A muruxa[1] (Stellaria media) é unha planta da familia das Caryophyllaceae. É unha planta invasora pero fácil de eliminar ao labrar. É sensible aos herbicidas en xeral, pese a que as sementes aseguran unha nova reinfestación. Esta herba non soporta a seca nin a calor forte do verán. Normalmente aparece desde o outono á primavera. Nas zonas de montaña era importante na primavera, xa que a pesar do seu valor pouco alimentario, agromaba antes ca outras herbas.
Descrición
A súa xerminación prodúcese polo outono ou a finais do inverno e medra formando grandes matos que poden chegar a medir 30 cm, xeralmente de porte rastreiro xa que a pouca firmeza dos seus talos impídelle manterse ergueita. As follas son ovais, en forma de punta e opostas. Conta con pequenas flores brancas (uns 4 mm.), cáliz de cinco sépalos libres, cinco pétalos moi divididos, de tres a cinco estames con anteras purpúreas e pistilo con tres estilos, xorden na zona apical sobre delgados pedúnculos.
Hábitat e distribución
Atópase abundantemente en bouzas e terras húmidas e sombrizas e tamén en poulas, así coma á beira das casas abeiradas polos muros.
Tanto en Europa como en América do Norte considérase unha planta invasiva de xardíns, veigas e pasteiros, difícil de controlar por mor á súa masiva xerminación.
Uso medicinal
Antigamente utilizábase coma expectorante por mor ao seu contido en saponinas. P. C. Palau, no seu libro «Les plantes medicinals baleàriques» recomendaba o uso do zume da planta fresca coma fortalecedor das vías respiratorias e dos pulmóns.