Máxima Acuña Atalaya, nada en 1970, é unha activista defensora ambiental e labrega peruana. É coñecida pola súa loita contra o megaproxecto mineiro Conga de propiedade de Newmont Mining Corporation e Compañía de Minas Buenaventura, polo cal recibiu en abril de 2016 o Premio Medioambiental Goldman.[1][2]
Traxectoria
En 1994, Acuña e o seu esposo mercaron un terreo de 24,8 ha na zona alto andina de Sorochuco, provincia de Celendín, departamento de Cajamarca,[3] preto dunhas lagoas onde Minera Yanacocha solicitara expandir a súa explotación co Proxecto Conga. Newmont Mining Corporation dixo en 2015 que eles adquiriran aquelas propiedades de parte da comunidade local en 1997.[4]
En 2011, a casa de adobe e a horta dos Chaupe foron destruídas: primeiro en maio de 2011, cando os enxeñeiros de Yanacocha, a súa seguridade privada e a policía, destruíron a súa vivenda de adobe. Cando os Chaupe decidiron denunciar o feito na comisaría de Sorochuco, estes rexeitaron tomar parte dos feitos. A segunda vez sería en agosto de 2011, cando Máxima e a súa filla foron golpeadas e deixadas inconscientes, sendo testemuña o seu esposo. A familia intentaría denunciar o feito perante a fiscalía de Celendín mediante fotos e vídeos; porén, non foron tidos en consideración.[3]
No ano 2012, as protestas contra o proxecto Conga volvéronse masivas en varias partes da rexión Cajamarca, e en xullo, cinco protestantes morreron. O 21 de outubro, Acuña deulles a benvida ós protestantes para que estivesen nas súas terras. Unha semana despois, sería sentenciada a pagar S/. 200 soles (aproximadamente US$70) a Yanacocha, deixar as súas terras dentro dos seguintes 30 días e a tres anos de cárcere suspendida, por ter ocupado ilegalmente terreos da mineira.[3] As súas apelacións entre 2012 e 2014 non tiveron éxito, e os xulgados reafirmarían a sentenza inicial.
O 5 de maio de 2014, a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) da OEA pediulle ó goberno peruano adoptar medidas preventivas para salvagardar os dereitos de 46 líderes comuneiros, incluíndo a familia Chaupe.[5]
En decembro de 2014, as denuncias de Newmont contra os Chaupe por actos criminais foron rexeitadas, e en febreiro de 2015 as forzas de seguridade da mineira destruíron os alicerces dunha casa que tiñan pensado construír os Chaupe. As protestas estenderíanse cara a Lima e internacionalmente.[4] Amnistía Internacional mobilizouse na súa defensa. A CIDH pediulle ó estado peruano medidas de protección para os Chaupe, pero este non tomou acción algunha.
O 18 de abril de 2016, Máxima Acuña foi galardoada co Premio Medioambiental Goldman pola súa loita na defensa do medio ambiente.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos