Existen varias evidencias que nos levan a relacionar a Mitrídates III coa familia parta reinante, e que mesmo podería determinar a paternidade de Mitrídates. O primeiro é un documento en pedra da zona de Behistun, na zona occidental de Persia, de época de Mitrídates onde aparece o rei xunto a catro dignatarios do seu reino:
Kophasates, Mitrídates, o Confidente Mitrídates, Gotarces, Sátrapa de Sátrapas (e) o Rei de Reis, Mitrídates
O primeiro e o terceiro nome corresponde a personalidades menores, con todo o segundo, Mitrídates, podería facer referencia a Mitrídates III, como fillo de Mitrídates II e por tanto irmán de Gotarces I. A isto engadimos o feito que nas moedascuñadas por Mitrídates III aparece o epíteto ΦΙΛΟΠΑΤΟΡΟΣphilopátoros (o que ama ao seu pai) o que podería facer referencia á súa relación coa dinastía reinante e así xustificar o seu ascenso ao trono[1]. Non obstante os investigadores carecen de suficientes datos para dar por definitiva esta relación paterno-filial.
Reinado
En torno ao -87 menciónase en textos cuneiformes a referencia á entronización dun novo rei parto, que coincide no ano coa expulsión do tamén usurpador Sinatruces de Susa e da morte de Gotarces I.
Nos primeiros meses do seu reinado interveu na guerra entre os monarcas seléucidasFilipo I Filadelfo e Demetrio III Eucarios. O outrora poderoso imperio seleúcida quedara reducido ao territorio sirio ameazado constantemente polo expansionismo armenio. A acción de Mitrídates III foi en axuda de Filipo I cando este se achaba cercado polo seu irmán en Beroea. Mitrídates conseguiu derrotar e capturar a Demetrio, o cal morreu en Partia[2].
As relacións co reino de Armenia, dirixido por Tigranes o Grande sufriron unha considerábel deterioración. Tigranes, criado como refén na corte parta, fora aliado de Mitrídates II e tamén do seu fillo Gotarces I a quen casara coa súa filla Aryazate, e que moi posibelmente fosen os pais de Orodes I, que foi desposuído da sucesión por Mitrídates III.
Tigranes aproveitou a situación delicada do reino parto para declarar a guerra, e desprenderse da súa tutela. Armenia logrou facerse cos territorios de Osroene, Adiabene, Gordiena e Atropatene e sometelos a vasalaxe:
A debilidade do reino foi aproveitada por Orodes I quen lanzou unha campaña contra Mitrídates III nas satrapías occidentais. Orodes tomou Babilonia no ano -81 (o diario astronómico de Babilonia mencionan unha eclipse lunar no seu primeiro mes de reinado) continuou a guerra até a definitiva derrota (mención nos bronces de Susa o ano 233 SEM, agosto/setembro do ano -80 de Orodes I). Non se sabe nada sobre o destino de Mitrídates III, algunhas teorías apuntan a que quizais non morrese e fuxise cara ás rexións máis inaccesíbeis do norte do imperio, onde falecería ao ano seguinte.
Notas
↑GHOLAMREZA, F. Assar A Revised Parthian Chronology of the Period 91-55 BC. PARTHICA: incontri di culture nel mondo antico. Istituti editoriali e poligrafici internazionali (Pisa-Roma). 2006, n. 8, p. 69 e ss