Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Paio.
Paio (en latín Pelagius) foi un ermitán galego, que segundo a tradición popular polo ano 813 moraba nun lugar coñecido polo nome de Solovio, na fraga de Libredón, exactamente onde hoxe fica a igrexa de San Fiz de Solovio na cidade de Santiago de Compostela. Este ermitán ollou durante varias noites consecutivas unhas luminarias misteriosas sobre un outeiriño da foresta, coma se fose unha choiva de estrelas.
Paio, moi impresionado pola brillantez, decidiu presentarse perante o bispo Teodomiro (que daquela era bispo da sé de Iria Flavia, actual Padrón) para lle comunicar os feitos. O bispo reuniu un pequeno séquito e se dirixiu ao lugar onde puido contemplar el mesmo o fenómeno. Alí, no mesto bosque, foi onde atoparon un sepulcro de pedra no que repousaban tres corpos que serían identificados como o Apóstolo Santiago e os seus dous discípulos, Teodoro e Atanasio. Téñase en conta que estes feitos ocorrían oito séculos após a morte de Santiago o Maior.