Pedro Luis Castañón Escalera, nado en Santiago de Compostela c.1961,[1] é un ex piloto galego de rallys.
Competiu de xeito habitual no Campionato de Galicia de Rally, do que se proclamou subcampión na tempada 1996. É pai do tamén piloto Pedro Castañón López.
Traxectoria
Comezou nos rallys nos anos 80 na Escudería Compostela pilotando un Citroën Visa e en 1991 quedou terceiro na Copa Seat Marbella do Campionato de Galicia de Rally.[2] En 1992 usou un Peugeot 205 Rallye, co que quedou segundo na Copa Mabor e nos seguintes tres anos correu sobre Citroën AX Sport,[3][4] co que quedou segundo no Rally de Noia de 1994, por detrás de Javier Piñeiro.[5] Ese ano proclamouse campión da Challenge Citroën, dentro da cal conseguiu tres vitorias, dous segundos postos e dous terceiros, superando ao segundo clasificado, Benito Carballido.[6] Na tempada 1996, conducindo un Renault Clio Williams, conseguiu outro segundo posto absoluto, no Rally Botafumeiro, e a súa regularidade permitiulle proclamarse subcampión galego, só por detrás de Germán Castrillón.[7] Durante os seguintes anos os problemas co Clio e cun novo Seat Ibiza Cupra impedíronlle obter tan bos resultados,[8] mais aínda así logrou outro podio no Rally Botafumeiro de 1998.[9] O seu copiloto habitual estes anos era Miguel Ángel Vilas.[4]
No ano 2000 pasou a disputar o Campionato de Galicia de Montaña cun Citroën ZX,[10] proclamándose gañador da Copa Galicia de Prototipos no seu primeiro ano, título que revalidou nos catro anos seguintes.[11][12] No 2004, cun Seat León Cupra, foi ademais campión galego de montaña entre os vehículos carrozados.[13][14] Disputou tamén de xeito interrompido o Campionato de España de Montaña, rematando en 2001 como sexto do seu grupo (A2),[15] e décimo en 2005 e 2006.[16][17] A principios de 2007 estreou un Nissan Primera Superturismo no nacional de montaña, co que competiu de xeito máis esporádico nos seguintes anos.[18]
O seu fillo Pedro tomou o seu relevo, competindo dende pequeno en karting e logo en subidas, e gañando en 2014 o Campionato de Montaña de Portugal.[19]
Notas