Osvaldo Dorticós Torrado, nado en Cienfuegos o 17 de abril de 1919 e finado na Habana o 23 de xuño de 1983, foi un político cubano que foi presidente de Cuba entre o 17 de xullo de 1959 e o 2 de decembro de 1976. Foi o segundo presidente despois do triunfo da Revolución Cubana e foi substituído por Fidel Castro no cargo cando se ditou a nova Constitución de 1976.
Traxectoria
Foi un próspero avogado que participou no movemento revolucionario cubano, razón pola cal foi encarcerado en 1958. Escapou e refuxiouse en México, onde viviu para volver do exilio despois do triunfo de Fidel Castro. Desempeñou o cargo de Ministro de Xustiza, cargo desde o cal axudou a formular as políticas cubanas. Foi escollido presidente nese mesmo ano, esperando que fose máis leal a Castro que o seu antecesor Manuel Urrutia Lleó. Intelixente e competente, tivo considerable influencia no goberno. En 1976, cando o goberno cubano foi reorganizado, e Castro asumiu todos os poderes, Dorticós foi nomeado como membro do Consello de Estado de Cuba.
Suicidouse en 1983, aparentemente aflixido pola morte da súa esposa e polas doenzas crónicas que sufría. Nos seus últimos anos, estivo practicamente apartado da vida política.