A poliña miúda[2] (Porzana parva) é unha especie de avegruiforme da familia dos rálidos propia de Eurasia e África. Non se debe confundir con Porzana pusilla. Habita en zonas húmidas que teñan xunqueiras, especialmente nos que os xuncos se mesturan con Typha latifolia e teñan canles. É moi difícil de ver, e é máis fácil escoitar as súas chamadas.[3] Non se recoñecen subespecies.[4]
Descrición
A poliña miúda mide de 18 a 20 cm de lonxitude.[5] É lixeiramente menor que a poliña pinta, da que se diferencia por carecer do barrado escuro dos flancos e as pintas das partes inferiores. A poliña miúda ten o bico curto e recto, de cor amarela e cunha mancha vermella na base. A diferenza doutras especies do seu xénero, a poliña miúda presenta un notable dimorfismo sexual. O macho ten as partes superiores veteadas en distintos tons de pardos, con algunhas vetas brancas, e coas partes inferiores e a face de cor gris azulada. Parécense aos machos de poliña anana (P. pusilla), que son algo menores e teñen os flancos barrados e ademais as súas plumas primarias son máis longas e sobresaen máis do seu corpo que na poliña anana. Ao contrario, a femia ten as partes inferiores beixes e só teñen cor cincenta na face.[3] As femias parécense máis ás P. flaviventer dos trópicos americanos. Os inmaturos de poliña miúda parécense ás femias mais teñen a face e o peito brancos. Os polos están cubertos por penuxe negra, como é típico nos rálidos.
Taxonomía e etimoloxía
A poliña miúda clasifícase no xénero Porzana, que pertence á familia Rallidae, unha familia de aves acuáticas e semiacuáticas de tamaño medio, aínda que pequenas en comparación co resto de Gruiformes. Os rálidos adoitan ter a cola curta, patas fortes con dedas longas, plumaxes discretas e o pescozo moito menos longo que o das grúas. Os membros de Porzana caracterízanse por non presentar conspicuos escudos frontais como o resto dos rálidos e ser máis pequenos.
Porzana é a latinización do termo venecianosporzana usado para nomear este tipo de aves, mentres que parva en latín significa 'pequena'.[9] É algo máis grande que a poliña anana, e o adxectivo "bastarda" débese a que ten características intermedias entre as da poliña anana (Porzana pusilla) e as da poliña pinta (Porzana porzana).
Distribución
É unha ave migratoria que cría nas zonas húmidas con extensas xunqueiras e vexetación de ribeira alta de Europa (especialmente no leste) e no oeste de Asia, e desprázase a África e o sueste de Asia para pasar o inverno. Os seus cuarteis invernais africanos son principalmente os lagos espallados polo Sahel e a cunca do Nilo. Na Península Ibérica é rara e obsérvase especialmente durante os seus pasos migratorios. En Galicia é unha ave de paso moi escasa.[10]
Comportamento
Buscan alimento sondando co bico na lama ou en augas pouco profundas e tamén peteirando o que ven entre a vexetación. Comen principalmente insectos e pequenos animais acuáticos. Son aves moi esquivas durante a época de cría e é máis probable poder oílas que observalas, e son máis fáciles de ver durante a migración, xa que entón son máis ruidosas e emiten chamadas de tipo kua. Aniña en sitios secos entre os xuncos e adoita poñer entre 4 e 7 ovos.
↑ 3,03,1Mullarney,K.; Svensson, L.; Zetterström, D; y Grant, P.J. (2003). Guía de Campo de las Aves de España y de Europa. Editorial Omega. ISBN84-282-1218-X.
↑James A. Jobling. Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Bloomsbury Publishing p. 293 y 315 ISBN 1408125013
↑Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.