Operación Inmate

Operación Inmate
Parte de Guerra do Pacífico
Segunda guerra mundial

Bombardeo de Truk do 15 de xuño
Data 14 e 15 de xuño de 1945
Lugar Truk
Coordenadas 7°20′21″N 151°53′05″L / 7.3393, 151.8846
Resultado Consecución do obxectivo aliado
Belixerantes
Reino Unido Reino Unido
Canadá Canadá
Nova Zelandia Nova Zelandia
Estados Unidos Estados Unidos
Imperio do Xapón Xapón
Líderes
E.J.P. Brind Xapón Shunsaburo Mugikura
Xapón Chuichi Hara
Baixas
2 falecidos
1 aeronave destruída en combate
6 aeronaves destruídas en accidentes
Danos en aeroportos e outras infraestruturas
2 aeronaves destruídas

A operación Inmate foi un ataque da Frota británica do Pacífico contra posicións xaponesas no atol de Truk no océano Pacífico central durante a guerra do Pacífico dentro da Segunda Guerra Mundial. Os ataques contra as illas, pouco defendidas, tiveron lugar o 14 e 15 de xuño de 1945 coa intención de servir de experiencia de combate para o portaavións HMS Implacable e varios cruceiros e destrutores antes de que participasen en operacións de máis calado no Xapón.

O 14 de xuño de 1945 as aeronaves británicas levaron a cabo unha serie de asaltos contra as posicións xaponesas en Truk. Á mañá seguinte os cruceiros bombardearon varias illas do atol, malia que só tivo éxito un dos navíos involucrados no bombardeo. Na tarde e noite do 15 de xuño leváronse a cabo varios ataques aéreos adicionais antes de que a forza aliada retornase á súa base.

Os aliados consideraron que o ataque en Truk foi un éxito, fornecendo experiencia de combate útil para os navíos e aeronaves involucrados na operación e sufrindo tan só dúas baixas e a perda de sete aeronaves no combate e por mor de varios accidentes. Os danos causados ás instalacións xaponesas no atol, que xa fora obxectivo de varios ataques previos durante os anos 1944 e 1945, consideráronse relativamente modestos.

Contexto

O HMS Implacable chegando a Sydney o 8 de maio de 1945

O portaavións británico HMS Implacable foi asignado como reforzo da Frota británica do Pacífico dende o Reino Unido en febreiro de 1945. O buque chegou a base principal da frota en Sydney, Australia, o 8 de maio.[1] Naquel momento o corpo principal da frota estaba operando preto de Okinawa no Pacífico norte.[2] O 24 de maio o Implacable partiu de Sydney, chegando a base avanzada de Manus Island o 29 dese mesmo mes. Varios días despois o resto da Frota británica chegou a Manus para reabastecerse de combustible antes de continuar en dirección a Sydney para un período de descanso e mantemento.[1]

Como parte das preparacións da volta ó combate da Frota británica, o almirante Bernard Rawlings, comandante da forza de combate da frota, decidiu enviar o Implacable xunto a varios outros buques de guerra acabados de chegar a unha operación de ataque das posicións xaponesas en Truk. O propósito desta operación era o de asegurar que as tripulacións destes navíos obtivesen experiencia de combate antes de que desen comezo as operacións da Frota británica na costa do Xapón en xullo dese ano.[1]

Nos primeiros anos da guerra do Pacífico o atol de Truk nas Illas Carolinas fora unha base importante da Armada Imperial xaponesa, usando instalacións construídas antes do comezo das hostilidades. Porén, o rápido avance dos aliados durante o ano 1943 e comezos do 1944 deixouna illada, e deixou de ser unha base importante tralo ataque por parte do Corpo Especial de Portaavións Rápidos da armada estadounidense durante a Operación Hailstone en febreiro de 1944.[3] Non obstante, as instalacións de Truk podían usarse potencialmente para asaltar as instalacións aliadas de importancia establecidas nas Illas Marianas ou o fondeadoiro principal da armada estadounidense en Ulithi.[4] Para previr que as illas se utilizasen con este propósito, recibiron repetidos ataques por parte de portaavións estadounidenses que estaban a prepararse para unirse ó Corpo Especial de Portaavións Rápidos xunto a bombardeiros pesados das Forzas Aéreas do Exército dos Estados Unidos acabados de chegar á rexión. Ó igual que a Operación Inmate, estes asaltos tiñan o obxectivo de servir como experiencia de combate para os aviadores estadounidenses.[4][5]

