real Expedición Filantrópica de la Vacuna 1803-1806" (PDF). Asociación española de pediatria (Madrid): 86. 
  3. De Romo, Ana Cecilia Rodríguez (1997). «Inoculation in the 1799 smallpox epidemic in México: Myth or real solution?». Antilia: Spanish Journal of History of Natural Sciences and Technology.
  4. Con estas palabras comeza o libro de Díaz de Yraola, Gonzalo: La vuelta al mundo de la expedición de la vacuna (A volta ao mundo da expedición da vacina). Sevilla. Escuela de Estudios Hispanoamericanos, C.S.I.C. 1948, p. 1.
  5. "Isabel Cendala y Gómez. Primera Enfermera de Salud Pública de México." blog
  6. (pax. 131-132).
  7. Moreiro (2008), 157
  8. McIntyre, John W.R. MB BS; e Houston, C. Stuart MD (1999). «Medicine in Canada: Smallpox and its control in Canada». Canadian Medical Association Journal 161 (12), 1543–1547. PMID 10624414.
  9. Moreiro (2008), p. 159
  10. Cordero-Moreno (1998), p. 50
  11. Moreiro (2008), pp. 164-165
  12. Moreiro (2008), p. 166
  13. Moreiro (2008), p. 166
  14. Moreiro (2008), p. 171
  15. Balaguer Perigüell, Emilio y Ballester Añon, Rosa. «En el nombre de los Niños. Real Expedición Filantrópica de la Vacuna 1803–1806», pp. 165–170. Arquivado 19 de outubro de 2006 en Wayback Machine.
  16. 16,0 16,1 Consorcio para el Parque de las Ciencias. Avd. del Mediterráneo s/n 18006 Granada. España. Vacunas Para Todos. Bicentenario de la Real Expedición Arquivado 03 de xuño de 2020 en Wayback Machine.

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas