Pauleta

Modelo:BiografíaPauleta

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(pt) Pedro Miguel Carreiro Resendes Editar o valor en Wikidata
28 de abril de 1973 Editar o valor en Wikidata (51 anos)
Ponta Delgada, Portugal Editar o valor en Wikidata
Outros nomesPauleta Editar o valor en Wikidata
Altura180 cm Editar o valor en Wikidata
Peso78 kg Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1994 Editar o valor en Wikidata - 2010 Editar o valor en Wikidata
Nacionalidade deportivaPortugal Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDianteiro Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1990–1992 CD Santa Clara 11(0)
1992–1994 Clube Operário Desportivo
1995–1995 Clube União Micaelense 23(11)
1995–1996 Grupo Desportivo Estoril Praia 29(18)
1996–1998 UD Salamanca 71(34)
1998–2000   Deportivo da Coruña 58(18)
2000–2003 FC Girondins de Bordeaux 98(65)
2003–2008   Paris Saint-Germain 168(76)
  Selección nacional Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1996–1996   Portugal sub-21 1(0)
1997–2006   Portugal 88(47)
Participou en
2006Mundial de Fútbol Alemaña 2006
2004Eurocopa de Fútbol Portugal 2004
2002Mundial de Fútbol Corea/Xapón 2002
2000Eurocopa de 2000 Editar o valor en Wikidata
Premios

IMDB: nm1744995 FIFA: 166375 Editar o valor en Wikidata

Pedro Miguel Carreiro Resendes, máis coñecido como Pauleta, nado en Ponta Delgada o 28 de abril de 1973, é un exfutbolista portugués que xogaba de dianteiro. Tras destacar no Estoril, liderou o ataque do Salamanca no seu ascenso á Primeira División e posteriormente converteuse no máximo goleador da historia do club na máxima categoría. A continuación xogou dúas tempadas no Deportivo da Coruña, co que se proclamou campión de liga, antes de triunfar no fútbol francés, nas filas do GIrondins de Bordeos e do Paris Saint-Germain. Gañou varios títulos colectivos e individuais, entre eles tres trofeos ao máximo goleador da liga francesa, e retirouse como o máximo artilleiro histórico do PSG, con 109 goles.

Foi internacional coa selección portuguesa en 88 ocasións, sendo o primeiro futbolista portugués en vestir a camiseta nacional sen ter xogado nunca na Primeira Liga. Participou en dúas Eurocopas e dúas Copas do Mundo, e anotou 47 goles internacionais, sendo no momento da súa retirada o máximo goleador histórico de Portugal, superando a Eusébio. Mantivo o récord ata 2014, cando a súa cifra foi superada por Cristiano Ronaldo.

Traxectoria

Inicios en Portugal

Naceu na freguesía de São Roque, da cidade de Ponta Delgada, capital dos Azores, sendo o máis vello dos tres fillos do futbolista do Micaelense Manuel Resendes, alcumado tamén Pauleta, e de Magda do Rosário.[1][2] Máis tarde naceron as súas irmás Dina e Susana.[3] Comezou a xogar ao fútbol aos 9 anos no equipo da Comunidade Jovem de São Pedro e pouco despois deixou os estudos, pasando entón a traballar co pai, pintor de profesión.[4] Pasou polo Micaelense, antes de ingresar en idade xuvenil na canteira do Santa Clara. Realizou unha proba co Benfica e militou durante unha tempada no Porto, co que gañou o campionato nacional xuvenil, pero acabou regresando de novo ao Santa Clara.[4][5]

En febreiro de 1991, con 17 anos, debutou co primeiro equipo na Terceira Divisão.[6] Entre 1992 e 1994 militou no Operário, da mesma categoría, antes de pasar brevemente polo Angrense e de xogar unha campaña no Micaelense, ambos clubs tamén de Terceira.

