Trátase da oitava e derradeira emisión da serie de moedas circulantes de 2.000 pesetas de prata, iniciada en 1994.
Marco lexislativo
Mediante unha Orde do 22 de marzo de 2001, publicada no Boletín Oficial do Estado do 27 de marzo, acordouse a emisión, a cuñaxe e a posta en circulación dunha moeda de 2.000 pesetas de prata con data de 2001, conmemorativa da derradeira emisión da peseta.[2]
Conforme establecía a Orde, a moeda era de curso legal e debía ser proporcionada polas entidades bancarias ao seu valor facial,[2] aínda que a súa circulación foi escasa, dada a súa curta tiraxe final —1.942.835 exemplares—[3] e tendo en conta que naquel momento existía xa un billete de 2.000 pesetas de uso moi común, polo que a maioría dos exemplares foron retirados da circulación polos coleccionistas numismáticos e pola poboación en xeral, a modo de recordo.[4]
A norma establecía tamén que "esta moeda será admitida nas caixas públicas sen limitación, e entre particulares ata 20.000 pesetas, calquera que for a contía do pagamento".[2]
Na parte superior do reverso figura a inscrición ULTIMA EMISION DE LA PESETA, así como a palabra ESPAÑA e o M coroado a modo de marca de ceca da FNMT. Por debaixo, a indicación do valor, 2000 PTAS,[1] separada por unha imaxe latente na que, en función da orientación, se pode ver novamente a marca de ceca ou ben os derradeiros díxitos do ano de cuñaxe: 01.[2]
O mesmo motivo do reverso foi tomado tamén para a moeda circulante de 100 pesetas do mesmo ano 2001.[5]
A moeda de 2.000 pesetas foi desmonetizada o 28 de febreiro de 2002,[1] e en xuño de 2021 concluíu o prazo para a cambiar polo seu valor nas entidades bancarias.[4]