O Museo de Arte Contemporánea de Vigo, tamén coñecido como MARCO, é un espazo público dedicado á difusión da arte contemporánea, situado na cidade de Vigo (provincia de Pontevedra).
Historia
Edificio
O museo atópase no centro da cidade de Vigo, na rúa peonil de Príncipe e ocupa o antigo edificio dos Xulgados e cárcere de Vigo, construído en 1880. A reconversión do edificio en Museo de Arte Contemporánea xurdiu como resposta á falta de infraestruturas culturais que tiña a cidade. As obras de remodelación foron dirixidas polo equipo vigués de arquitectos formado por Manuel Portolés Sanjuán, Francisco Javier García-Quijada Romero e Salvador Fraga Rivas, iniciáronse no outono de 1999 e concluíron en decembro de 2001[1].
Antes da súa remodelación, o edificio xa contaba cun espazo que se adaptaba ao concepto de museo, cun vestíbulo de acceso (ou rotonda) que organizaba o espazo e do cal partían tres naves radiais (antigas celas derrubadas) que dan lugar a catro patios abertos. Este modelo de construción orixinaria foi respectado na súa remodelación.
Actividade
O museo, de titularidade municipal, foi inaugurado o 13 de novembro de 2002, A primeira directora do museo foi Carlota Álvarez Basso, quen foi substituída por Iñaki Martínez Antelo no mes de novembro de 2005[2]. Dispón de 10.007 m², dos cales 3.500 están destinados a salas de exposicións.
Naceu co obxectivo de conservar, investigar e exhibir obras de arte, estando entre as súas prioridades a produción, formación, comunicación e difusión da cultura contemporánea. É un centro cunha programación pluridisciplinar aberta a tódolos soportes artísticos actuais, orientado cara ao coñecemento da arte e da cultura.
O MARCO forma parte da Rede Española de Museos. O modelo de colaboración da rede é a Asociación Estratéxica de Museos, que posibilita modelos de xestión cun carácter estruturado e normalizado. Entre as premisas desta alianza están a coprodución de mostras, a creación de programas conxuntos, o intercambio de experiencias e información e o préstamo e depósito patrimonial.
Durante 2007, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo tivo un total de 87.027 visitantes[3], o que constitúe un aumento de 14.500 persoas respecto aos 72.000 visitantes de 2006. Na actualidade atópase á cabeza dos museos galegos en número de visitas, superando no ano 2006[4] ao Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela, que con 58.000 visitantes é o segundo máis visitado. En parte isto é debido á política de gratuidade impulsada polo museo.[5]
O 13 de novembro de 2007 o MARCO celebrou o seu quinto aniversario con ¨Tempo ao tempo¨, exposición conmemorativa sobre o paso do tempo que, por primeira vez, ocupou os dous andares e o espazo anexo do museo.[6] A mostra foi considerada pola revista El cultural como unha das dez mellores exposicións feitas en España durante 2007[Cómpre referencia].