Moeda de 5 centavos de dólar Liberty Head de 1913

Anverso dunha moeda de 5 centavos de dólar Liberty Head de 1913.

A moeda de 5 centavos de dólar Liberty Head de 1913 é unha moeda de cuproníquel dese valor facial, deseñada por Charles E. Barber e producida en cantidades extremadamente limitadas e non autorizadas pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, o que a converte nunha das rarezas máis coñecidas e cobizadas da numismática estadounidense.[1]

En 1972, un exemplar desta moeda foi o primeiro en se vender por máis de 100.000 dólares estadounidenses; en 1996, outro exemplar converteuse no primeiro en superar o millón de dólares. Outro espécime vendeuse por 3 millóns de dólares nunha venda privada en 2004, e logo revendeuse por 3,7 millóns de dólares nunha poxa pública en 2010. O prezo máis caro alcanzado por esta moeda foi catro millóns de dólares, en 2007.

Coñécense unicamente cinco exemplares: dous en coleccións privadas e tres en museos.

Orixe

En febreiro de 1913 introduciuse na circulación a moeda de 5 centavos Buffalo, en substitución dos anteriores 5 centavos Liberty Head, que se viñera producindo desde 1883.[2] A ese novo modelo corresponden xa as primeiras cuñaxes oficiais de 1913, xa que nos rexistros oficiais da Casa da Moeda dos Estados Unidos non figura a cuñaxe de ningunha moeda do tipo Liberty Head ese ano. No entanto, en decembro de 1919, nunha reunión do Club de Moedas de Chicago, amosouse unha moeda de 5 centavos Liberty Head de 1913 ata entón descoñecida.[3] Logo, en agosto de 1920, a comunidade numismática tivo coñecemento da existencia de cinco exemplares do modelo Liberty Head datados en 1913, todos propiedade de Samuel Brown, un numismático que asistiu á convención anual da American Numismatic Association e exhibiou as moedas alí. El fora tamén o que presentara a moeda na reunión do Club de Chicago. Previamente publicara un anuncio no número de decembro de 1919 de The Numismatist no que solicitaba información sobre estas moedas e ofrecía pagar 500 dólares por cada unha e, aparentemente, debeu adquirilas como resultado dese anuncio. Porén, Brown fora empregado da Casa da Moeda en 1913, e moitos historiadores numismáticos chegaron á conclusión de que puido cuñalas el mesmo —ou encargar subrepticiamente a outros a súa cuñaxe— e sacalas despois da Casa da Moeda.[4][5] Q. David Bowers postula que Brown podería telas conseguido a través do gravador xefe da Casa da Moeda, George T Morgan, quen xa tiña antecedentes na cuñaxe irregular de moedas para llas vender a comerciantes numismáticos.[6][7]

Anuncio publicado por Samuel Brown en revistas numismáticas, ofrecendo comprar moedas de 5 centavos Liberty Head de 1913.[8]

De ser certo, non se trataría dun caso único, xa que este tipo de cuñaxes clandestinas foran bastante comúns no século XIX. O exemplo máis coñecido supúñano os dólares de prata de 1804 das clases II e III. Así e todo, outras autoridades numismáticas, entre elas o propio Q. David Bowers, non descartan unha hipótese diferente á da cuñaxe irregular, xa que hai varios motivos polos que as moedas poderían ter sido producidas lexitimamente polo Departamento de Medallas da Casa da Moeda "para fins de gabinete", ou tamén como pezas de proba cuñadas a finais de 1912 para probar os novos cuños de produción do ano seguinte, que non chegaron a ser operativos ao se cambiar o modelo.[6][7]

