Quinto informe de avaliación do Grupo intergobernamental sobre o cambio climático
O Quinto informe de avaliación do Grupo intergobernamental sobre o cambio climático, tamén coñecido abreviadamente como 5º Informe do IGCC (en inglés IPCC 5th Assessment Report ), é a penúltima actualización das actividades do Grupo intergobernamental sobre o cambio climático, que compila e sintetiza os estudos de miles de científicos de todo o mundo sobre o quecemento global. É resultado da cooperación entre a Organización Meteorolóxica Mundial e o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente.[1][2]
A publicación do Quinto informe do IGCC foi moi esperada pola súa solidez científica e a súa influencia na toma de decisións dos gobernos do mundo.[3][4][5][6] A versión final apareceu en 2014; o seguinte relatorio foi formulado en 2016 e desenvolvido nos anos seguintes entre os que foron publicados tres relatorios especiais e o presentado o Sexto informe do IGG en agosto de 2021, estando previsto o relatorio de síntese para outubro de 2022.[7]
O 5º informe confirmou que o home é o responsábel do quecemento do planeta, e advertía dos perigos da inacción. O Informe analizou datos que non estaban incluídos nos estudos do informe anterior (Cuarto informe do IGCC), e utilizou modelos teóricos mellorados, con todo, suscitou críticas entre escépticos e negacionistas. [8][9] As principais conclusións do informe foron: [2][10]
O quecemento é inequívoco. O mundo quentouse de media 0,85 °C de 1880 a 2012. A atmosfera e os mares quentáronse, o xeo e a neve diminuíron.
A manifestación do fenómeno en todo o mundo e os seus efectos non é uniforme. No Ártico é onde o quecemento se sente máis.
A evidencia que indica a orixe humana reforzouse desde o 4º informe.
As últimas tres décadas foron as máis cálidas desde 1850. O aumento da Tra entre as medias de 1850-1900 e de 2003-2012 foi de 0,78 °C
Os océanos acumularon a maior parte do quecemento, amortiguando o da atmosfera, almacenando máis do 90% da enerxía do sistema climático e moito dióxido de carbono. Os 700 m superiores do océano quentáronse entre 1970 e 2010, e probabelmente se afectou no fondo. Non obstante, a medida que o océano se quenta, perde a súa capacidade para absorber o CO2, o que pode acelerar os efectos atmosféricos ao alcanzar a saturación.
O mar é cada vez máis ácido pola absorción de CO2.
O nivel do mar subiu uns 19 cm entre 1900 e 2010 pola expansión térmica das augas. A cota podería chegar a superar os 80 cm en 2100.
O réxime de precipitacións, as correntes mariñas e os patróns de ventos están a ser perturbados, aumentando as secas e inundacións.
Os efectos combínanse para xerar novas causas, nun efecto dominó que agrava as consecuencias.
Aínda que as emisións se detivesen de inmediato, habería un quecemento adicional pola lentitude de certas reaccións e os efectos acumulativos. O quecemento ten efectos a longo prazo e afecta a toda a biosfera.
Se as emisións continúan así, o quecemento aumentará, podendo chegar a 4,8 °C en 2100, os efectos negativos multiplicaranse con graves repercusións para o benestar da humanidade e demais formas de vida.
Evitar que as previsións máis pesimistas se fagan realidade requirirá unha redución rápida e importante das emisións.
Outra conclusión foi o fortalecemento do consenso anterior de que as decisións adoptadas nas próximas dúas décadas terán efectos decisivos a longo prazo, moitos deles potencialmente catastróficos e irreversibles, recomendando aínda máis as medidas preventivas urxentes.[11] Segundo Suzana Kahn, investigadora brasileira que colabora co IPCC,
“en esencia, a ganancia (do novo informe) é a confirmación do que se dixo dende hai tempo, con moita máis información sobre o papel dos océanos, as nubes e os aerosois".[12]
O traballo do IGCC representa o estado da arte sobre o quecemento, é o consenso global dos científicos,[13][14] e mesmo nos EEUU, que durante a Administración Bush foi o bastión máis influente do escepticismo climático, xa o é observou un cambio de posición ante unha forte evidencia científica.[15][16][17][18]Barack Obama lanzara un programa decidido para combater o quecemento global baseado na evidencia científica,[19][20][21] e o Secretario de Estado John Kerry foi enfático acollendo o informe:
"É outra chamada de atención: os que negan a ciencia ou buscan escusas para evitar a acción xogan co lume.O cambio climático é real, está a suceder agora, os seres humanos son os causantes e só a acción humana pode salvar o mundo dos seus peores impactos."[12]
↑ 2,02,1IPCC. Summary for Policymakers. Working Group I Contribution to the IPCC Fifth Assessment Report Climate Change 2013: The Physical Science Basis.
↑The National Academies. "Understanding and Responding to Climate Change". Highlights of National Academies Reports, 2008.
↑Oreskes, Naomi. "Beyond the Ivory Tower: The Scientific Consensus on Climate Change". In: Science, dez/2004; 306 (5702):1686.
↑"US climate scientists pressured on climate change". NewScientist, 31/01/2007.
↑"Groups Say Scientists Pressured On Warming". CBS News, 30/01/2007.
↑Gillis, Justin. "In Poll, Many Link Weather Extremes to Climate Change". The New York Times, 07/04/2012
↑Leiserowitz, A. et alii. Extreme Weather, Climate & Preparedness In the American Mind. Yale University and George Mason University. New Haven, CT: Yale Project on Climate Change Communication, 2012.
↑"While Congress sleeps". The Economist, 29/06/2013.
↑Rubin, Jennifer. "Obama’s climate gift to Republicans". The Washington Post, 25/06/2013.
↑"Obama Might Actually Be the Environmental President". New York Magazine, mai/2013.