Mide entre 19 e 22,5 cm de longo e ten 35 cm de envergadura alar,[3] case do tamaño dun rascón, do que se diferencia doadamente polo seu bico curto amarelado con vermello na base, moi distinto do pico longo e totalmente vermello do rascón. Como indica o seu nome común caracterízase polas pintas brancas da maior parte do seu corpo. Os adultos teñen as partes superiores de tons pardos e a face e peito grises azulados con barrado e negro e pintas brancas nos flancos. A súa parte ventral é beixe e a súa cola curta. Teñen patas amarelo verdosas con longas dedas. Os inmaturos son similares mais os tons grises azulados substitúense por pardos. Os polos están cubertos de penuxe negra, como nos demais rálidos.
Taxonomía e etimoloxía
É a especie tipo do xénero Porzana, que pertence á familia Rallidae, unha familia de aves acuáticas e semiacuáticas de tamaño medio, aínda que pequenas en comparación co resto de Gruiformes. Os rálidos adoitan ter a cola curta, robustas patas con dedas longas, plumaxes discretas e o pescozo máis curto que o das grúas. Os membros de Porzana caracterízanse por carecer dos conspicuos escudos frontais do resto dos rálidos e ser en xeral máis pequenos.
É unha ave migratoria que cría nas zonas húmidas con vexetación palustre alta das rexións temperadas de Europa e do oeste de Asia, chegando ata o oeste de Mongolia e as proximidades do lago Baikal, no sur de Siberia. Ao terminar a época de cría migra ao subcontinente indio e a África oriental e austral para pasar o inverno. En Galicia é unha ave de paso escasa.[8]
Comportamento
É unha ave solitaria e tímida, que se camufla entre a vexetación con grande éxito. Por iso, só é fácil vela durante a migración de outono, porque o descenso do nivel da auga permite descubrir as zonas de lama en que habitan. Aliméntase de pequenos insectos e outros invertebrados acuáticos.
Posúe unha voz rítmica e repetitiva, similar á dun látego estalando no aire. Nidifica de maio a xullo nun niño de ramiñas e follas en forma de cunca pouco fonda, situado sobre a vexetación a rentes da auga en pantanos pouco profundos. Realiza unha única posta de 8 a 12 ovos.
↑Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.