No verán de 1995 deu o salto á Segunda Divisão, asinando contrato co Estoril. Disputou un total de 33 partidos co club de Cascais, nos que marcou 23 goles, o que chamou a atención de varios equipos, facéndose finalmente cos seus servizos o Salamanca.[7]

Salamanca

O club salmantino viña de descender á Segunda División, despois de quedar último na tempada anterior, e reforzouse con xogadores como Míchel Salgado, Loren Morón e cinco futbolistas de Os Belenenses: Giovanella, José Américo Taira, César Brito, Tomislav Ivković e Catanha, ademais do adestrador João Alves.[7] A estancia na categoría de prata durou só unha tempada, pois con Andoni Goikoetxea no banco tralo cesamento de Alves e con Pauleta como líder do ataque, o equipo proclamouse subcampión e logrou o ascenso directo. Pauleta rematou como o máximo goleador da competición con 19 goles, empatado con Yordi, do Atlético de Madrid B.[7]

Debutou na Primeira División na xornada inaugural da tempada 1997/87, diante do Racing de Santander no Sardinero. Contribuíu á permanencia do club na máxima categoría con 15 goles, incluído un triplete na vitoria por 4-1 sobre o Deportivo da Coruña no Helmántico. A pesar de militar só unha tempada co Salamanca en Primeira, é o cuarto máximo goleador histórico do club na categoría, só por detrás de Juanito Díaz, José Ramón Corchado e Miquel Corominas.[7]

Deportivo da Coruña

O 31 de maio de 1998 Salamanca e Deportivo da Coruña chegaron a un acordo para a fichaxe do xogador, pola que o club coruñés pagou 825 millóns de pesetas, máis de 80 veces máis do que desembolsara por el o Salamanca dous anos antes.[8][9] Debutou co Deportivo nun partido amigable contra o Racing Vilalbés na Magdalena, xogando xunto a Abreu e logrando unha ampla vitoria (0-8).[10] Debutou en partido oficial co club o 28 de outubro, na Copa do Rei ante o Jerez estremeño, e dúas semanas despois marcou o seu primeiro gol, diante do mesmo equipo en Riazor.

Na súa primeira tempada na Coruña anotou un total de 11 goles, despois de xogar como titular a maioría de encontros, case sempre co Turu Flores como compañeiro no ataque. A chegada de Roy Makaay na tempada 1990/00 reduciu as súas titularidades; pero, con todo, contribuíu con oito goles á conquista da primeira e única liga da histoira do club. Sumou ademais tres goles na Copa da UEFA, competición na que debutou ese ano. En agosto do ano 2000 gañou co equipo de Irureta a Supercopa de España fronte ao Espanyol.

Girondins de Bordeos

O 31 de agosto de 2000, o mesmo día no que Deportivo e Girondins de Bordeos se enfrontaron no Trofeo Juan Acuña, ámbolos clubs chegaron a un acordo para o traspaso do futbolista por uns 1.500 millóns de pesetas.[11] Unha semana despois debutou na Division 1 francesa, marcando tres goles na vitoria por 0-5 sobre o Nantes, equipo que acabou gañando a liga. Conseguiu dous tripletes máis, un na Copa de Francia e outro na Copa da UEFA, mentres que na liga acabou como segundo máximo goleador do campionato con 20 dianas, a dúas do brasileiro Sonny Anderson.

Na tempada 2001/02 conseguiu a mellor cifra goleadora da súa carreira, cun total de 35 goles entre tódalas competicións. Deles, 22 anotounos no campionato de liga, proclamándose máximo goleador xunto ao xogador do Auxerre Djibril Cissé, e sendo elixido mellor xogador da competición.[12] Ese ano gañou co seu club a Copa da Liga, contribuíndo con catro goles no torneo, dous deles na final ante o Lorient no Stade de France.[13]

Continuou como titular indiscutible durante a campaña seguinte, na que foi o segundo máximo anotador da liga, con 23 dianas, tres menos que as do congolés Shabani Nonda. A pesar de ter xogado só tres anos no GIrondins, colocouse como un dos máximos goleadores na historia do club, cun total de 91 goles en 130 encontros oficiais.[14]

Paris Saint-Germain

En 2003 fichou polo Paris Saint-Germain, co que gañou na súa primeira campaña a Copa de Francia, marcando o único gol na final diante do Châteauroux. Dúas tempadas despois, xa como capitán, volveu gañar a Copa, ao vencer na final ao Olympique de Marsella. En marzo de 2008 conquistou a Copa da Liga, o seu terceiro e último título co club de París, marcando ademais un dos goles da final ante o Lens (2-1), retirándose ao remate da campaña.

