O derradeiro libro de Emma Olsen é unha novela en lingua galega escrita por Berta Dávila e publicada por Editorial Galaxia en novembro de 2013. Nese mesmo ano gañou o Premio Narrativa Breve Repsol e o Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editoras ao mellor libro de ficción.
Trama
Emma Olsen é unha escritora nada en Faith (Dakota do Sur), que regresa á súa aldea natal para escribir a súa última obra literaria ao ser consciente de que padece un cancro e lle queda pouco tempo de vida. Na novela retoma os anos da adolescencia, o último tempo que pasou antes de marchar a Nova York.
Emma naceu nunha pequena aldea do Medio Oeste estadounidense. Ten un irmán máis vello e viven co seu pai, logo de que a súa nai marchase da casa. Desde nova Emma comparte unha relación especial con Clarissa, unha veciña da súa mesma idade, a súa única amiga, coa que está a facer unha lista de métodos para suicidarse. Na aldea coñece ao señor Montana, quen a afecciona á literatura, e a Bill, rapaz co que decide casar antes de comezar a carreira universitaria. Mais a mesma mañá da súa voda, descobre que Clarissa se suicidou nunha lagoa próxima, e canda ela matou a Bill.
Narración
A novela aparece editada como se fose unha tradución ao galego do orixinal en lingua inglesa. Está escrita en primeira persoa, contada pola propia Emma Olsen, e conta con numerosas notas de tradución a pé de páxina aclarando datos da biografía e bibliografía da autora, así como de aspectos do seu contexto sociocultural.
A acción transcorre a finais da década de 1980 e comezos de 1990, mais está contada desde 2013. Nárranse feitos que aconteceron nesa época como a explosión do transbordador Challenger en 1986, o descubrimento do Tyrannosaurus rex Sue en 1990 ou o divorcio de Donald Trump e Ivana Trump, mais menciónanse tamén feitos posteriores da vida da autora, como o nacemento da súa filla ou a relación amorosa con Susan.
Na obra hai numerosas referencias literarias, a autores como Charles Bukowski, Bob Dylan, Oscar Wilde, Anne Sexton e Sylvia Plath e obras como Anna Karenina ou O marabilloso mago de Oz, así como cantantes como Connie Francis e Loretta Lynn e filmes como Love Story.
Novela gráfica
Tralo éxito da novela, en febreiro de 2020 saíu a novela gráfica homónima[1] de Berta Dávila con guión adaptado e ilustracións do debuxante ourensán Pablo Prado.[2]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
- Ficha na web de Editorial Galaxia.