A mediados de 1945 a gornición xaponesa en Truk seguía sendo considerable, pero non posuía capacidade ofensiva. En maio dese ano, a gornición contaba cuns 13 600 efectivos do Exército Imperial xaponés comandados polo tenente xeneral Shunsaburo Mugikura e outros 10 600 efectivos baixo mando do vicealmirante Chuichi Hara.[5] Varias baterías de artillaría costeira e canóns antiaéreos de pequeno calibre protexían as illas, mais non había buques de guerra fondeados alí e tan só posuían un pequeno número de aeronaves no momento en que tivo lugar a operación.[6][7][8] A gornición recibira poucos reforzos trala captura das illas Palau por parte das forzas estadounidenses en setembro de 1944, e o historiador David Hobbs afirmou que no momento da Operación Inmate a base estaba "reducida a un estado de impotencia famélica".[4]

A forza de ataque da Frota británica en Truk recibiu a designación "Destacamento 111.2", e incluía o 4º escuadrón de cruceiros e a 24ª flotilla de destrutores. Os buques asignados ó 4º escuadrón de cruceiros eran o HMS Implacable, o portaavións de escolta HMS Ruler e os cruceiros HMS Swiftsure, HMS Newfoundland, HMCS Uganda e HMNZS Achilles. A 24ª flotilla de destrutores estaba formada polos HMS Troubridge, HMS Teazer, HMS Tenacious, HMS Termagant e HMS Terpsichore. O grupo de combate estaba baixo mando do vicealmirante E.J.P. Brind. Mentres que o Implacable, o Newfoundland e os destrutores chegaran había pouco tempo ó Pacífico, tódolos outros navíos asignados ó Destacamento 111.2 xa participaran en combate previamente nas costas de Okinawa.[1] A experiencia de combate máis recente do Implacable fora unha serie de ataques aéreos contra forzas alemás en Noruega a finais do ano 1944.[9]

O Implacable levaba a bordo 80 aeronaves, o maior número operado por calquera dos portaavións da Frota británica. O grupo aéreo incluía a 38ª Á Aérea Naval, na que os Escuadróns Aéreos Navais 801 e 880 operaban 48 cazas Supermarine Seafire. As outras unidades asignadas ó portaavións eran o Escuadrón Aéreo Naval 828 con 21 bombardeiros Grumman TBF Avenger e o Escuadrón Aéreo Naval 1771 con 11 cazas Fairey Firefly.[10] O Ruler ía ser utilizado como unha "cuberta de reposto" para o grupo aéreo do Implacable, e só embarcou un único avión de recoñecemento Supermarine Walrus do Escuadrón Aéreo Naval 1701.[10][11]

Ataques

14 de xuño

Un avión Firefly disparando foguetes á estación de radio na illa Moen

O Destacamento 111.2 partiu da illa Manus o 12 de xuño de 1945. De camiño a Truk as súas ordes ampliáronse dende asaltar o atol con ataques aéreos durante dous días para incluír tamén un bombardeo por parte dos cruceiros. Este cambio de plans tivo lugar xa que a expectación das forzas británicas era a de empregar os cruceiros contra obxectivos costeiros noutras operacións futuras.[10] Como preparación para estes bombardeos, o destacamento levou a cabo exercicios de artillaría durante a súa viaxe cara ó norte.[9] Anticipando o ataque en Truk, un submarino da armada estadounidense tomou posición preto do atol para rescatar a calquera aviador británico que puidese estrelarse no mar.[12]

Os navíos aliados chegaron á posición de engalaxe para o grupo aéreo do Implacable ás 5:30 da mañá do 14 de xuño. Dez minutos despois engalaron doce avións Seafire e dous avións Firefly. Os Seafire bombardearon unha estación de radar e un aeródromo na illa Moen, e os Firefly levaron a cabo un voo de recoñecemento do atol. Un dos Seafire, equipado cunha cámara de recoñecemento, fotografou tamén as instalacións xaponesas. Estas imaxes serían usadas posteriormente para planear ataques aéreos e bombardeos adicionais.[10] Un dos avións Seafire foi derribado mentres atacaba o aeródromo, resultando na morte do seu piloto. Esta foi a única aeronave británica perdida en combate durante a Operación Inmate.[13]

O Implacable lanzou ataques cada dúas horas e cuarto durante o resto do día 14 de xuño. Estes ataques xeralmente estaban compostos por cinco avións Avenger armados con bombas e catro avións Firefly con foguetes e canóns. O ataque final do día levouse a cabo con vinte avións Seafire que realizaron un bombardeo en picado de varios tanques de combustible na illa Moen. Malia que varios destes tanques quedaron destruídos, estaban aparentemente baleiros.[10] Este ataque foi a primeira ocasión na que se empregaron avións Seafire como bombardeiros-caza no Pacífico.[13] As aeronaves británicas recibiron o fogo inimigo dos canóns antiaéreos xaponeses durante todo o día, que segundo os informes non conseguiron acertar a moitas delas.[14] Tódolos ataques foron escoltados por avións Seafire, que non atoparon ningunha aeronave xaponesa no aire.[15] Durante a noite do 14 ó 15 de xuño dous avións Avenger voaron sobre o atol nun intento de previr que os xaponeses reparasen o aeródromo de Moen. Estes avións tamén recibiron fogo inimigo e foron seguidos con focos reflectores, mais non sufriron ningunha baixa.[14]

A 38ª Á Aérea Naval mantivo unha patrulla aérea de combate de 8 avións Seafire como protección sobre o Destacamento 111.2 durante todo o día do 14 de xuño, malia que non atoparon oposición de ningún avión xaponés. O Ruler utilizouse como base para esta patrulla, reabastecendo e rearmando ós Seafire entre engalaxes.[16] O uso do portaavións de escolta como "cuberta de reposto" considerouse un éxito, especialmente cando un grupo de seis avións Seafire que se houberan quedado sen combustible conseguiron aterrar no Ruler mentres que o Implacable lidaba cunha forte ondada de vento sen poder recibilos.[15] Durante a mañá do 14 de xuño o avión Walrus do Ruler caeu da borda por mor dunha ondada de vento tropical e quedou destruído. O subsecuente recoñecemento e apoio aéreo para a forza de combate correu a cargo de hidroavións Consolidated PBY Catalina da armada estadounidense que voaron en relevos preto de Truk.[17] Finalmente estes avións non serían precisados, xa que os destrutores foron os encargados de realizar os rescates das tripulacións que caeron ó mar.[15]

15 de xuño

Mapa da Lagoa de Truk

O bombardeo de superficie tivo lugar durante as últimas horas da mañá do 15 de xuño. A forza do bombardeo organizouse en tres unidades de destacamento que incluían tanto cruceiros coma destrutores. O Achilles e o Uganda (con Brind a bordo) operaron xunto ó Tenacious, o Newfoundland estaba acompañado do Troubridge e o Swiftsure do Teazer. Cada unidade levaba asignada dous avións Seafire como observadores. Isto deixou ós portaavións con só dous destrutores como protección.[12][18] Durante os bombardeos, os portaavións navegaron ata unhas 10 millas ó leste de Truk, mantendo unha patrulla aérea de combate sobre a zona.[18]

Os cruceiros obtiveron diferentes niveis de éxito. O Newfoundland atacou primeiro as baterías costeiras de artillaría, que non responderon o fogo. A continuación bombardeou o aeródromo da Illa Eten.[12] Os ataques por parte do Achilles e do Uganda á base de Illa Dublon non causou danos e viuse afectado por problemas de comunicación entre os navíos e os avións Seafire que facían de observadores.[15][12] Cando o Achilles navegaba afastándose de Truk, a tripulación do cruceiro disparou os seus canóns antiaéreos contra dúas aeronaves que se achegaban ó buque dende o atol, ata que finalmente foron identificados como dous avións Avenger británicos.[19]

