Este artigo amosa escritos chineses. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
Os tres augustos e os cinco emperadores (chinés: 三皇五帝, pinyin: sān huáng wǔ dì) son os gobernantes mitolóxicos da China anteriores á primeira dinastía Xia.
Historia e tradición
A tradición chinesa atribúe a estes personaxes mitolóxicos a fundación da civilización chinesa e a invención das institucións sociais, culturais e económicas, como a familia, a agricultura, a escritura etc. A pesar do carácter lendario das historias que se contan sobre estes personaxes, que viviran centos de anos e foran responsábeis de feitos milagrosos, é posíbel que na orixe destas lendas se atopen personaxes reais, xefes tribais do III milenio a. C. que lograran vitorias militares previas á unificación da posibelmente lendaria dinastía Xia.
As fontes históricas chinesas coinciden no número de tres augustos e cinco emperadores, pero as identidades destes varían segundo as fontes, existindo versións diversas tanto para os augustos como para os emperadores.
Tres augustos
Existen varias versións das identidades dos tres augustos (三皇 sān huáng):
Augusto Celestial (天皇 Tiānhuáng), Augusto Terrenal (地皇 Dìhuáng) e Augusto Qin (泰皇 Qínhuáng), segundo as Memorias históricas de Sima Qian.
Augusto Celestial, Augusto Terrenal, e Augusto Humano (人皇 Rénhuáng), segundo a obra da dinastía SongTàipíng Yùlǎn (太平御覽), que cita unha obra da dinastía Han Occidental, o Chūnqiū Wěi (春秋緯). Esta lista diferénciase da anterior só no emprego dun nome lixeiramente diferente para o terceiro augusto.
Suiren, Fuxi e Shennong, segundo o Shàngshū dàzhuàn (尚書大傳) e o Báihǔ Tōngyì (白虎通義).
Fuxi, Nüwa e Shennong, segundo o Yùndòu Shū (運斗樞) e o Yuánmìng Bāo (元命苞).
Fuxi, Shennong e o Emperador Amarelo, segundo o Dìwáng Shìjì (帝王世紀).
Fuxi, Shennong e Gònggōng (共工), segundo o Tōngjiàn Wàijì (通鑒外紀).
Cinco emperadores
As identidades máis habituais dos cinco emperadores (五帝 wǔ dì) son as que se mencionan en varios escritos da antigüidade, como as Memorias históricas, o Shìběn (世本) ou o Dàdàijì (大戴記). De acordo con estas obras, os cinco emperadores son os seguintes: