Ángel Alonso Herrera, coñecido como Pichi Alonso, nado en Benicarló o 17 de decembro de 1954, é un exfutbolista e exadestrador español.[1] Xogaba como dianteiro centro e destacou especialmente no Zaragoza, club do que é o terceiro máximo goleador histórico, só por detrás de Marcelino e Joaquín Murillo.
Traxectoria
Como futbolista
Debutou na Segunda División na tempada 1975/76, mentres xogaba nas filas do Castellón. Marcou 8 goles en liga na súa primeira campaña, cifra que aumentou ata 12 na segunda.
En 1977 fichou polo Real Zaragoza, adestrado por Arsenio Iglesias. Na súa primeira tempada en Zaragoza proclamouse campión da Segunda División, contribuíndo con 22 goles, rexistro que o colocou no segundo posto da táboa de máximos goleadores da competición, só por detrás do galego Alfonso Castro, con 24. Xogou co Zaragoza en Primeira División durante as seguintes catro campañas, rematando sempre entre os oito máximos goleadores da liga. Na última delas, 1981/82 foi o segundo máximo anotador da liga con 16 goles, aínda que lonxe dos 26 de Quini.
En 1982 fichou polo FC Barcelona, no que xogou durante catro tempadas, gañando varios títulos, pero con menor participación que nos equipos anteriores. Durante a súa etapa no Camp Nou marcou un triplete ante o IFK Göteborg nas semifinais da Copa de Europa, que serviron para empatar a eliminatoria e forzar a prórroga e a quenda de penaltis na que finalmente o club catalán conseguiu o pase á final.[2][3] Disputou tamén a final contra o Steaua de Bucarest, entrando dende o banco nos minutos finais da prórroga, como substituto do escocés Steven Archibald. Realizou un dos lanzamentos da quenda de penaltis, pero foi detido polo gardameta romanés Helmuth Duckadam, que parou aquela noite todos os penaltis, sendo deste xeito o título para o Steaua.[4]
Na tempada 1986/87 pasou ao Espanyol, onde recuperou a titularidade, e as boas cifras goleadoras, rematando a súa primeira campaña con 17 dianas, só superado na liga por Hugo Sánchez, Lineker e Magdaleno. Xogou no Espanyol durante tres tempadas ata a súa retirada en 1989. Como futbolista, marcou un total de 107 goles en 261 partidos na Primeira División.
Como adestrador
Retirado como futbolista, obtivo o título de adestrador e debutou no banco do Figueres de Segunda División, na tempada 1992–93,[5] que rematou co descenso do equipo catalán.[6] Posteriormente desenvolveu tarefas técnicas como segundo adestrador de Víctor Muñoz no RCD Mallorca.[7]
Durante a década de 1990 compaxinou o seu traballo como comentarista deportivo en TV3, a televisión autonómica de Cataluña, como adestrador da selección de fútbol de Cataluña. Foi substituído por Pere Gratacós como técnico de Cataluña en 2005 (acumulando un total de 10 anos á fronte e só 3 derrotas ante a Arxentina e o Brasil, dúas veces.[8] En 2006 marchou a Ucraína, onde adestrou durante uns meses o Metalurh Donetsk.[9][10]
Tras esa breve experiencia, volveu a TV3 para retomar o seu traballo como analista técnico en partidos de fútbol e como comentarista de diferentes programas da cadea. En setembro de 2012 incorporouse a Canal+ para realizar o mesmo traballo.[11]
Palmarés
- Real Zaragoza
- FC Barcelona
Notas
- ↑ Codony, Xavier (Xuño de 2005). "Cent cinquanta gols i dues carreres" (PDF). la Universitat (en catalán): 4.
- ↑ ""Pichi Alonso (3 goles), un mago para una noche... mágica"" (PDF). Mundo Deportivo (en castelán). 17 de abril de 1986. p. 4. Consultado o 14 de marzo de 2022.
- ↑ F. Sanchidrián, David (22 de abril de 2012). "El barcelonismo apela al 'espíritu de Pichi". As (en castelán). Consultado o 14 de marzo de 2022.
- ↑ "Duckadam, el hombre que hace 26 años se interpuso entre el Barcelona y su primera Copa de Europa" (en castelán). 6 de maio de 2012. Consultado o 14 de marzo de 2022. [Ligazón morta]
- ↑ Casademont, Emili (6 de outubro de 1992). "Pichi Alonso anticipa su llegada" (PDF). Mundo Deportivo (en castelán). p. 26. Consultado o 14 de marzo de 2022.
- ↑ Casademont, Emili (23 de junio de 1993). "Pichi Alonso concluye su etapa en el Alt Empordà" (PDF): 28.
- ↑ Barceló, Alfons (22 de abril de 1997). "Beltrán echa a Víctor Muñoz y Pichi Alonso" (PDF) (en castelán). p. 32. Consultado o 14 de marzo de 2022.
- ↑ "Pere Gratacós, nuevo seleccionador catalán". La Vanguardia (en castelán). 30 de novembro de 2005. Consultado o 14 de marzo de 2022.
- ↑ Domènech, O.; Pallàs, J. J. (24 de maio de 2006). "'Pichi' Alonso y Jordi Cruyff, al Metalurg Donetsk" (PDF). Mundo Deportivo (en castelán). p. 12. Consultado o 14 de marzo de 2022.
- ↑ Archs, Jordi (7 de decembro de 2006). "Pichi no seguirá en Ucrania" (PDF). Mundo Deportivo. p. 40. Consultado o 14 de marzo de 2022.
- ↑ Pérez de Rozas, Emilio (2 de setembro de 2012). "Pichi Alonso deja hoy TV-3 y se incorpora a Canal+". El Periódico de Catalunya (en castelán). Consultado o 14 de marzo de 2022.
Véxase tamén
Ligazóns externas