Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Pica (homónimos).
A dos ocotónidos (Ochotonidae) é unha familia de mamíferoslagomorfos que, na actualidade, só está integrada por un único xénero, Ochotona, que comprende trinta especies (aínda que tamén se coñecen numerosos xéneros e especies extintas).
Son pequenos animais coñecidos vulgarmente como picas, e tamén como lebres asubidoras e coellos de roca (aínda que non están estreitamente emparentados cas lebres nin cos coellos, que forman parta doutra familia de lagomorfos, a dos lepóridos).
Pola súa parte, o único xénero actual definiuno en 1795 o naturalistaalemánHeinrich Friedrich Link, en Beitr. Naturgesch., 2: 74.[3], que tomou como
especie tipo a Ochotona minor, rebautizando a especie Lepus dauuricus Pallas, 1776 (hoxe coñecida como Ochotona dauurica).[3]
Pola súa parte, o xénero Ochotona coñeceuse tamén como:[3]
Abra Gray, 1863
Abrama Strand, 1928
Argyrotona Rekovetz, 1988
Buchneria Erbajeva, 1988
Lagomys G. Cuvier, 1800
Lagotona Kretzoi, 1941
Ogotoma Gray, 1867
Tibetholagus Argyropulo & Pidoplichko, 1939
Tibetolagus Argyropulo, 1948
Etimoloxía
Familia e xénero
Os nomes científicosOchotona e Ochotonidae, derivan do nome mongolochodona, co que os mongois denominan ás picas;[4] e, no segundo caso, coa adición á raíz do nome xenérico o sufixo do latín científico-ĭidae, co que se forman os nomes das familias de animais.
Nome vulgar
O nome común máis utilizado, pica, deriva da palabra piika, usada polos pobos tungús do leste de Siberia para designar a estes animais.[5] que comezou a usarse en inglés en 1827,[6] e de aí pasou aos demais idiomas europeos.
Características
O aspecto das picas recorda ao dun hámster, pero os dous pares de dentes incisivos superiores identifícanos como lagomorfos, e non como roedores. A súa fórmula dentaria é 2.0.3.2 / 1.0.2.3.
Caracterízanse polos seus membros curtos, os traseiros e os dianteiros da mesma medida, as orellas pequenas e arredondadas, e por careceren de cola visíbel.
O seu tamaño varía entre os 10 e os 30 cm, e o seu peso, entre os 100 e os 200 g.
Bioloxía e ecoloxía
As picas son propias de climas fríos, e habitan principalmente en Asia, América do Norte e nalgunhas partes de Europa Oriental. O nome de lebres asubiadoras co que algúns as designan débese ao seu agudo grito de alerta. Viven xeralmente en grupos familiares que comparten as tarefas de recolección de comida e vixilancia. Desenvolven o máximo nivel de actividade antes do inverno. Debido a que non hibernan, necesitan abrigarse e alimentarse durante o inverno. Antes da chegada deste, as picas xuntan herba fresca e a deixan en montóns para que seque. Unha vez que a herba secou, almacénana nos seus tobos para consumila durante o inverno. É común que as picas rouben o feo doutras goridas; en tales casos, as disputas que resultan son ás veces aproveitadas por depredadores veciños como furóns e aves de rapina.[7]