Cómpre salientar, ademais, que Brown tiña unha boa reputación na súa época: fora elixido alcalde de North Tonawanda, Nova York, e mesmo foi posteriormente invitado a formar parte da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos, en 1924 e en 1925. Non hai constancia de que naqueles momentos se vise a figura de Brown con malos ollos nin de que este fixese nada desfavorable para a Casa da Moeda, e tamén parece que foi un participante activo na comunidade numismática. Bowers non descartou por completo ningunha das hipóteses propostas acerca da vía pola que tivo acceso aos cinco exemplares da moeda de 5 centavos Liberty Head de 1913.[6][7]

Rastrexabilidade

Xa que logo, en 1920 os cinco espécimes coñecidos desta moeda estaban en mans de Samuel W. Brown. En xaneiro de 1924, o lote das cinco moedas púxose á venda a través do comerciante numismático de Filadelfia August Wagner. O seu comprador foi Stephen K. Nagy, quen llas vendeu a Wayte Raymond e este, pola súa vez, ao coronel E. H. R. Green —fillo da famosa investidora da Gilded Age Hetty Green—, que os conservou na súa colección ata a súa morte en 1936. O ano seguinte, o conxunto dos cinco exemplares foi taxado por F. C. C. Boyd, de Nova York, e posteriormente vendido en 1942 a través da compañía St. Louis Stamp & Coin Co. Eric P. Newman, de San Luís, foi o comprador dos cinco exemplares, en asociación con Burdette. G. Johnson.[6] Os novos propietarios dividiron o conxunto por primeira vez a mediados da década de 1940.[4] Os rumores posteriores acerca da existencia dun sexto exemplar que se perdeu ou permanece oculto parecen infundados.[9]

O espécime Eliasberg

O espécime Eliasberg.

Dos cinco Liberty Head de 1913, dous teñen acabamento proof —fondo espello e relevo mate— e os outros tres se produciron con técnicas de cuñaxe estándar. O exemplar de Eliasberg é o mellor dos coñecidos,[6] cunha cualificación de 66 outorgada por varios servizos profesionais de clasificación, entre eles PCGS[10] e NGC.[11][12]

Esta moeda foi vendida por Newman a Abe Kosoff en 1948, quen logo lla vendeu a Louis E. Eliasberg. Permaneceu na ampla colección de Eliasberg ata despois da súa morte.[6] En maio de 1996, vendeuse nunha poxa organizada por Bowers and Merena ao comerciante de rarezas Jay Parrino por 1.485.000 dólares, o prezo máis alto por unha moeda ata ese momento. Cando se volveu poxar en marzo de 2001, o prezo ascendeu a 1.840.000 dólares.[2] En maio de 2005, Legend Numismatics comprou este espécime de Eliasberg por 4.150.000 dólares.[13][14] En 2007, vendeuse novamente a un coleccionista anónimo de California por 5 millóns de dólares.[12][15][16]

O espécime Olsen

O espécime Olsen.

Aínda que o exemplar de Eliasberg é o mellor conservado dos cinco existentes, o coñecido como espécime Olsen é case con toda seguridade o máis famoso. Tanto PCGS como NGC o certificaron como Proof-64.[10][11] Este exemplar pareceu nun episodio da serie televisiva Hawaii Five-O titulado The $100,000 Nickel, que se emitiu o 11 de decembro de 1973.[6][17] Durante algún tempo foi propiedade do rei Faruq de Exipto.[18]

Cando Newman e Johnson desagregaron o xogo inicial de cinco moedas, o exemplar Olsen vendéuselle primeiro a James Kelly e logo a Fred Olsen. Este último vendeulle a moeda ao rei Faruq, pero o seu nome permaneceu unido a ela nos círculos numismáticos desde entón. En 1972, vendeuse novamente, a World Wide Coin Investments, por 100.000 dólares,[5] o que inspirou a súa aparición en Hawaii Five-O o ano seguinte.[17] O seu prezo duplicouse ata os 200.000 dólares cando se revendeu a Superior Galleries en 1978. Desde entón foi revendida en varias ocasións, e chegou a alcanzar os 3.000.000 de dólares nunha venda privada do coleccionista californiano Dwight Manley a Bruce Morelan e Legend Numismatics en xuño de 2004. Legend vendeu a moeda a Blanchard and Co. en 2005, que pola súa vez lla vendeu a un coleccionista privado, e máis recentemente por 3.737.500 dólares a Heritage Auctions, en xaneiro de 2010.[19][20] Non se revelou a identidade do último propietario.[18] En novembro de 2021 foi vendida novamente, pola casa Stack's Bowers, de Long Beach, por máis de catro millóns de dólares.[21]

O espécime Norweb

O espécime Norweb.

O espécime Norweb é un dos dous exemplares da moeda de 5 centavos Liberty Head de 1913 que acabaron en museos. Forma parte da Colección Numismática Nacional dos Estados Unidos, do Instituto Smithsoniano.[6][22]

Newman e Johnson venderon o exemplar de Norweb a F.C.C. Boyd, quen á súa vez o revendeu a Numismatic Gallery, unha compañía pola que pasaron varios dos cinco exemplares naqueles anos. En 1949, foi adquirida polo rei Faruq de Exipto para substituír o exemplar Olsen, logo da súa venda. Permaneceu na colección de Faruq ata que este monarca foi deposto por Gamal Abdel Nasser en 1952. Dous anos despois, todas as posesións de Faruq foron poxadas no Cairo polo novo réxime, baixo a dirección da oficina de Sotheby's en Londres. A Numismatic Gallery recuperou a súa propiedade e logo vendeulla ao embaixador Raymond Henry Norweb e a súa esposa.[6][22]

Na década de 1970, o matrimonio Norweb fixo varias doazóns importantes a institucións numismáticas dos EEUU, entre elas un exemplar do escasísimo dobrón Brasher de 1787 e moitas outras moedas raras da súa colección persoal á American Numismatic Society. Pola súa banda, o seu exemplar da moeda de 5 centavos Liberty Head de 1913 foi doado polos Norweb á Colección Numismática Nacional dos Estados Unidos, do Instituto Smithsoniano,[6] en 1978, para conmemorar o seu sexaxésimo aniversario de voda,[23][24] e alí permanece desde entón.[25][22]

O espécime Walton

O exemplar Walton é o que tivo unha traxectoria máis axitada dos cinco exemplares de 5 centavos Liberty Head de 1913. Durante máis de 40 anos descoñeceuse o seu paradoiro e críase que mesmo podía terse perdido. George O. Walton —quen lle dá nome a este espécime— comproullo directamente a Eric P. Newman e Johnson en 1942 por uns 3.750 dólares.[26] O 9 de marzo de 1962, Walton morreu nun accidente de coche cando se dirixía a unha exposición de moedas.[6] Prometéralles aos promotores da exposición que exporía alí o seu Liberty Head de 1913, polo que se supón que estaba entre as moedas que tiña no seu poder no momento do accidente mortal. En efecto, no lugar do accidente recuperáronse moedas por valor de 250.000 dólares, entre elas o Liberty Head de 1913, que estaba protexido nun pequeno estoxo feito á medida. Cando os herdeiros de Walton sacaron as súas moedas a poxa pública en 1963, a casa de poxas devolveulles a moeda porque determinara —erroneamente—que esta non era auténtica e, como consecuencia, a moeda permaneceu en posesión da familia, gardada nunha caixa forte no chan dun armario da casa da súa irmá, durante máis de catro décadas.[4][27][28]

