Mediante unha Orde do 23 de febreiro de 1996, publicada no Boletín Oficial do Estado do 5 de marzo, acordouse a emisión, a cuñaxe e a posta en circulación dunha moeda de 2.000 pesetas de prata con data 1996, conmemorativa do 250º aniversario de Francisco de Goya.[1]
Conforme establecía a Orde, a moeda era de curso legal e debía ser proporcionada polas entidades bancarias ao seu valor facial,[1] aínda que a súa circulación foi escasa, dada a súa curta tiraxe final —3.781.150 exemplares—[3] e tendo en conta que naquel momento existía xa un billete de 2.000 pesetas de uso moi común, polo que a maioría dos exemplares foron retirados da circulación polos coleccionistas numismáticos e pola poboación en xeral, a modo de recordo.[4]
A norma establecía tamén que "esta moeda será admitida nas caixas públicas sen limitación, e entre particulares ata 20.000 pesetas, calquera que for a contía do pagamento".[1]
Caracterización
O seu anverso, deseñado e gravado por Manuel Martínez Tornero, amosa un busto de perfil de Xoán Carlos I (1975-2014) ollando cara á esquerda, rodeado pola lenda JUAN CARLOS I REY DE ESPAÑA e a data de 1996. O conxunto está encerrado por unha grafila lisa.[1][2]
Completan o reverso, na súa parte superior a sinatura do pintor, a expresión do valor facial da moeda, 2000 PTAS, e un M coroado a modo de marca de ceca da Fábrica Nacional de Moneda y Timbre; e por baixo da figura, as datas da conmemoración, 1746 1996, separadas por unha imaxe latente na que, en función da orientación, se pode ver novamente a marca de ceca ou as dúas cifras derradeiras do ano de emisión: 96. En lugar da forma circular habitual, a imaxe latente ten nesta moeda forma de paleta de pintor.[1][2]
A moeda de 2.000 pesetas foi desmonetizada o 28 de febreiro de 2002,[2] e en xuño de 2021 concluíu o prazo para a cambiar polo seu valor nas entidades bancarias.[4]