Durante a súa estadía no PSG mantivo altos rexistros goleadores, proclamándose máximo realizador da liga francesa nas tempadas 2005/06 e 2006/07. En só cinco tempadas ascendeu ata a primeira posición dos máximos goleadores da historia do PSG, co seus 109 tantos en 211 partidos, superando os 100 goles de Dominique Rocheteau. Mantívose no máis alto da táboa goleadora ata outubro de 2015, cando foi superado polo sueco Zlatan Ibrahimović, e posteriormente adiantárono tamén Cavani, Neymar, e Mbappé.[15]

En 2010 anunciou que volvía aos campos de fútbol para vestir a camisola do Desportivo São Roque, club da súa illa natal, São Miguel, no que militara seu pai e no que xogaba tamén o seu fillo en categorías inferiores. Xogou un total de catro partidos co equipo, marcando sete goles no último deles, na final dunha copa rexional.[16][5]

Selección nacional

Mentres militaba no Santa Clara, foi internacional coa selección portuguesa sub-20, que dirixía Carlos Queiroz.[4] Xogou tamén na selección azoriana xuvenil e en 1996 disputou un partido coa selección portuguesa sub-21.

O 20 de agosto de 1997 debutou coa selección absoluta de Portugal, nun partido ante Armenia, correspondente á fase de clasificación para o Mundial de 1998, converténdose no primeiro xogador en vestir a camiseta da selección lusa sen ter xogado nunca na Primeira Liga do país.[5] Marcou os seus primeiros dous goles internacionais un ano e sete meses despois, nun encontro de clasificación para a Eurocopa de 2000 fronte a Acerbaixán.[17] Foi convocado por Humberto Coelho para a fase final do torneo, disputado nos Países Baixos, aínda que quedou no banco en tódolos partidos excepto un. Foi no último encontro da primeira fase; cando, co equipo xa clasificado para a seguinte rolda, foi titular ante Alemaña, formando parella de ataque xunto a Ricardo Sá Pinto.[18]

Trala Eurocopa fíxose coa titularidade na selección, e foi un dos 23 homes elixidos por António Oliveira para representar ao seu país no Mundial de 2002. Debutou na derrota da primeira xornada ante os Estados Unidos e viviu o seu gran momento no segundo partido, marcando un triplete na vitoria por 4-0 sobre Polonia, cuxa portería defendía Jerzy Dudek.[19] Con todo, unha derrota pola mínima fronte a Corea do Sur na terceira xornada, deixou aos portugueses eliminados na fase de grupos. En novembro de 2003 Pauleta marcou catro goles nun mesmo partido coa selección, nun amigable fronte a Kuwait que rematou 8-0.[20]

Na Eurocopa de 2004 foi titular en cinco dos seis partidos de Portugal, incluída a final fronte a Grecia disputada no estadio da Luz, onde xogou como dianteiro centro por diante de Figo, Deco e Cristiano Ronaldo. Un solitario gol de Charisteas deulle o título ao equipo grego, privando á selección lusa do primeiro título da súa historia.[21] Tralo torneo e coas retiradas de Fernando Couto, Figo e Rui Costa, pasou a ser o capitán do equipo nacional. O 12 de outubro de 2005 entrou na historia do fútbol portugués, ao marcar dous goles ante Letonia e superar os 41 tantos de Eusébio como máximo goleador histórico da selección.[22]

No Mundial de 2006 en Alemaña volveu ser o dianteiro centro titular de Scolari, e comezou o torneo marcando o único gol no partido da primeira xornada ante Angola (1-0).[23] O equipo portugués acadou as semifinais, onde foi finalmente eliminado por Francia. Pauleta capitaneou o equipo no encontro polo terceiro posto diante de Alemaña, no que foi o seu derradeiro partido coa camisola nacional.[24] Deixou a selección cun total de 88 partidos e 47 goles, manténdose como o máximo artilleiro histórico do país ata 2014, cando foi superado por Cristiano Ronaldo.[25]

Vida persoal

Casou en 1995 coa tamén azoriana Sandra, veciña súa dende a infancia, coa que tivo tres fillos: André Miguel, Daniela e Sarah.[5][26]