O bombardeo de Moen por parte do Swiftsure non tivo éxito. Os proxectís das primeiras salvas de disparos caeron lonxe dos seus obxectivos, e os intentos por corrixir as traxectorias dos disparos tiveron como resultado unha imprecisión maior. O seu oficial de artillaría chegou a conclusión de que o control de fogo do navío estaba defectuoso, e ordenou que os canóns de 6 polgadas disparasen en modo de control local. Isto tampouco tivo éxito, xa que os artilleiros non foron capaces de divisar os seus obxectivos na costa. O Swiftsure achegouse á costa, e tentou acertarlle as posicións xaponesas cos seus varios dos seus canóns de 4 polgadas. Porén, a munición destes canóns estaba preparada con espoletas de proximidade deseñadas para o seu uso contra aeronaves, e estouparon nos palmeirais que había por riba dos seus obxectivos, que quedaron camuflados pola caída das follas provocando que os subsecuentes ataques non tiveran éxito.[20][21] Unha investigación posterior concluíu que un pasador fendido defectuoso caera da táboa de control de fogo do Swiftsure, probablemente a causa do movemento do barco tralos disparos iniciais, o que provocou a imprecisión dos canóns.[22] O bombardeo finalizou ás 11:10 da mañá, e os navíos involucrados reuníronse cos portaavións.[15]

Na tarde do 15 de xuño dous grupos de avións Avenger atacaron un dique seco flotante e varios tanques de petróleo. Esa mesma noite seis avións Avenger armados con bombas e apoiados por outros dous Avenger con bengalas levaron a cabo o ataque final en Truk, a primeira operación nocturna a grande escala da Frota británica, aínda que a maioría das súas bombas acabaron por caer no mar.[23] Trala fin do ataque nocturno o Destacamento 111.2 partiu cara a Illa Manus. O 16 de xuño detectaron unha aeronave xaponesa no radar. Malia que un dos avións Seafire recibiu a orde de separarse da súa patrulla aérea para interceptalo, o piloto tivo que abandonar por mor dun problema técnico. O destacamento chegou finalmente á Illa Manus o 17 de xuño, e continuou realizando exercicios de adestramento alí ata que o resto da Frota británica do Pacífico chegou o 4 de xullo en ruta para as seguintes operacións que terían lugar na costa do Xapón.[24] Tódolos buques ancorados en Manus partiron o 6 de xullo para unirse ó Corpo Especial de Portaavións Rápidos nos subsecuentes ataques aéreos sobre sobre as illas xaponesas.[25]

Resultados

Durante a Operación Inmate as aeronaves do Destacamento 111.2 realizaron 103 saídas ofensivas durante as horas de luz e outras 10 nocturnas, ademais doutras 103 saídas defensivas.[26] A maiores do Seafire derribado o 14 de xuño e do Walrus, cinco Avenger foron destruídos a causa de accidentes nos engalaxes. Un deles estrelouse contra o mar por mor dun erro na suxeición á catapulta do Implacable, provocando a morte do seu piloto. Os outro catro avións Avenger tiveron que ser abandonados por problemas nos seus motores pero as súas tripulacións non sufriron baixas. Dous Seafire, pilotados ámbolos dous polo mesmo piloto, sufriron danos en accidentes de aterraxe.[13] O historiador P.M.C. Vincent indicou que estas perdas consideráronse poucas segundo os estándares de 1945.[27]

As baixas xaponesas consideráronse tamén modestas. Os informes británicos indicaron que dúas aeronaves xaponesas foron destruídas, xunto a outras tres danadas en ataques ós aeródromos de Truk. Tamén quedaron danados ós propios aeródromos, varios diques secos flotantes, tanques de petróleo, outras instalacións portuarias e varios barcos.[13] Trala operación Brind indicou que os foguetes foran máis útiles que as bombas, ademais de criticar a artillaría de tódolos cruceiros agás a do Newfoundland.[28]

O historiador David Hobbs afirmou que a Operación Inmate "forneceu adestramento real e útil para navíos recentemente chegados ó Pacífico e todos, incluíndo a avergoñada tripulación do Swiftsure, aprendeu algo".[29] Peter C. Smith indicou que mentres que só puideron localizar poucos obxectivos, os ataques serviron de experiencia útil para a tripulación aérea do Implacable.[20] De forma semellante o historiador británico Stephen Roskill considerou que a operación conseguira o seu obxectivo.[30]

A Frota británica do Pacífico formou un novo Destacamento 111.2 en Sydney o 12 de agosto de 1945. Esta forza incluía ó portaavións veterano HMS Indomitable, tres portaavións lixeiros acabados de chegar, dous acoirazados, varios cruceiros e nove destrutores.[31] Estes buques tiñan ordes de reforzar a Frota británica na invasión planeada do Xapón, pero non tiñan experiencia en combate recente. O mando británico considerou usar esta forza nunha nova operación de ataque a Truk, cunha posible invasión do atol por parte de forzas australianas ou neozelandesas, pero finalmente a operación non se levou a cabo trala rendición do Xapón o 15 de agosto dese mesmo ano.[32]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Hobbs 2011, p. 199.
  2. Roskill 1961, p. 362.
  3. Hobbs 2011, pp. 199–201.
  4. 4,0 4,1 4,2 Hobbs 2011, p. 202.
  5. 5,0 5,1 Rottman 2002, p. 414.
  6. Royal Navy 1995, p. 207.
  7. Vincent 1995, p. 78.
  8. Hobbs 2011, pp. 203, 205.
  9. 9,0 9,1 Smith 1969, p. 163.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Hobbs 2011, p. 203.
  11. Brown 2009, p. 100.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 Hobbs 2011, p. 207.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 Hobbs 2011, p. 211.
  14. 14,0 14,1 Hobbs 2011, p. 205.
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 Royal Navy 1995, p. 208.
  16. Hobbs 2011, pp. 203–205.
  17. Hobbs 2011, pp. 205–207.
  18. 18,0 18,1 Smith 1969, p. 164.
  19. Waters 1956, p. 389.
  20. 20,0 20,1 Smith 1969, p. 165.
  21. Hobbs 2011, pp. 207–208.
  22. Hobbs 2011, p. 208.
  23. Hobbs 2011, p. 209.
  24. Hobbs 2011, pp. 210, 253.
  25. Hobbs 2011, p. 254.
  26. Royal Navy 1995, p. 209.
  27. Vincent 1995, p. 79.
  28. Hobbs 2011, pp. 209, 211.
  29. Hobbs 2011, p. 210.
  30. Roskill 1961, p. 363.
  31. Robb-Webb 2013, p. 69.
  32. Robb-Webb 2013, p. 70.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Brown, David (2009). Hobbs, David, ed. Carrier Operations in World War II (en inglés). Barnsley, South Yorkshire: Frontline. ISBN 9781848320420. 
  • Hobbs, David (2011). The British Pacific Fleet: The Royal Navy's Most Powerful Strike Force (en inglés). Annapolis, Maryland: Naval Institute Press. ISBN 9781591140443. 
  • Robb-Webb, Jon (2013). The British Pacific Fleet Experience and Legacy, 1944–50 (en inglés). Farnham, Surrey: Ashgate. ISBN 9780754668510. 
  • Roskill, S.W. (1961). The War at Sea 1939–1945. Volume III: The Offensive Part II. History of the Second World War (en inglés). Londres: Her Majesty's Stationery Office. OCLC 59005418. 
  • Rottman, Gordon L. (2002). World War II Pacific Island Guide: A Geo-military Study (en inglés). Westport, Connecticut: Greenwood Press. ISBN 0313313954. 
  • Royal Navy (1995). War with Japan: Volume VI The Advance to Japan (en inglés). Londres: HMSO. ISBN 0117728217. 
  • Smith, Peter C. (1969). Task Force 57: The British Pacific Fleet, 1944–1945. Londres: William Kimber. OCLC 563533290. 
  • Vincent, P.M.C. (1995). ""Inmate" – For Want of a Split Pin...". En Brown, David. The British Pacific and East Indies Fleets: 'The Forgotten Fleets' 50th Anniversary (en inglés). Liverpool: Brodie Publishing. pp. 78–79. ISBN 1874447284. 
  • Waters, S.D. (1956). The Royal New Zealand Navy. Official History of New Zealand in the Second World War 1939–45 (en inglés). Wellington: Historical Publications Branch. OCLC 568681359.