En xullo de 2003, a American Numismatic Association (ANA) preparou unha exposición dos catro exemplares cuxo paradoiro se coñecía daquela. Como recurso publicitario, Donn Pearlman, consultor de relacións públicas e exgobernador da ANA, lanzou unha procura nacional do quinto exemplar desaparecido, e chegou a un acordo coa casa de poxas Bowers and Merena —naquel momento unha división de Collectors Universe— para ofrecer un mínimo dun millón de dólares pola súa adquisición ou como garantía por consignala nunha das súas poxas públicas. Ademais, ofrecíase unha recompensa de 10.000 dólares simplemente por deixar que os representantes de Bowers e Merena fosen os primeiros en ver o quinto espécime desaparecido cando este se atopase. Logo de ser sabedores da recompensa, os herdeiros de Walton levaron a súa moeda á convención da ANA en Baltimore, onde expertos autenticadores de Professional Coin Grading Service a examinaron detidamente e a compararon cos outros catro exemplares coñecidos. Nese momento, determinouse que o exemplar Walton era auténtico.[4][28][29]

A moeda foi vendida en poxa polos herdeiros en abril de 2013 por 3.172.500 dólares, moi por riba do seu valor estimado de 2.500.000 dólares.[30] Os compradores da poxa, Jeff Garrett —expresidente da ANA e propietario de Mid-American Rare Coin Galleries en Lexington, Kentucky— xunto co numismático Larry Lee, expuxérona no establecemento comercial de Lee, Coin & Bullion Reserves en Panama City, Florida, onde permaneceu exposta durante cinco anos para que os visitantes puidesen contemplala. En xuño de 2018, Garrett e Lee venderon o seu exemplar nunha venda privada que, segundo os informes, oscilaba entre 3 e 4 millóns de dólares, a Martin Burns, un avogado de Las Vegas, e ao seu irmán Ron Firman, de Miami. A continuación, os irmáns organizaron o regreso do espécime Walton en préstamo ao museo da American Numismatic Association, onde ficou exposta desde xullo de 2018.[28][31][32][33]

En outubro de 2022, a familia Firman vendeu a moeda a GreatCollections Coin Auctions por 4.200.000 dólares.[32][34][35]

O espécime McDermott

O exemplar de McDermott —tamén coñecido como espécime Bebee—, conservado no Museo do Diñeiro da American Numismatic Association en Colorado Springs, Colorado, distínguese por ser o único dos cinco con amosar algunhas marcas de circulación. Johnson e Newman vendéronllo a James Kelly, quen pola súa vez llo vendeu a J.V. McDermott, cuxo nome acabou formando parte da historia da moeda. McDermott adoitaba levar a moeda consigo e amosarlla aos clientes dos bares, facendo alarde da súa rareza e do seu valor extraordinarios.[4] Durante este proceso, a moeda foi perdendo parte do seu brillo orixinal de cuñaxe e McDermott acabou protexéndoa nun soporte para evitar que se desgastase máis.[6][36]

Logo da morte de McDermont o 29 de setembro de 1966, a súa viúva sacou a poxa a moeda en 1967 a través de Paramount Internatuional Coin Corporation, e esta foille adxudicada a Aubrey Bebee e a súa esposa Adeline por 46.000 dólares, propietarios dun comercio numismático en Omaha. Logo da súa xubilación, o matrimonio decidiu doar este espécime á American Numismatic Association en 1989, onde se expón no seu Museo do Diñeiro.[4][6][37]

