Nicolás del Caño, nado en Córdoba, o 6 de febreiro de 1980, é un político arxentino, Deputado nacional pola provincia de Mendoza e dirixente do Partido dos Traballadores Socialistas (PTS).[1]
Traxectoria
Estudou na Universidade Nacional de Córdoba ata que se mudou en 2006 á cidade de Mendoza para construír o PTS na provincia, e ingresou na Universidade Nacional de Cuyo, onde estudou socioloxía ao tempo que realizaba diversos labores para pagar os estudos, como vendedor de roupa ou empregado dun centro de atención telefónica.[2][3]
Nas eleccións nacionais de 2011 presentouse como candidato a gobernador da provincia de Mendoza, logrando o 1,6 % dos votos. Nas eleccións primarias de 2013, obtivo o 7,6% dos votos,[3] e nese ano saíu elixido deputado nacional co 14% dos votos nas eleccións xerais, situándose en terceiro lugar e desprazando ao tradicional Partido Demócrata.[4] Na súa campaña electoral cuestionou os altos soldos dos funcionarios políticos e propuxo que o salario dos deputados fose igual ao dos docentes, cuestión que abordou logo no seu mandato presentando un proxecto de lei e doando a maior parte dos seus ingresos como lexislador a fondos de folga, inspirándose, segundo expresou, nos integrantes da Comuna de París de 1871.[5]
En 2015 competiu pola intendencia de Mendoza, quedando en segundo lugar co 14,2% dos votos nas eleccións primarias e un 16,9% nas xerais, desprazando ao terceiro lugar ao candidato da coalición gobernante Fronte Para a Vitoria, Carlos Aranda, un resultado inédito no país para unha forza de esquerda a un cargo executivo.[6][7][8]
Nas eleccións primarias de agosto de 2015, encabezou a candidatura presidencial da lista do PTS no seo da Fronte de Esquerda impóndose co 51,07% (370.764 votos) fronte ao histórico dirixente Jorge Altamira do Partido Obreiro que obtivo o 48,93% (355.290 votos).[9]
Notas
- ↑ «Diputados de izquierda y de los trabajadores», web do PTS
- ↑ "«Este es Nicolás Del Caño, el candidato revelación de las PASO en Mendoza», Diario Uno, 13 de agosto de 2013". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 28 de setembro de 2015.
- ↑ 3,0 3,1 «Quién es Nicolás del Caño, la gran sorpresa de las PASO en Mendoza», La Política 12 de agosto de 2013
- ↑ "Cobos ganó y la izquierda se consolidó como tercera fuerza!, Unidiversidad
- ↑ ""del Caño explicó como cobrar lo mismo que un docente siendo diputado", mdz, 8 de outubro de 2013". Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2015. Consultado o 28 de setembro de 2015.
- ↑ ""Elecciones P.A.S.O. Municipales 2015", Ciudad de Mendoza,". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 28 de setembro de 2015.
- ↑ "Del Caño y el misterio del segundo lugar del podio", Medoza Post, 4 de maio de 2015
- ↑ ""El FIT quedó segundo, desplazó al PJ y ganó un edil", Los Andes, 4 de maio de 2015". Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2015. Consultado o 28 de setembro de 2015.
- ↑ ""Del Caño rompió todos los pronósticos y superó a Altamira en la interna de la izquierda", La Nación, 10 de agosto de 2015". Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2015. Consultado o 28 de setembro de 2015.