A papuxa balcánica[2], tamén chamada papuxa paporrubia[3] ou papuxa carrasqueira[4] (Curruca cantillans, antes Sylvia cantillans), é un paxaro pequeno da familia das papuxas (Sylviidae) que cría no extremo sur de Europa e no norte de África.
Descrición
Son paxaros duns 12,5 cm de lonxitude. A plumaxe é distinta entre machos e femias. Nos machos o lombo e a cabeza son gris azulados, as ás e a cola de cor gris pardo, a barbadela, a gorxa e o peito son de cor avermellada. Ten un "bigote" branco. O ventre e os lados son brancos. A femia ten a cabeza máis gris, e acastañada por riba e abrancazada por debaixo. Ten un anel branco ó redor dos ollos, mentres que o macho o ten vermello.
Distribución e hábitat
Está presente como ave reprodutora nas áreas máis ó sur de Europa e no noroeste de África. Nos últimos tempos aparece cada vez con máis frecuencia como visitante en zonas centroeuropeas. É unha ave migratoria, que pasa os invernos ó longo da fronteira sur do deserto do Sáhara.
Vive preferentemente en ladeiras soleadas de outeiros con vexetación de tipo mediterráneo, espiñosa e mesta Comparte este biótopo con especies da mesma familia.
Reprodución
Crían entre abril e os primeiros días de xuño. Fan os niños entre o mato mesto, preto do chan. Constrúenos con pallas e cascas de romeu ou doutras plantas. As paredes exteriores cóbrenas con teas de araña. Poñen no fondo un forro de pelos de animais e peluxe de orixe vexetal . A posta componse de tres ou catro ovos averdesados con pencas mais escuras, que miden uns 16,5 × 12,9 mm e pesan 1,42 g.
Ámbolos dous pais chocan os ovos de 11 a 13 días, aínda que é a femia a que pasa máis tempo incubando. Os pitos nacen sen plumas e teñen a boca vermella coa beira amarela. Os dous proxenitores encárganse da alimentación. A femia protexe os polos do mal tempo e do sol abrindo as ás por riba deles. Pasan no niño 11 ou 12 días. Se a mai comeza unha segunda posta, o macho segue alimentando só ós fillos.
Parece estar relacionada coa papuxa de Sardeña (Sylvia melanocephala). Nas dúas especies os machos teñen bigotes brancos a parte superior da cabeza escura e aneis vermellos ó redor dos ollos.
Ten varias subespecies, se cadra diferenciadas dabondo para ser consideradas especies separadas. Todas teñen plumaxe diferente, cantos diferentes e son alopátricas:
↑A Chave (2024). Os nomes galegos das aves (5 ed.). A Chave.
↑Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
↑Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016.