Moeda de 2.000 pesetas de 1995

2000 pesetas de 1995 [1][2]
A/: Cabeza espida de Xoán Carlos I cara á esquerda. Data.

Lenda: JUAN CARLOS I REY DE ESPAÑA

R/: Palacio Real. Logo da presidencia española do Consello da UE. Marca de ceca (M).

LENDA: 2000 PTAS / PRESIDENCIA CONSEJO U.E.

A moeda de 2.000 pesetas de 1995 é unha moeda española de prata dese valor facial emitida pola FNMT para conmemorar a primeira presidencia española do Consello da Unión Europea, durante o segundo semestre de 1995.

Trátase da segunda emisión da serie de moedas circulantes de 2.000 pesetas de prata, que se iniciou en 1994.

Marco lexislativo

Mediante unha Orde do 24 de marzo de 1995, publicada no Boletín Oficial do Estado do 5 de abril, acordouse a emisión, a cuñaxe e a posta en circulación dunha moeda de 2.000 pesetas de prata con data 1995, conmemorativa da primeira presidencia do Consello da Unión Europea exercida por España.[1]

Conforme establecía a Orde, a moeda era de curso legal e debía ser proporcionada polas entidades bancarias ao seu valor facial,[1] aínda que a súa circulación foi escasa, dada a súa curta tiraxe final —6.151.000 exemplares—[3] e tendo en conta que naquel momento existía xa un billete de 2.000 pesetas de uso moi común, polo que a maioría dos exemplares foron retirados da circulación polos coleccionistas numismáticos e pola poboación en xeral, a modo de recordo.[4]

A norma establecía tamén que "esta moeda será admitida nas caixas públicas sen limitación, e entre particulares ata 20.000 pesetas, calquera que for a contía do pagamento".[1]

Caracterización

Logo da presidencia española do Consello da UE de 1995, reproducido no reverso .

O seu anverso, deseñado e gravado por Manuel Martínez Tornero, amosa un busto de perfil de Xoán Carlos I (1975-2014) ollando cara á esquerda, rodeado pola lenda JUAN CARLOS I REY DE ESPAÑA e a data de 1995. O conxunto está encerrado por unha grafila lisa.[1][2]

Pola súa banda, o motivo central do reverso, obra de Luis José Díaz Salas, é unha imaxe do Palacio Real de Madrid visto desde os xardíns de Sabatini, o lugar onde se celebrou a reunión do Consello Europeo entre os días 15 e 16 de decembro de 1995 na que, entre outros asuntos, se decidiu a denominación de "euro" para a futura moeda europea.[1][2]

Palacio Real de Madrid, elemento principal do reverso da moeda.

Completan o reverso, na parte superior da moeda, a expresión do seu valor facial, 2000 PTAS, un M coroado a modo de marca de ceca da Fábrica Nacional de Moneda y Timbre, o logotipo da presidencia española do Consello da Unión Europea cunha lenda alusiva, e un óvalo cunha imaxe latente na que, en función da orientación, se pode ver novamente a marca de ceca ou as dúas cifras derradeiras do ano de emisión: 95.[1][2]

A moeda de 2.000 pesetas foi desmonetizada o 28 de febreiro de 2002,[2] e en xuño de 2021 concluíu o prazo para a cambiar polo seu valor nas entidades bancarias.[4]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Orde do 24 de marzo de 1995". BOE Nº 81, 5 de abril de 1995. Páxinas 10.199-10.200.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "2000 Pesetas - Juan Carlos I Presidency of the council of the European Union". Numista.com
  3. "Moneda de 30 euro / 20 euro / 12 euro / 2.000 pesetas". FNMT - Casa de la Moneda (FNMT.es).
  4. 4,0 4,1 López, F. J. (2023). "Moneda de 2000 pesetas de 1995: Valor y Precio". Coleccionismodemonedas.com. 16 de febreiro .

Véxase tamén

Bibliografía

  • Lamas Bolaño (2023). Catálogo enciclopédico de monedas de España 2024. Lamas Bolaño, Barcelona. ISBN 978-8409545193

Outros artigos

Ligazóns externas