O piñeiro rubio ou piñeiro silvestre[2] (Pinus sylvestris L.) é unha árbore ximnosperma da familia das pináceas, de folla perenne. As acículas son moi curtas en comparación co piñeiro bravo (de 4 a 6 cm. de lonxitude), ao igual que as piñas (de 5 a 6 centímetros). Os piñóns raramente pasan os 5 mm. e a súa á abrangue entre os 12 e 17 mm. Recibe o seu nome común da cor encarnada da súa casca na parte superior do tronco (nas partes máis baixas ten tonalidade parda), a súa principal característica distintiva.
Especie clímax en Galiza no Cuaternario, na actualidade só se atopa nas zonas máis altas grazas a labores de repoboación. A súa madeira é de boa calidade.
Distribución e hábitat
Árbore moi común no Hemisferio Norte, estendéndose por Eurasia en rexións relativamente frías. Vai dende Escocia (tamén chamado piñeiro de Escocia) e a Península Ibérica polo oeste até Siberia e as montañas do Cáucaso polo leste, e dende Laponia polo norte até Serra Nevada polo sur. No norte da súa distribución espállase dende o nivel do mar até os 1.000 m, mentres que no sur se desenvolve nas montañas en altitudes comprendidas entre os 800 e os 2.400 msnm. Atópase cultivado amplamente en Nova Zelandia e en moitas das rexións máis frías de América do Norte. Atópase catalogado como unha "especie invasora" nalgunhas zonas norteamericanas, nas que se inclúe Ontario e Wisconsin.
Descrición
O piñeiro rubio pode acadar os 30 m de altura por uns 5 metros de circunferencia, chegando a crecer 6 metros de alto en 10 anos. A súa copa é de forma cónica de novo para despois de adulto pasar a ser irregular, larga e deprimida, de novo presenta un tronco vestido que de adulto pasa a ser espido.
As follas son simples, agrupadas de dúas en dúas, aciculares, rexas, punzantes, curtas, de 3 a 7 cm de lonxitude, de sección semicircular, arredondadas no dorso, finalmente dentadas. As flores ou estróbilos femininos son conos de forma oblonga, de cor castaña, apófise pouco saínte, desprovista de umbo espiñento, pequenos, de 3 a 6 cm de longo, reunidos en grupos de 2 a 3, caedizos, xa que apenas maduran. Os piñóns, que son as sementes, son miúdos, dotadas dunha á.
Atura o pleno sol, non así coa sombra; adáptase a todo tipo de solo agás os asolagados mais si os húmidos, mellor canto máis fértiles e profundos que garantes un bo desenvolvemento, resiste a seca. Non atura a polución e non vive moito tempo en competencia con outras especies que o superen en altura. Resiste invernos moi fríos.