Mosteiro de San Nicolao de Cis

Mosteiro de San Nicolao de Cis
Igrexa e mosteiro de San Nicolao de Cis.
Datos xerais
PaísEspaña
TipoMosteiro
AdvocaciónSan Salvador
LocalizaciónCis (Oza-Cesuras)
Coordenadas43°13′18″N 8°13′18″O / 43.22166667, -8.22166667
Culto
CultoIgrexa católica
DioceseArquidiocese de Santiago
Arquitectura
ConstruciónSéculo XII
EstiloPrerrománico, románico e gótico
editar datos en Wikidata ]

O mosteiro de San Nicolao de Cis, coñecido tamén como San Salvador de Cis debido á súa advocación, foi un mosteiro medieval situado na parroquia de San Nicolao de Cis, no concello coruñés de Oza-Cesuras. Na actualidade só se conserva en pé a súa igrexa monacal. Foi declarado monumento nacional por Real decreto 1057 do 27 de marzo do 1981.

Historia

A actual igrexa parroquial xurdiu coma mosteiro dúplice. Segundo López Ferreiro, foi fundado nos últimos anos do século IX ou nos primeiros do século X:

Otro monasterio, el de san Salvador de Cines, había en la misma comarca que alcanzó gran nombradía por la calidad de las personas que lo fundaron y dotaron. Fue fundado a principios del siglo X, o mejor a fines del antecedente, por los condes don Aloito o Alvito y doña Paterna, padres de doña Argilo o Argilona, la cual casada con otro don Alvito, dejó numerosa y muy renombrada prole. La doña Paterna, habiendo quedado, a lo que parece, viuda, se hizo religiosa, deovota, y consagró todos sus pensamientos y cuidados a dotar convenientemente el monasterio que con su marido había fundado.[1]

Porén, as fontes documentais presentan diversos problemas, de tal xeito que moitos autores consideran que os dous primeiros documentos de referencia son falsos. Un primeiro documento sería carta fundacional que sinalaba o ano 909. Este documento por descoido dos monxes desapareceu do seu tesouro xa no ano 915.

Un segundo documento chegou ata os nosos días, incompleto, por medio dunha copia nun pergameo que iniciou o traslado das escrituras o 22 de abril de 1349. Este segundo documento fai referencia á primeira metade do ano 911 (27 de xuño) e no que se rexistra o privilexio concedido ao mosteiro polo rei Ordoño II e a súa muller a raíña Elvira, a petición de dona Paterna e se acoutan os termos do mosteiro de San Salvador de Cis. Consérvase só o inicio do documento.[2] Del García Álvarez fai a seguinte transcrición:

911- antes 27 de junio 6 . Regesta: Ordoño, “Hispaniarum rex”, juntamente con su mujer la reina Elvira, a petición de doña Paterna, consagrada a la vida religiosa, acota los términos del monasterio de San Salvador de Cinis, que el hijo de Paterna don Sisnando, decano de la Iglesia Iriense, había fundado en el territorio de Nendos.
“In Dei nomine. Quoniam ab/ eterno rege imperium et regni regimen regibus temporalibus/promittitur, et quamdiu populum suo moderamine regen-/ do regnant per celestem regem se regnare et in regno manere/ non dubitent. Inde est quia reges condecet in honorem summi regis/monasteria et ecclesias exaltare et hereditatibus et prebendis suis multi-/ pliciter ditare. Et quecumque, vt diximus, monasteriis et ecclesiis dan-/ tur vel aliquando data fuerint confirmare et confimata recreare. Ideoque ego Hordonius, Dei gratia Hyspaniarum rex, et uxor mea regina domna / Geluira et omnis vox mea, tibi domne Paterne 8 Deo vote, pro Dei amore et hu-/ mana dilectione et supplicatione tua cautamus monasterium de Cinis, / quod filius tuus domnus Sisnandus 9 , Yriensis 10 ecclesie decanus, ad honorem Sancti / Salvatoris et omnium sanctorum citra Nemitos 11 fundauit. Quod fundatum / ab omni progenie tua presenti, preterita et futura liberum et quietum...”[3]

No século XV convértese en priorado dependente de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela.

Descrición

O templo primitivo do mosteiro foi mozárabe, aínda que desta época só se conservan un capitel de mármore mais un canzorro.[4][5] A igrexa actual é un dos poucos exemplos de mosteiros que se poderían cualificar de góticos en Galiza. Como: «oxival, de tradición románica na ornamentación, obra da segunda metade do século XIV» é definida por Ángel del Castillo.[6] Correspóndese cun estilo de igrexa característico da zona, outros exemplos son as igrexas de Santa María do Azougue e de Santiago na próxima cidade de Betanzos, xa que, en palabras de Hipólito de Sá Bravo: «... todas elas presentan dentro dun mesmo período ―segunda metade do século XIV― as características dos monumentos oxivais con reminiscencias románicas, fieis á traza dunha tendencia construtiva de ámbito comarcal».[7]

Interior

Concerto na igrexa de San Nicolao de Cis.

