Pia Merete Kjærsgaard, nada o 23 de febreiro de 1947, é unha política dinamarquesa líder e cofundadora do Dansk Folkeparti, o Partido Popular Dinamarqués, un partido conservador e nacionalista con posicións de ultradereita en temas como a inmigración. Deveu un dos políticos máis coñecidos en Dinamarca durante a primeira década do século XXI, en parte por mor do seu apoio parlamentario ao goberno de centro-dereita liderado primeiro por Anders Fogh Rasmussen e máis tarde por Lars Løkke Rasmussen.
Traxectoria
Kjærsgaard comezou a súa carreira política como candidata do Partido Progresista Dinamarqués no distrito nominal de Ryvang, entre 1979 e 1981, máis tarde polo distrito de Ballerup e Gladsaxe até 1983, despois polo distrito de Hvidovre (1983-1984), e finalmente polo de Middelfart, dende 1984 até 1995.
En 1984, aínda no Partido Progresista, obtivo o seu primeiro escano no Parlamento de Dinamarca, en representación do antigo distrito de Copenhaguen (período 10 de xaneiro de 1984 - 8 de setembro de 1987). Despois diso representou ao distrito de Fionia até o 6 de outubro de 1995.
En 1995, cunha situación caótica no Partido Progresista, Kjærsgaard marchou para cofundar o Dansk Folkeparti. Como membro do DF foi candidata no distrito nominal de Glostrup en 1997, seguidamente do de Hellerup e Gentofte, até 2005. Tamén ocupou un escano no Parlamento, representando novamente ao distrito de Fionia, dende outubro de 1995 até o 11 de marzo de 1998.
Co descenso de apoio do Partido Progresista, o DF experimentou un significativo ascenso. En 2001 converteuse no terceiro partido con maior representación no Parlamento, aglutinando un 12% do total de votos.
Nas eleccións parlamentarias de 2005, o DF aumentou a súa porcentaxe até o 13,2%, e Kjærsgaard recibiu o 38,35% de votos persoais, sendo a segunda, detrás do Primeiro Ministro, Anders Fogh Rasmussen. En 2007, a formación acadou o 13.8%.
Véxase tamén
Ligazóns externas