Ramón Ferro Dios, nado na Illa de Arousa en 1978, é un piragüista galego que compite na modalidade maratón. É gañador de doce medallas no Campionato Mundial de Piragüismo en Maratón entre os anos 2004 e 2017, e nove medallas no Campionato Europeo de Piragüismo en Maratón entre os anos 2003 e 2017,[1][2] conseguidas facendo parella co pontevedrés Óscar Graña.
Traxectoria
Ramón Ferro iniciouse no piragüismo cando contaba 10 anos, destacando nos campionatos de España de cadetes aos 15[3]. Competiu ao principio no Club de Piragüismo Illa de Arousa, incorporándose máis adiante ao Club Kayak Tudense. No 2002 comezou a competir na modalidade de maratón, ao principio na categoría C-1 e, posteriormente, na categoría C-2.
Asociouse ao tamén piragüista Óscar Graña, co que participou no Mundial de Zamora en 2002, onde quedaron quintos[4] e co que acadou en 2003 a súa primeira medalla no Campionato de Europa, ao remataren en segunda posición. En 2004 conquistaron a súa primeira medalla no Campionato Mundial de Piragüismo en Maratón tras finalizar terceiros, resultado que repetiron en 2005. Nas seguintes tres edicións, 2006, 2007 e 2008, lograron tres pratas, ademais doutra prata no Europeo de 2007. En 2009 gañaron a medalla de ouro no Europeo, mentres que Ferro non puido participar no Mundial ao ser hospitalizado por unha meninxite.[4] En 2010 convertéronse por primeira vez en campións do mundo.[5] En 2011 logrou outra medalla de prata no Europeo xunto a Graña, mentres que no Mundial competiu xunto a Manuel Garrido pois Graña tiña que realizar as oposicións á Policía Nacional.[4] Lograron chegar primeiros á meta pero foron descualificados por pasar por unha zona prohibida.[6] Mantiveron unha reclamación durante anos contra esta decisión.
En 2012, proclamouse campión do mundo de novo xunto a Graña,[7] título que revalidaron ao ano seguinte.[8] Tamén en 2013 se proclamaron campións de Europa por segunda vez.[9] En 2014 repetiron vitoria no Europeo e lograron o terceiro posto no Mundial. En 2015 e 2016, lograron a prata tanto nos Europeos como nos Mundiais, mentres que no 2017 se fixeron cun bronce europeo[10] e unha prata no mundial.[11]
En decembro de 2017 e con 39 anos, Ramón Ferro anunciou a súa retirada do piragüismo, cun palmarés de doce medallas no Campionato do Mundo e nove no Europeo.[4]
Fóra do deporte
Nas eleccións municipais de 2007 presentou a súa candidatura para concelleiro dentro das listas do PP para o Concello da Illa de Arousa[12]. Repetiu esta candidatura en procesos electorais posteriores, aínda que sempre nos últimos postos. Á marxe do piragüismo, exerce como navalleiro e marisqueiro.
Palmarés internacional
Recoñecementos
Notas