A comezos de 2013, varios rapaces pontevedreses comezaron a interesarse por este deporte practicamente descoñecido na cidade, e que comezaba a ser practicado nalgunhas vilas do país, atraídos por un deporte popular que conserva os seus valores orixinais e que supuña unha alternativa aos deportes máis seguidos da cidade. Este grupo de mozos comezou a traballar para poder ir facendo adestramentos. Pouco tempo despois, o seu traballo daba resultado, e un grupo dunhas dez persoas comezaba co proxecto. Tras varias reunións, decidiuse adoptar o nome da cidade para o club, así como facer clara referencia á mesma no escudo; para as cores, o verde. O 9 de marzo do 2013, o Pontevedra Fútbol Gaélico botaba andar[1]. Nos comezos adestraban nun pequeno campo abandonado situado na Barca, no concello de Poio, sen vestiarios nin duchas, coa herba en bastante mal estado, e moi próximo á autoestrada. Co tempo, este pequeno campo foi denominado cariñosamente coma "O Patatal". Logo de varios meses no "Patatal", e coa Liga Galega de Fútbol Gaélico xa a piques de comezar, comezaron a adestrar nos campos da Xunqueira. Por incompatibilidade de horarios víronse na obriga de xogar no campo do Carrasco en Marcón os partidos de liga.
Na tempada 2014/15 o club consolidouse coa creación do equipo feminino[2]. Durante tres anos o equipo masculino mantívose en primeira división, até a súa desaparición en verán de 2017. Na tempada 2017/18 competiu só o equipo feminino.