A idea foi proposta inicialmente polos emigrantes galegos en Cuba.
Historia e características
Neste lugar descansan os restos de varios personaxes galegos da máxima relevancia. A primeira en ser trasladada alí foi Rosalía de Castro, o 25 de maio de 1891, seis anos despois da súa morte, desde o cemiterio de Adina (en Iria Flavia, Padrón). O seu mausoleo é obra de Jesús Landeira Iglesias.
O seguinte foi Alfredo Brañas, en 1906, colocado fronte a Rosalía, coa intención de fortalecer un proxecto de mausoleo para persoeiros destacados de Galicia. En 1961 foi enterrado o escultor Francisco Asorey, o chamado escultor da raza, inhumado directamente no Panteón, e o 12 de agosto de 1967, Ramón Cabanillas, que foi trasladado desde o cemiterio de Cambados.
O 28 de xuño de 1984 o Panteón recibiu os restos do político, escritor e debuxante Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que fora trasladado desde Buenos Aires onde morreu en 1950. O seu mausoleo atópase nunha capela anexa á principal, a do Santo Cristo, que é a máis antiga da igrexa.
Finalmente, en 1988 foi enterrado o intelectual e cartógrafo Domingo Fontán, trasladado desde o Cemiterio Xeral de Santiago. Tanto este como Cabanillas soterráronse no chan da capela.