A Virxe de Montserrat (en catalán: Mare de Déu de Montserrat), coñecida popularmente como La Moreneta, é a patroa de Cataluña e unha das sete Patroas das comunidades autónomas de España. A imaxe venérase no Mosteiro de Montserrat, símbolo para Cataluña e un punto de peregrinación para crentes e de visita obrigada para os turistas.
O 11 de setembro de 1881, o papa León XIII declarou oficialmente á Virxe de Montserrat como patroa das dioceses de Cataluña. Concedéuselle tamén o privilexio de ter misa e oficios propios. A súa festividade celébrase o 27 de abril.
Historia
Segundo a lenda, a primeira imaxe da Virxe de Montserrat atopárona uns nenos pastores no ano 880. Tras ver unha luz na montaña, os nenos atoparon a imaxe da Virxe no interior dunha cova. Ao decatarse da noticia, o bispo de Manresa intentou trasladar a imaxe ata esta cidade, pero o traslado foi imposible xa que a estatua pesaba demasiado. O bispo interpretouno como o desexo da Virxe de permanecer no lugar no que se atopou e ordenou a construción da ermida de Santa María, orixe do actual mosteiro.
Coméntase que a cor negra da cara da Virxe e do neno débese ás candeas ou cirios que se acendían na súa honra ao interior da cova na que ela se atopaba. Debido á calor que emitían as candeas as súas caras foron queimándose, tomando esta cor negra.
A talla
A imaxe é unha talla románica do século XII realizada en madeira de álamo. Representa á Virxe co neno Xesús sentado no seu colo e mide uns 95 centímetros de altura. Na súa man dereita sostén unha esfera que simboliza o universo; o Neno ten a man dereita levantada en sinal de bendición mentres que na man esquerda sostén unha piña. O rostro e a cabeza do Neno Xesús foron retocados en época posterior e mostran un estilo naturalista alleo de todo ás imaxes románicas.
Con excepción da cara e das mans de María e o Neno, a imaxe é dourada. As carnacións son de cor negra, o que lle deu o apelativo popular de La Moreneta. Pertence ao grupo das chamadas virxes negras que tanto se estendeu pola Europa románica e cuxo significado deu lugar a múltiples estudos. Aínda que neste caso a súa cor parece ser o resultado da transformación do verniz da súa cara e das súas mans a causa do paso do tempo.[1]
En Sevilla hai unha confraría de Semana Santa que entre os seus santos titulares conta coa Virxe de Montserrat gloriosa e dolorosa. En Cataluña hai varias réplicas e as máis importantes atópanse na Igrexa dos Santos Xusto e Pastor de Barcelona, no Santuario da Virxe de Montserrat en Montferri (Tarragona) e en Terrassa.
En América atopamos moitas réplicas da Virxe. Na cidade de Lima (Perú) venérase unha delas; o antigo barrio extramuros leva o nome de Montserrat e as súas festas, no mes de setembro, celebran moitos milagres concedidos por esta Virxe. Na cidade de Bogotá (Colombia) hai o monte Monserrate, que preside a cidade, cun santuario que ten unha capela coa Moreneta. En Santos (Brasil) venérase outra réplica e a Virxe de Montserrat é a patroa da cidade.
Na cidade sarda de Alguer hai unha estatua da Moreneta que foi doada por un grupo de intelectuais cataláns durante o franquismo e que actualmente está na Catedral da cidade. En Roma atopamos a Igrexa Nacional Española de Santiago e Montserrat.