Pol Manrubia Benavent, nado en Bigues i Riells del Fai o 6 de xullo de 2000, é un xogador de hóckey a patíns catalán, que xoga como dianteiro no Benfica, do Campionato Portugués.
Traxectoria
Comezou a xogar ao hóckey a patíns no CHP Bigues i Riells da súa localidade natal, antes de ingresar na canteira do FC Barcelona.[1] Na tempada 2016/17 fichou polo Vic, co que debutou na OK Liga a seguinte tempada.[1] Na campaña 2018/19 xogou no Voltregà, onde realizou boas actuacións e marcou 10 goles, o que lle abriu as portas do Noia, club que o contratou ao remate da tempada.[2]
Na súa primeira campaña no club de Sant Sadurní d'Anoia marcou 15 goles e o seu equipo ocupaba a terceira praza da OK Liga, cando as competicións foron suspendidas por mor da pandemia de COVID-19. Na tempada 2020/21 marcou 20 goles na liga e outros cinco na Liga Europea, na que o seu equipo quedou eliminado na primeira rolda. A pesar da rápida eliminación acabou como o máximo anotador da competición, empatado cos tamén españois Marc Torra e Antonio Pérez.[3]
Para a tempada 2021/22 fichou polo Benfica, co que acadou a final do campionato portugués, caendo ante o Porto en cinco partidos.[4] Co boicot dos principais clubs europeos á Liga Europea, o Benfica disputou xunto ao outros once equipos a Golden Cup no Pazo dos Deportes de Riazor, callando Pol Manrubia boas actuacións e levantando o título na final ante o Barcelos.[5] Comezou a tempada 2022/23 gañando co Benfica a Supercopa de Portugal, pero as chegadas de Nil Roca e Roberto Di Benedetto provocaron que o club lle buscase unha saída, polo que en outubro marchou cedido ao Liceo coruñés.[6] Co club verde conseguiu o subcampionato de liga, regresando a Lisboa ao remate da campaña.
Selección española
Foi internacional coas categorías inferiores da selección española, conquistando o Europeo sub-20 en 2018 de xeito invicto, cun equipo formado integramente por xogadores cataláns.[7]
Palmarés
- Benfica
- Selección española sub-20
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas