José Benigno Rey Rodríguez, coñecido como Pepe Rei, nado na Barca de Barbantes (Cenlle) o 13 de abril de 1947 e finado en Donostia o 9 de marzo de 2021[1], foi un xornalista e escritor galego.
Traxectoria
Traballou en El Pueblo Gallego. Marchou a Asturias onde casou con 22 anos, e comezou a colaborar na prensa asturiana. Participou na fundación do semanario Occidente. Despois por Odiel de Huelva, Diario Madrid da capital española e, co título oficial de xornalista, recalou en La Voz de España de Donostia, Hoja del Lunes, La Voz de Euskadi e na revista Interviú. En 1988 incorporouse ao diario Egin, vinculado á esquerda abertzale nos anos 90, onde chegou a ser redactor xefe e impulsou o seu equipo de investigación.
En 1994, a Ertzaintza rexistrou a sede de Egin, incautando material informático do equipo de investigación. Ese mesmo ano atopáronse coincidencias entre os ficheiros das investigacións do equipo de Rei e a información sobre obxectivos incautada a ETA. En agosto, Pepe Rei foi detido por orde do xuíz Carlos Bueren, acusado de proporcionar esta información ao grupo terrorista, pero foi absolto en 1997.
En 1998, o xuíz Baltasar Garzón ordenou o peche cautelar de Egin. Rei continuou o seu traballo na revista mensual Ardi Beltza, pero foi detido de novo en 1999 e en 2001, e a revista foi pechada por orde xudicial. Pepe Rei atribuíu as súas detencións á expresión das súas opinións, mentres que a policía seguiu considerándoo un colaborador do aparato de investigación de ETA, aínda que nunca se chegou a probar este extremo.[2]
O 13 de xuño de 2001, a Sección IV da Sala do Penal da Audiencia Nacional decidiu poñer en liberdade a Pepe Rei, logo de ter pasado cinco meses en prisión. Os maxistrados consideraron que non había elementos que imputaran e probasen que, co seu traballo en Ardi Beltza, Rei sinalase ou marcase os obxectivos de ETA. O fallo contaba co voto particular do maxistrado Juan José López Ortega, relator da resolución, e co do presidente da Sección IV, Carlos Cezón, que argumentaban que o procesado debía saír do cárcere por motivos de saúde, dado que padecía unha lesión cardíaca grave e que non existían indicios delituosos suficientes contra el. Igualmente, o maxistrado Carlos Ollero Butler formulaba un voto particular no que mostraba o seu acordo coa excarceración de Rei só por motivos de saúde.
Foi condenado por calumnias xunto a outros dous xornalistas da revista Ardi Beltza,[3] polo que tivo que pagar 5 millóns de pesetas como indemnización ao xeneral Enrique Rodríguez Galindo.[4]
En agosto de 2002 sufriu un grave accidente de circulación que o apartou da súa profesión.[5] En xaneiro de 2013 creouse unha asociación cultural sen ánimo de lucro no seu nome para fomentar o xornalismo de investigación e de denuncia.[6]
Obras
Investigación
Novela
Tamén editou o libro Un rey golpe a golpe, escrito por Rebeca Quintáns baixo o pseudónimo de Patricia Sverlo, unha dura crítica á monarquía onde acusa o rei de España de orquestrar e manexar a intentona golpista do 23 de febreiro de 1981.
Notas
- ↑ "Fallece Pepe Rei, azote de Intxaurrondo desde ‘Egin’ y represaliado por ello". Naiz (en castelán). 9 de marzo de 2021.
- ↑ Pepe Rei: «Estar procesado es la factura por oponerme al pensamiento único» Arquivado 07 de novembro de 2003 en Wayback Machine., Gara, 7 de febreiro de 2002.
- ↑ Condenados por calumnias dos periodistas de 'Ardi Beltza', El País, 17 de xaneiro de 2007.
- ↑ El periodista Pepe Rei, condenado a indemnizar a Rodríguez Galindo, El Mundo, 18 de outubro de 2000.
- ↑ El periodista Pepe Rei, herido grave al volcar el coche que conducía, El País, 21 de agosto de 2002.
- ↑ La asociación cultural Pepe Rei impulsará el periodismo de investigación y de denuncia Arquivado 21 de decembro de 2013 en Wayback Machine., Naiz, 18 de xaneiro de 2013.
Véxase tamén
Ligazóns externas