A planta é basilical, con tres naves de tres tramos cada unha que rematan en tres ábsidas poligonais. Porén, da análise do seus trazados, mais sobre todo da súa sección lonxitudinal, dedúcese que se trata dunha organización en cruceiro que prefigura unha planta de cruz latina. Tanto os arcos transversais coma os formeiros son apuntados, sobre columnas constituídas por liñas de semicolumnas acaroadas, maiores as correspondentes aos eixes principais da igrexa, co que se crea unha complexidade espacial que contrasta co aspecto exterior da igrexa. As naves cóbrense cun teitume de madeira a dúas augas, bardante a correspondente ao teórico cruceiro, cuberto a catro augas e lixeiramente elevado sobre os dous faldróns principais da cuberta. No muro norte da igrexa ábrese unha capela sepulcral, do século XV, cuberta con bóveda de cruzaría que provén de columnas acodilladas nos ángulos e a que se accede a través dun arco apuntado semellante aos arcos triunfais.

Os arcos triunfais que dan acceso ás capelas das ábsidas son tamén apuntados. A ábsida central é heptagonal e as laterais pentagonais; cóbrense con bóvedas nervadas de abano. As columnas que sosteñen os nervios da ábsida central están integradas nun zócolo corrido que forma unha arcatura con tres arcos trilobulados en cada tramo semellante ás dominicas de Pontevedra e Tui e á franciscana de Pontevedra. So os tres arquiños dos dous primeiros módulos da ábsida ábrense no friso arcos de medio punto que o comunican coas ábsidas laterais. Nos dous módulos seguintes os arcos forman unha especie de fornelos de gran profundidade. Sobre os arcos triunfais ábrense tres rosetóns, cuadrilobulados os laterais e con seis lóbulos o central.

Exterior

Presenta en conxunto un aspecto claramente románico, a excepción das esveltas xanelas oxivais das ábsidas e a da capela sepulcral. A fachada principal ou occidental mostra unha gran portada de tripla arquivolta lixeiramente apuntada sobre columnas acodilladas que desapareceron, conservándose unicamente as basas e os capiteis. O tímpano presenta as figuras de san Bieito e san Bernardo aos lados da do Salvador. Sobre esta portada ábrese un gran rosetón profusamente decorado a pesar da súa sinxeleza. Portada mais rosetón están enmarcados por dous grandes contrafortes, que se repiten nas esquinas da fachada e nas fachadas laterais. No lado norte da fachada principal e integrado na súa base con esta, érguese un modesto campanario de planta cadrada e arcos de medio punto lixeiramente apuntados nos catro ocos laterais.

Na fachada norte ábrese unha portada, cuxa feitura semella máis elaborada e polo tanto algo posterior á da fachada principal. A súa composición é semellante á desta última, cunha tripla arquivolta sobre columnas acodilladas que neste caso aínda se conservan completas. Tamén a arquivolta é máis apuntada cá fachada principal e enmarca un tímpano coa Adoración dos Reis Magos, iconografía que para Sá Bravo está moi estendida entre as igrexas góticas con reminiscencias románicas. A fachada está dividida en tres tramos por contrafortes, entre os que se intercalan tres fiestras tipo seteira na parte alta. A fachada sur presenta a mesma disposición de contrafortes e seteiras mais unha portada e unha xanela sinxelas de arco de medio punto na parte baixa do terceiro tramo.

No exterior da ábsida apréciase perfectamente o carácter de arquitectura oxival de tradición románica do templo. Neste sentido, cabe salientar como as trazarías claramente oxivais das tres fiestras da ábsida central, entre sinxelos contrafortes, contrastan cos ocos nos que se aloxan, rematados en arco de medio punto. Son máis sinxelas as xanelas, tamén en arco de medio punto e entre contrafortes, das ábsidas laterais, sen trazarías. As tres ábsidas están rematas por beirís sobre variados canzorros. No alzado correspondente ás ábsidas salientan os tres rosetóns do testeiro das naves maila fiestra de trazaría oxival, que están situadas na banda leste da capela sepulcral.

Galería de imaxes

Notas

  1. López Ferreiro, Antonio (1898-1909). "Historia de la Santa A.M. Iglesia de Santiago de Compostela. 11 tomos". Tomo II. Santiago: 265–266. 
  2. No Arquivo do Reino de Galicia. Fondo Vaamonde Lores. Sección 6-3.
  3. García Álvarez, M. Rubén (1966 = páxinas = 226-227). "Ordoño Adefonsiz, Rey de Galicia". Cuadernos de Estudios Gallegos. Tomo XXI. ISSN 0210-847X. 
  4. Núñez, Manuel (1978). Arquitectura prerrománica. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. p. 126. ISBN 8440054181. 
  5. Manuel Núñez sinala que «No capitel de Cins e de San Pedro de Armea hai unha característica moi orixinal: o florón é desprazado pola vieira no bordo do cálathos, a xeito do capitel no iconostasio de Santa María de Lena, aínda que nos capiteis galegos hai algo de grafismo corporeízado (o capitel de Lena ten unha técnica máis escultórica».
  6. Castillo López, Ángel del (1987). Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia (en castelán). Editorial de los Bibliófilos Gallegos. p. 131. 
  7. Sá Bravo, Hipólito de (1972). El monacato en Galicia (en castelán). Librigal. p. 280. 

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas