Paula Belén Pareto, nada en San Fernando o 16 de xaneiro de 1986, é unha médica e judoka arxentina. Campioa do mundo en 2015 e gañadora dunha medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 e dunha medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro de 2016. Converteuse na primeira muller arxentina en ser campioa olímpica[1] e a primeira deportista arxentina que gañou dúas medallas olímpicas en disciplinas individuais.[2]
Traxectoria
Pareto comezou a practicar judo con nove anos xunto ao seu irmán máis novo Marco (ten ademais unha irmá máis vella, Estefanía) e até os Xogos Olímpicos de Londres 2012 representou ao Club Estudiantes de La Plata. Foi bolseira pola Secretaría de Deportes da Nación do seu país.[3]
En 2010, a Fundación Konex outorgoulle o Premio Konex de Platino como mellor deportista destacada da década 2001-2010. O 19 de novembro de 2014, Paula gañou a medalla de prata na categoría de até 48 kg no Grand Prix de Judo de Qingdao, na China.[4]
En agosto de 2015, consagrouse campioa no Campionato Mundial de Astana, Casaquistán, ao vencer á xaponesa Haruna Asami na categoría até 48 kg. O 22 de decembro dese mesmo ano, foi galardoada co Premio Olimpia de ouro, á mellor deportista do ano.[5] O 21 de agosto de 2016, logo de consagrarse campioa olímpica ao derrotar á surcoreana Jeong Bo-Kyeong, e foi elixida abandeirada da delegación arxentina na cerimonia de clausura dos Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro.[6]
Ao longo da súa carreira participou en tres Xogos Olímpicos entre os anos 2008 e 2016, obtendo unha medalla de bronce en Pequín 2008, diploma olímpico en Londres 2012 (onde finalizou quinta) e a medalla de ouro en Río de Xaneiro 2016.[7][8][9] Nos Xogos Panamericanos conseguiu tres medallas entre os anos 2007 e 2015.[10]
Gañou tres medallas no Campionato Mundial de Judo entre os anos 2014 e 2018, e doce medallas no Campionato Panamericano de Judo, entre os anos 2005 e 2019.[10][11][12]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas