Opinións dun pallaso é unha novela do escritor alemán Heinrich Böll, Premio Nobel de Literatura en 1972, publicada en 1963, na editorial Kiepenheuer & Witsch, radicada na cidade alemá de Colonia.
A novela foi editada en galego por primeira vez en 1994, na editorial Tambre, con tradución de Laureano Araujo. En 2018 a editorial Rinoceronte levou a cabo unha reedición, coa mesma tradución.[2]
Trama
O narrador da novela é o protagonista, Hans Schnier, un pallaso profesional de 27 anos. Hans está en horas baixas: foi abandonado por Marie, a súa moza, e as súas actuacións cada vez renden menos cartos. Ademais, está enfrontado aos seus pais.
A novela ambiéntase na Alemaña occidental de mediados dos anos cincuenta. Contén fortes críticas á sociedade alemá do tempo[3], en especial as que se refiren ao pasado nazi da elite. Tamén hai críticas furibundas contra a Igrexa católica alemá, que o autor coñecía ben porque fora educado no seo dunha familia de fortes raíces católicas.
A novela está adicada á súa muller, a tradutora Annemarie Böll (nada Annemarie Čech), a quen coñeceu en 1942 e coa que tivo dous fillos.
Estilo
A novela está dividida en 25 capítulos. Son capítulos relativamente breves, agás o 7 e o 15, de moita maior extensión que o resto.
Desde o punto de vista do estilo, os trazos máis acusados da novela son o humor e o uso frecuente de digresións.
O humor baséase no recurso constante á esaxeración grotesca dos trazos dos personaxes e das situacións que viven. Un exemplo moi evidente é a agre conversa telefónica que o protagonista mantén coa súa nai no capítulo 5. Pola súa parte, as digresións deteñen constantemente a acción da novela e retrotráena a distintos momentos da Alemaña dos anos trinta, corenta e principios dos cincuenta. Un exemplo destas digresións está no capítulo 4, cando o protagonista detalla as circunstancias que rodearon a morte da súa irmá Henriette en 1944, durante a segunda guerra mundial.
A pesar do ton sarcástico e acedo do conxunto da novela, non está exenta de momentos líricos, como as evocacións que o protagonista fai da súa relación con Marie.
Notas