Nado en Abuja, Azeez comezou a súa carreira futbolística xogando para a Future Pro Academy. No ano 2010 chegou a un acordo para xogar na Unión Deportiva Almería en España, con todo, tivo que agardar até xullo de 2011 para que a fichaxe fose efectiva.[1] Tras pasar unha temporada no filial do club almeriense da Segunda División B, o 17 de agosto de 2012 debuta co primeiro equipo nun partido da Segunda División ante o FC Barcelona B. Azeez, saíu no minuto 55 en substitución de Javier Casquero, volvendo ao banco tan só 10 minutos despois tras recibir un cartón amarelo. Segundo Javi Gracia, adestrador do Almería, o troco foi debido ao risco de recibir un cartón vermello e quedar en inferioridade numérica. Finalmente, o seu equipo consegue gañar por 5-4 no Mini Estadibarcelonés.[2]
Tras xogar 31 partidos e anotar 3 goles co Almería B, Azeez foi ascendido definitivamente ao primeiro equipo, o cal acababa de ascender á Primeira División (La Liga). O seu debut na competición sería o 30 de agosto de 2013, saíndo a xogar 20 minutos no empate 2−2 ante o Elche CF no Estadio de los Juegos Mediterráneos. O seu primeiro gol chegaría antes de final de ano, o 21 de decembro, marcando o tanto que supoñía a vitoria por 1−0 ante o Real Betis no Estadio Benito Villamarín.[3] Volvería a repetir como goleador precisamente ante o Betis no partido de volta, conseguindo o gol da vitoria (3−2) no minuto 94 de partido.[4] Ao ano seguinte, xogando moitos menos minutos, o seu equipo non logra salvarse, descendendo á Segunda División. Tras o descenso, Azeez solicita ao club que escoite ofertas para o seu traspaso.[5] Con todo, tras non frutificar ningunha oferta, o club envía ao xogador ao filial. Co equipo seriamente ameazado coa perda de categoría, o 26 de xaneiro regresa ao primeiro equipo. Finalmente, tras consumarse o descenso do club almeriense, asina por dúas temporadas, con opción a outra máis, co Club Deportivo Lugo da Segunda División.[6]
Internacional
Azeez xogou coa selección nixeriana sub-17 na Copa do Mundo sub-17 de 2009, sendo un fixo no once que finalmente se proclamou subcampión do torneo. Dous anos despois volve a xogar outro Mundial, esta vez o sub-20, sendo de novo titular indiscutíbel para as Super Eagles. O 3 de febreiro de 2014 chegaría a súa primeira convocatoria coa selección absoluta, aínda que non chega a debutar no partido que os enfrontaba a México. O seu debut chegaría un mes despois, o 5 de marzo, xogando toda a segunda parte nun amigábel de novo ante México no Georgia Dome de Atlanta, Estados Unidos. O seu rendemento convenceu ao corpo técnico nixeriano para ser convocado para a disputa do Mundial do Brasil 2014. No Mundial sairía como titular no primeiro partido da selección, finalizando este con empate 0−0 ante Irán. Finalmente a súa selección chegaría aos oitavos de final onde perde por 2-0 ante Francia.