Notas

  1. "1913 Liberty Nickel". Libertynickel.net
  2. 2,0 2,1 "1913 Liberty Head Nickel NGC Graded PR66 (Finest Known)". Coin Resource (Coinresource.com).
  3. Van Ryzin, R. R. (2020).
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 "1913 nickel: the nickel that never was". American Numismatic Association (Money.org).
  5. 5,0 5,1 Garrett, J.; Guth, R. (2003). Páxinas 10-11.
  6. 6,00 6,01 6,02 6,03 6,04 6,05 6,06 6,07 6,08 6,09 6,10 6,11 6,12 Bowers, Q. D. (2001). "Pedigree of Five Known 1913 Liberty Nickels". Professional Coin Grading Services.
  7. 7,0 7,1 7,2 Bowers, Q. D. (2018).
  8. The Numismatist. Vol. 32. Nº 2. Decembro de 1919. Páxina 513.
  9. "Is There a Sixth Specimen of the 1913 Liberty Nickel?". Numismatic Guaranty Corporation.
  10. 10,0 10,1 "1913 5C Liberty (Proof)". Professional Coin Grading Service.
  11. 11,0 11,1 "1913 Liberty 5C PF". Numismatic Guaranty Company.
  12. 12,0 12,1 "The Eliasberg/Dr. Morton-Smith Specimen". En The Finest Known 1913 Liberty Head Nickel. Stacks & Bowers. 2018. Páxinas 17-18.
  13. "1913 Liberty nickel sold for record price". CoinCollector.com
  14. "Nickel sells for 83 million times face value". NBC News. 2 de xuño de 2006.
  15. "The Eliasberg specimen 1913 Liberty Head nickel sold for $5 million in a private treaty sale" En Numismatic News. 21 de xullo de 2008.
  16. "Eliasberg 1913 Liberty Head Nickel Sold for Record $5 Million". U.S. Rare Coin Investments (Usrarecoininvestments.com).
  17. 17,0 17,1 "The $100,000 Nickel". IMDb.com
  18. 18,0 18,1 "The Olsen Specimen". En The Finest Known 1913 Liberty Head Nickel. Stacks & Bowers. 2018. Páxina 20.
  19. "Lot #2455: 1913 5C Liberty PR64 NGC". Heritage Auctions. 7 de xaneiro de 2010.
  20. "Nickel Featured on Hawaii Five-O Sells for $3.7 Million". Tvobscurities.com. 9 de xaneiro de 2010.
  21. "Over $4 million for Hawaii Five-O 1913 Liberty Nickel". En Coins Weekly. 25 de novembro de 2021.
  22. 22,0 22,1 22,2 "The Norweb Specimen". En The Finest Known 1913 Liberty Head Nickel. Stacks & Bowers. 2018. Páxina 19.
  23. "Hodder, M.; Bowers, Q. D. (1987). "The Norweb Collection". En The Norweb Collection: An American Legacy. Capítulo VI. Bowers and Merena Galleries. ISBN 978-0943161006
  24. Montgomery, P.; et al. (2005). Páxinas 147-148.
  25. "5 Cents, United States, 1913". National Museum of American History. Smithsonian Institution.
  26. "George O. Walton, Collector (1907-1962)". American Numismatic Association.
  27. Montgomery, P.; et al. (2005). Páxina 220.
  28. 28,0 28,1 28,2 "The Walton Specimen". En The Finest Known 1913 Liberty Head Nickel. Stacks & Bowers. 2018. Páxina 18.
  29. Deisher, B. (2003). "Found! - Missing 1913 Liberty Head 5¢ coin in closet for 40 years". En Coin World. 30 de xullo.
  30. "Rare 1913 nickel fetches more than $3.1M at auction". En Fox News. 2 de decembro de 2015.
  31. Gilkes, P. (2018). "Walton 1913 Liberty Head 5-cent gets new owners Arquivado 25 de xullo de 2023 en Wayback Machine.". En Coin World. 18 de xuño de 2018.
  32. 32,0 32,1 "1913 Liberty Nickels Liberty Head "V" Nickel". Usacoinbook.com
  33. "1913 Liberty Head Nickel. Nº 1989.0039.0001". Money Museum. American Numismatic Association.
  34. "This nickel just sold for $4.2 million. There are only four more coins like it". En USA Today News. 18 de outubro de 2022.
  35. "Walton 1913 Liberty Head Nickel Acquired by GreatCollections for $4.2 million". Greatcollections.com. 16 de outubro de 2022.
  36. "The McDermont Specimen". En The Finest Known 1913 Liberty Head Nickel. Stacks & Bowers. 2018. Páxina 20.
  37. "The 1913 Liberty Head Nickel: The Most Legendary and Sought-After Coin in American Numismatic History". Craftbuds.com

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos