Ole Gunnar Solskjær, nado o 26 de febreiro de 1973 en Kristiansund, é un ex-futbolista e adestrador noruegués, que xogou como dianteiro no Manchester United e na selección de Noruega, coa que marcou vinte e tres goles nas súas sesenta e sete participacións entre 1995 e 2007.
Traxectoria
Converteuse en xogador profesional no seu país, no Clausenengen FK, primeiro como centrocampista e logo xa como dianteiro. En 1994 fichou polo Molde FK no que xogou dúas tempadas, marcando 31 goles en 42 partidos. E logo pasou ao Manchester United, onde foi o protagonista da vitoria do Manchester contra o FC Bayern München na final da Liga de Campións da UEFA de 1999. Outro dos seus encontros máis salientables foi contra o Nottingham Forest na tempada 1998-1999 ao marcar catro goles en doce minutos.
O 28 de agosto de 2007 anunciou a súa retirada da competición pero permaneceu no club como preparador de ataque. Posteriormente Ole Gunnar Solkjær foi adestrador do Molde FK, entre 2010 e 2014, logo de adestrar aos reservas do Manchester United de 2008 a 2010. O 31 de outubro de 2011 o Molde FK converteuse en campión de Noruega por primeira vez na súa historia, despois de acadar sete veces o segundo lugar. Repetiu o ano seguinte ao lograr un novo campionato para o Molde malia a forte oposición do Rosenborg BK.
En xaneiro de 2014, converteuse en adestrador do equipo galés do Cardiff City F.C. da Premier League, substituíndo a Malky Mackay[1]. No mercado de inverno fíxose con varios xogadores noruegueses que estiveran baixo as súas ordes no Molde FK: Magnus Eikrem[2], Mats Møller Dæhli[3] e Jo Inge Berget[4]. Despois de nove meses renunciou o 18 de setembro de 2014, sinalando unha "diferenza de filosofía sobre o xeito de dirixir o club" co presidente do equipo[5].
O 21 de outubro de 2015 converteuse outra volta no adestrador do Molde FK, firmando por tres anos e medio[6].
Notas
- ↑ (en) « City Announce Solskjær as manager » Arquivado 22 de outubro de 2016 en Wayback Machine., Cardiffcityfc.co.uk, 2 de xaneiro de 2014.
- ↑ (en) « CITY SIGN MAGNUS WOLFF EIKREM » Arquivado 26 de xaneiro de 2017 en Wayback Machine., Cardiffcityfc.co.uk, 8 de xaneiro de 2014.
- ↑ (en) « Solskjaer swoops for second Norwegian Daehli » Arquivado 26 de setembro de 2015 en Wayback Machine., Premierleague.com, 11 de xaneiro de 2014.
- ↑ (en) « Berget completes Cardiff City move » Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine., Premierleague.com, 24 de xaneiro de 2014.
- ↑ « Solskjær démissionne de Cardiff City » Arquivado 22 de setembro de 2014 en Wayback Machine., sur SoFoot.com
- ↑ « Ole-Gunnar Solskjaer fait son retour sur le banc de Molde », sur lequipe.fr, 21 de outubro de 2015.