Polaroid é unha compañía estadounidense dedicada á fabricación e distribución de cámaras e película fotográfica instantánea.
Historia
En 1928, Edwin H. Land desenvolveu o primeiro filtro polarizador sintético. Após varios anos de desenvolvemento, en 1932 funda os laboratorios Land-Wheelwright, que en 1935 adoptarán a denominación actual, pola que son mundialmente coñecidos, Polaroid.
A comercialización do produto comezou en 1937, atinxindo un grande éxito debido á multitude de aplicacións, inclusive militares. A Polaroid converteuse nun importante subministrador do exército estadounidense durante a segunda guerra mundial.
En 1947, a Polaroid presentou na Sociedade Óptica Estadounidense a primeira fotografía instantánea, tirada cunha cámara que revelaba e positivaba a imaxe en 60 segundos. Ese invento tornouse o principal produto da empresa até a aparición da fotografía dixital, na década de 1990.
En 1986, a Polaroid enfrontouse xudicialmente a Kodak por unha cuestión de patentes, o que trouxo consigo o abandono de Kodak nese segmento do mercado. Ademais, Polaroid foi unha das primeiras casas en producir cámaras dixitais: en 1996 saíu ao mercado a PDC-2000 que, porén, perdeu a loita por gañar un importante nicho de mercado nese segmento. Isto, combinado con outros problemas de dirección da compañía, levou á súa quebra en 2001. A compañía modificou o seu nome polo de Primary PDC, que foi vendida a unha entidade subsidiaria do Bank One. Os propietarios da compañía fundaron unha nova empresa, nomeada Polaroid Corporation, que continuou a fabricación de produtos fotográficos baixo o control de Thomas J. Petters e da Petters Group Corporation. Na actualidade, a empresa atópase en proceso de reposicionamento no mercado da fotografía dixital.