A panca é unha máquina simple que ten como función transmitir unha forza. Está composta por unha barra ríxida que pode xirar libremente arredor dun punto de apoio. Pode utilizarse para amplificar a forza mecánica que se aplica a un obxecto, para incrementar a súa velocidade ou a distancia percorrida, en resposta á aplicación dunha forza.
Historia
O descubrimento da panca e o seu uso na vida cotiá provén da época prehistórica. O seu emprego cotián, en forma de cegoñais, está documentado desde o terceiro milenio antes de Cristo, en selos cilíndricos de Mesopotamia. O manuscrito máis antigo que se conserva cunha mención á panca forma parte da Sinagoga ou Colección matemática de Pappus de Alexandría, unha obra en oito volumes escrita cara ao ano 340. Alí aparece a famosa cita de Arquimedes:
«Dádeme un punto de apoio e moverei o mundo».
Ao heleno Arquimedes atribúeselle a primeira formulación matemática do principio da panca.
Forzas actuantes
Sobre a barra ríxida que constitúe unha panca actúan tres forzas:
A potencia, a forza aplicada voluntariamente, xa sexa manualmente ou por medio de motores ou outros mecanismos, co fin de obter un resultado.
A resistencia, a forza que se vence, exercida sobre a panca polo corpo a mover. O seu valor é equivalente, polo principio de acción e reacción, á forza transmitida pola panca ao cuerpo.
A forza de apoio, a exercida polo fulcro sobre a panca. Se non se considera o peso da barra, será sempre igual e oposta á suma das anteriores, de tal xeito que a panca mantense sen desprazarse do punto de apoio, sobre o que rota libremente.
Lei da panca
En física, a lei que relaciona as forzas dunha panca en equilibrio exprésase mediante a ecuación:
Sendo P a potencia, R a resistencia, e dp e dr as distancias medidas desde o fulcro até os puntos de aplicación de P e R respectivamente, chamadas brazo de potencia e brazo de resistencia.
As pancas divídense en tres xéneros, tamén chamados ordes ou clases, dependendo da posición relativa dos puntos de aplicación da potencia e da resistencia con respecto ao fulcro (punto de apoio). O principio da panca é válido indistintamente do tipo que se trate, pero o efecto e a forma de uso de cada un cambian considerablemente.
Panca de primeira clase
Na panca de primeira clase, o fulcro está situado entre a potencia e a resistencia. Caracterízase por que a potencia pode ser menor cá resistencia, aínda que á custa de reducir a velocidade transmitida e a distancia percorrida pola resistencia. Para que isto suceda, dp debe ser maior ca dr.
Cando o que se pretende é aumentar a velocidade transmitida a un obxecto, ou a distancia a percorrer por este, débese situar o fulcro máis próximo á potencia, de modo que dp sexa menor ca dr.
Na panca de segunda clase, a resistencia está entre a potencia e o fulcro. Caracterízase por que a potencia é sempre menor cá resistencia, á custa de diminuír a velocidade transmitida e a distancia percorrida pola resistencia.
Na panca de terceira clase, a potencia encóntrase entre a resistencia e o punto de apoio. Caracterízase por que a forza aplicada é maior cá obtida. Utilízase para aumentar a velocidade transmitida a un obxecto ou a distancia a percorrer.