Palmarés

Deportivo da Coruña
Girondins de Bordeos
Paris Saint-Germain
Individual

Véxase tamén

Ligazóns externas

Notas

  1. "Pauleta presta homenagem ao pai e ao Micaelense FC" (en portugués). 27 de agosto de 2019. Consultado o 29 de abril de 2023. 
  2. Granada, Olímpia (18 de xuño de 2006). "Pauleta" (en portugués). Consultado o 29 de abril de 2023. 
  3. "PAI, DEIXE-ME JOGAR À BOLA" (en portugués). 30 de maio de 2004. Consultado o 29 de abril de 2023. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "SOBRE PEDRO PAULETA". fundacaopauleta.com (en portugués). Consultado o 29 de abril de 2023. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Simões de Abreu, Alexandra (14 de xaneiro de 2018). "Pauleta: “Para não ir à tropa, arranjei raios-x de um asmático. Disseram-me: 'Estás apto, porque se estivesses assim, estavas morto'”" (en portugués). Consultado o 29 de abril de 2023. 
  6. "Pauleta: «Santa Clara na I Divisão era um sonho de todos»" (en portugués). 3 de xuño de 1999. Consultado o 29 de abril de 2023. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Segura, Arnau (24 de abril de 2023). "Pauleta: de las Azores al Helmántico" (en castelán). Consultado o 29 de abril de 2023. 
  8. "Pólvora lusa". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de xuño de 1998. p. 25. 
  9. "«Seré un gran negocio»". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de xullo de 1998. p. 34. 
  10. "Irureta diseñó ayer un Deportivo ofensivo". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de xullo de 1998. p. 55. 
  11. "El equipo galo ficha al delantero Pauleta por 1.500 millones". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 1 de setembro de 2000. p. 1. 
  12. "Classement des buteurs de la saison". deux-zero.com (en francés). Consultado o 29 de abril de 2023. 
  13. "Final da Copa da Liga 2002". Ligue de Football Professionnel (en francés). Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2008. Consultado o 29 de abril de 2023. 
  14. "LES 50 MEILLEURS BUTEURS". lalegendedesgirondins.com (en francés). Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2023. Consultado o 29 de abril de 2023. 
  15. "Ibrahimovic se regala un récord por su cumpleaños". El Mundo (en castelán). 5 de outubro de 2015. Consultado o 29 de abril de 2023. 
  16. Da Cunha, Pedro Jorge (20 de setembro de 2010). "Pauleta, regresso e despedida: dois golos para o São Roque" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 29 de abril de 2023. Consultado o 29 de abril de 2023. 
  17. "Portugal 7-0 Acerbaixán". goal.com (en portugués). Consultado o 15 de maio de 2023. 
  18. "Portugal - Alemaña 2000". UEFA (en inglés). Consultado o 15 de maio de 2023. 
  19. "Hat-trick de Pauleta y destellos de Figo". As (en castelán). 11 de xuño de 2002. Consultado o 15 de maio de 2023. 
  20. "Portugal se hizo un festín". ESPN (en castelán). 19 de novembro de 2003. Consultado o 15 de maio de 2023. 
  21. Torres, Diiego (2 de xullo de 2004). "Postiga y Gomes consuelan a Pauleta". El País (en castelán). Consultado o 15 de maio de 2023. 
  22. "Pauleta supera a Eusebio" (en castelán). 20 de outubro de 2005. Consultado o 11 de maio de 2023. 
  23. "Pauleta resuelve el Portugal-Angola en 4 minutos (1-0)" (en castelán). 12 de xuño de 2006. Consultado o 15 de maio de 2023. 
  24. "Alemania derrota a Portugal alzándose con el tercer puesto" (en castelán). 8 de xullo de 2006. Consultado o 11 de maio de 2023. 
  25. "Cristiano Ronaldo ya es máximo goleador de la historia de la selección portuguesa". RTVE (en castelán). 6 de marzo de 2014. Consultado o 13 de agosto de 2019. 
  26. "Pauleta foi pai pela 3.ª vez" (en portugués). 29 de abril de 2008. Consultado o 29 de abril de 2023.